martes, decembro 19, 2017

Está previsto que o 9 de marzo de 2018 entre en vigor a nova Lei de Contratos do Sector Público - Pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento e do Consello Europeo, 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014 - Unha negociación opaca para unha lei que obriga a dar transparencia á contratación


O Congreso aprobou a reforma da Lei de Contratos do Sector Público


Elimina os negociados por prezo, obriga a que o proceso sexa máis transparente e crea un novo organismo de vixilancia da contratación. Entrará en vigor a finais en marzo de 2018.

Tralo último trámite parlamentario, xa temos nova Lei de Contratos do Sector Público. O Congreso rexeitou as enmendas propostas polo PP no Senado con 171 votos en contra e 164 a favor (o propio PP, Cidadáns, Foro Asturias, Coalición Canaria e UPN) e a reforma da norma xa é unha realidade. España cumpre así a transposición das directivas europeas aprobadas en 2014. Iso si, un ano e medio máis tarde.

De feito, algúns dos grandes cambios que trae a lei veñen marcados por Europa, como a obrigación de publicar as modificacións dos contratos (os famosos sobrecustos) e o fin do uso do procedemento negociado -aquel no que se adxudica un contrato sen concurso aberto- para contratos por baixo dun limiar de prezo (seguen-se permitindo noutros supostos).
Unha negociación opaca para unha lei que obriga a dar transparencia á contratación

Coas présas por chegar tarde aos prazos europeos e ante unha norma complexa, a súa aprobación tramitouse de urxencia pero durou meses. O debate, iso si, celebrouse a porta pechada, en comisión. E é xusto aí onde estivo a clave do trámite parlamentario. No Congreso, a maioría de grupos consensuaron boa parte das emendas nesas reunións. No Senado a cousa foi ben distinta. O PP fixo uso da súa maioría e aplicou o rodeillo, vetando todas as emendas do resto de grupos e aprobando só as súas, todas centradas en cambiar un matiz -importante- na norma. Si as empresas que contratan coas administracións públicas estaban obrigadas a cumprir os convenios colectivos sectoriais, trala aprobación desas emendas do partido do Goberno o requisito é acatar os convenios "que sexan de aplicación", o que significa que con cumprir os de cada empresa, ás veces inferiores en dereitos dos traballadores, é suficiente. Ao final tombáronse estas emendas no Congreso. O presidente da Comisión que debateu a norma no Senado, José Luís Sanz Ruiz, foi acusado pola Fiscalía de manipular a contratación do concello do que era alcalde.

O negociado ao aberto simplificado


Un dos avances máis relevantes da norma é o coto ao uso do negociado por criterios de prezo, que pasan a tramitarse mediante o novo procedemento aberto simplificado. Este novo proceso poderase utilizar en contratos de obras de menos de dous millóns ou de fornezo e servizos de menos de 100.000 euros nos que os criterios de adxudicación mediante xuízos de valor non superen o 25% do total. A licitación publicarase só no perfil do contratante e os prazos de presentación de proposicións, adxudicación e formalización son máis curtos e sinxelos.

Iso si, os negociados non desaparecen, mantéñense cando haxa outras razóns: si só se pode adxudicar a un empresario, en contratos secretos e reservados, si non funciona o procedemento aberto, cando non se poden establecer os criterios de forma clara...

Partidos políticos, sindicatos e organizacións empresariais terán obrigacións dentro da nova lei, impostas pola directiva europea, sempre que a maioría do seu financiamento sexa pública e só para os grandes contratos, coa excepción daqueles destinados ás campañas. Non teñen as mesmas obrigacións que as administracións públicas, pero deberán cumprir algúns requisitos, como establecer instrucións claras de contratación baseadas nos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, igualdade e non discriminación. Ademais, deberán adxudicalos contratos á mellor oferta e contar cun perfil do contratante que publique licitacións e adxudicacións motivadas.

Os contratos menores, aqueles que se poden adxudicar de forma directa sen pasar por todo o procedemento de contratación, pasan de ser aqueles de menos de 50.000 euros en obras e 18.000 en servizos en subministros aos que non superen os 40.000 e 15.000 euros, respectivamente.


Un novo organismo


A norma crea un novo organismo de supervisión, destinado a vixiar o cumprimento da lei e detectar prácticas corruptas. Iso si, aínda que se chama Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, a súa independencia só está no nome e sobre o papel: os seus membros, funcionarios, serán nomeados polo Goberno. Ademais, dependerá organicamente do Ministerio de Facenda e Función Pública. Podemos pedira un novo organismo, pero máis independente; e Cidadáns a creación dunha sección dentro da CNMC, sobre todo centrada na vixilancia da competencia.

Pero, ademais, durante a tramitación incluíronse algunhas novidades importantes, moitas delas centradas na obrigación de publicar os informes que xustifican as decisións que se tomen. Por que se permite unha modificación? Como se xustifica cunha baixa temeraria? Quen deciden quen se leva un contrato e baseándose en que? A partir de marzo de 2018, os contratos públicos deberán incluír esa información, xunto aos nomes de todos os licitadores participantes, os informes previos ou a composición das UTE que se leven contratos públicos.

Toda esa información publicarase nos perfís do contratante de cada administración e na Plataforma de Contratos do Sector Público de forma aberta, en formatos reutilizábeis e, como mínimo, por un período de cinco anos. Pero, ademais, poderanse solicitar contratos anteriores vía solicitude de acceso á información.

Fonte Eva Belmonte da Fundación Civio | 19 outubro 2017. | Baixo Licenza CC Re-publica. | Ir á Web.

Máis info sobre a Lei de Contratos del Sector Público, por Eva Belmonte | Ir á Web.
---
Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014. | Ir á Web.

A revista 'A Administración Pública ao Día' do INAP, publica un interesante traballo: A tarifa como contraprestación que pagan os usuarios no contrato de concesión de servizos da Lei 9/2017 de 9 de novembro de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento interno as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE de 26 de febreiro de 2014 (LCSP-2017) introduciu algunhas novidades moi relevantes na precisión da natureza da contraprestación que pagan os usuarios pola prestación dun servizo por parte do concesionario... Por Joaquín Tornos Mais é Catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Barcelona. | Ir á Web.
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon