venres, novembro 17, 2017

A Xunta publica no DOG a posta en marcha da Renda Básica das iguais que deroga a RISGA

Tags


A Xunta publica no DOG a posta en marcha da Renda Básica das iguais que deroga a RISGA


Obviamente o titular é falso. O dicimos na primeira frase para que ninguén leve a engano. Xa nos gustaría que moitas máis na Galiza e no Estado Español apostaran pola Renda Básica das iguais (RBis) como ferramenta para reorganizarmos a vida dende abaixo cunhas mínimas condicións para todas. Malia a nosa posición, avisamos que seguiremos teimudas nunha loita que desexamos que sexa compartida e que leve dentro moitas máis.

Luis González Reyes, Yayo Herrero (por citar só uns nomes) vaticinan que o sistema lévanos ao colapso, a unha moi grave crise que pagaremos con máis crueza as empobrecidas. Como agora, pero peor. Porén, non ficamos inmobilizadas polos augurios xa que precisamos movementos, resistencias, abrir reflexións que posibiliten saídas colectivas a esta tolemia do capitalismo.

En fronte temos, tamén teimudo,ao poder. Eles seguen a recuncar en medidas que afondan na desigualdade desbotando os indicios. Deste xeito, seguen a presentar parches ou esmolas como únicas estratexias posibles para xestionar a pobreza. Os mesmos responsables (ou colaboradores) do noso empobrecemento aparecen, así, como “os nosos salvadores”.

Seica en breve, algunhas din que antes de rematar 2017, a Consellería de Política Social vai publicar o decreto que desenvolve a RISGA (Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia). Case tres anos e medio de excepción na xestión desta faragulla. Están-no a facer á calada, non sabemos do borrador e das sorpresas que poden vir con el.

Moitas vimos denunciando a opacidade e a xestión a golpe de instrucións opacas desta axuda. Pero medo temos, dun documento -que de seguro virá anunciado con bombo e prato- que lonxe de ampliar o catálogo de dereitos sociais vai pór na escrita máis restritividade e control. Teremos que escoitar que non paran de medrar os orzamentos da RISGA, tentado facer esquecer que para iso as Axudas de Inclusión Social están en suspenso ou, máis grave, que esta renda apenas chega a un pequeno número de galegas que malviven na pobreza.

Ante isto, seguiremos a nós organizar, a visualizar o seu desastre de políticas, os seus negocios coas nosas necesidades, a inviabilidade dun sistema que sustentado en aniquilarnos e en responsabilizar aos individuos do fracaso, que para a maioría, supón este sistema.

Esiximos dereitos para todas, estamos fartas das faragullas, da xestión da miseria, de negocios coa nosa miseria e necesidades. Por iso: Renda Básica das iguais e moito máis!

Vigo, novembro de 2017

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
17 de novembro de 2017 09:42

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon