mércores, decembro 20, 2017

A eurodeputada galega, Lídia Senra, participa en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico-UE - Participou nun debate sobre como mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países de ACP - Reclama que as institucións recoñezan e actúen en consecuencia coas e cos refuxiados climáticos e que se traballe máis na prevención e nas raíces do cambio climático


Lídia Senra participa en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico-UE. | A eurodeputada participou nun debate sobre como mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países de ACP. | Reclama que as institucións recoñezan e actúen en consecuencia coas e cos refuxiados climáticos e que se traballe máis na prevención e nas raíces do cambio climático.


A eurodeputada Lídia Senra está a participar en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico (ACP) - Unión Europea (UE), como membro da Delegación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). A europarlamentaria galega desprazouse o pasado venres a Porto Príncipe xunto con outros eurodeputados e eurodeputadas, onde permanecerán até este xoves.

Despois do traballo previo das Comisións durante o sábado e o domingo, o luns tivo lugar a apertura da 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria ACP-UE. Un dos temas de debate nesta primeira sesión foi un informe sobre a necesidade de "Mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países da zona ACP". “Este é un tema que nos afecta a todos e a todas, e que reviste unha grande importancia nos países do Caribe fortemente afectados por fenómenos metereolóxicos e catástrofes climáticas extremas. Haití, antes de que puidera recuperarse da catástrofe provocada polo terremoto do 2010, viu empeorar aínda máis a situación co furacán Mattew”, explica a eurodeputada. Segundo o informe 2016 sobre riscos mundiais abordado na xuntanza, outros sete países do grupo ACP están expostos a un elevado risco de fenómenos naturais extremos (Vanuatu, Tongo, Illas Salmon, Papúa-Nova Guinea, Timor Leste, Mauricio e Guinea-Bissau).

Neste contexto, Senra lembra que “sabemos que o cambio climático aumenta a frecuencia, a intensidade, a extensión xeográfica e a duración dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. Tamén a escaseza de augas superficiais, os asolagamentos, os periodos de choivas ou secas prolongadas ou o aumento do nivel dos océanos son consecuencias do cambio climático que afectan en todos os países do mundo (tamén na Galiza). “Provocan perdas importantes na agricultura e polo tanto o aumento da fame, xeran un aumento da pobreza e das desigualdades, dos problemas de saúde, e tamén o desprazamento das poboaciones nas zonas máis afectadas. As e os refuxiados climáticos son unha realidade que temos a obriga de recoñecer  e actuar en consecuencia”, defende.

Así, Lídia Senra defendeu que “para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes climáticas é necesario atacar as raíces; as decisións políticas que provocan o cambio climático, e tamén actuar en materia de prevención para reducir ao máximo os impactos dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. En canto ás raíces do cambio climático, citou a importancia de abordar o sistema agroalimentario, baseado nos modos de produción agraria industrializada e os mercados globalizados de alimentos. “Podemos consideralos responsables de ao redor dun 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro”, dixo. Fronte a iso, chamou a promover a agricultura labrega de base agroecolóxica e os circuitos curtos de comercialización como elementos valiosos para contribuír a arrefriar o planeta.

Promover a resiliencia fronte ao cambio climático a longo prazo significa que a Unión Europea debe adoptar unhas políticas coherentes de redución do consumo de enerxía, poñer fin ao acaparamento de terras e ao deterioro dos ecosistemas e a biodiversidade”, engadiu.

En canto á prevención para reducir o impacto das catástrofes, Lídia Senra considera necesario “aprender das boas prácticas” e puxo como “exemplo de éxito” a Cuba, para considerala positiva á hora de poñer en marcha medidas para reducir o impacto en caso de riscos metereolóxicos como as tempestades tropicais.

No marco do lugar no que se están a desenvolver estes encontros, Senra destacou a cooperación rexional que se dá no Caribe. “Parécennos moi positivas as iniciativas de xestión de riscos no Caribe e os acordos acadados no 6º Cumio CARICOM-CUBA para traballar en conxunto nunha Axenda Estratéxica Rexional para abordar a xestión de risco de desastres, a asistencia humanitaria e a reconstrución; así como o Memorando de Entendemento sobre a Redución do Risco de Desastres da Axencia de Manexo de Emerxencias e Desastres no Caribe de CARICOM e o Estado Maior da Defensa Civil de Cuba”, dixo.

Santiago, 19 de decembro de 2017.

Reportaxen fotográfica da participación nas actividades en Haití.







---

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu  

http://ageuropa.gal/

http://www.acp.int/

http://www.europarl.europa.eu/intcoop/acp/10_01/default_en.htm

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
19 de dezembro de 2017 19:52
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon