A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra convida a participar na manifestación que vai ter lugar en Ferrol, como noutra cidades da Galiza, este sábado 9 de setembro, ás 19 hs.que partirá da Praza de Amada García, baixo o lema "Un maltratador non é un bo pai".
Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos facer explícito o noso apoio a Juana Rivas e a todas as mulleres que se atopan nesta terrible situación de indefensión.
A decisión de Juana é moi valente, mais ela non pretendía ser unha heroína, só quería protexer aos seus fillos dun pai que a fixo vivir nun inferno de maltrato e que resultou condenado por violencia machista no 2009. Volveuno a denunciar no 2016 no estado español, que tardou un ano en trasladar a denuncia a Italia, o país competente para tramitala, o que indica o grado de prioridade e carencia de medios que teñen estas cuestións no sistema xudicial. A súa fuxida foi unha decisión sobre todo desesperada, xa que o sistema xudicial non lle deixou unha opción mellor que deixar os seus fillos nas mans do home que a agredía. Juana demostroulle á sociedade que fronte a indefensión que crean certas leis só lle cabe as afectadas a desobediencia. Unha desobediencia que non é gratuíta. Juana enfróntase a pena de prisión e a privación da custodia sobre os seus fillos. O irónico é que a efectos da lei teñen o mesmo dereito sobre as crianzas vítima e verdugo, e que a castigada nestes casos pase a ser a vítima.
@s menores son tamén vítimas da violencia machista que viven nos fogares. Ou ben porque sofren agresións directas ou ben porque medran nun entorno de medo e violencia. Polo tanto, resulta grotesco que a persoa que exerce esa violencia se considere a efectos legais un pai con dereito a custodia e réxime de visitas, porque non se considera prexudicial para o desenvolvemento d@s súas fill@s.
A maiores, temos espantosos exemplos de casos nos que as crianzas son empregadas por agresores como arma para ferir a nai, sabendo a magnitude dese dano. Así sumamos loitos na Galiza de menores asasinad@s en réximes de visita por pais con historiais de maltrato. Que dereitos está a defender a lei? Os do pai ou os d@ menor? Sabemos que se están a dar algúns pasos neste eido, mais a realidade berra que son coma maquillaxe, lentos e insuficientes. Juana tivo que fuxir, porque estes son os medos e realidades que unha nai ten cando deixa @s súas fill@s nas mans dun maltratador.
Juana tamén nos demostrou que xuntas somos máis fortes, que a mobilización social é fundamental para que a xustiza se faga oír e que o patriarcado retroceda e que no berro de “Juana está na miña casa” se inclúen todas esas mulleres que viven no terror, que deste xeito están moito menos soas.
TODAS AS MULLERES COMA JUANA RIVA ESTÁN NA NOSA CASA
Somos persoas divers@s, mais iguais en dereitos
'As mulleres decidimos'
Coordenadora Nacional Galega
Marcha Mundial das Mulheres
Marcha Mundial das Mulleres
Rúa Romil, 20, baixo
36202 Vigo-Galiza
Teléfonos de contacto:
Coord. A Coruña 639 78 76 26
Coord. Compostela: 647735737
Coord. Vigo: 630486886
Coord. Ourense: 652140217
Coord. Ferrolterra: 636 87 86 06
Comunicación:
http://www.feminismo.info
@MMMGaliza
Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan arredor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderado das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movementos sociais progresistas.
Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
4 de setembro de 2017 21:39
Marcha Mundial das Mulleres - Galiza
-marchagaliza@gmail.com-
28 de agosto de 2017 14:56
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon