xoves, decembro 21, 2017

Un servizo novo na Área de saúde das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal: Consulta de Logopedia e Foniatría, unha nova prestación do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación emprazado no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, unha infraestrutura sanitaria pendente de rehabilitar


O pasado 4 de decembro o gabinete de Comunicación Xerencia Integrada de Ferrol, facía publica esta nota de prensa que consideramos de interese difundir, por tratar-se dun servizo novo na Área de saúde das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal: Consulta de Logopedia e Foniatría,
unha nova prestación do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación emprazado no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, unha infraestrutura sanitaria pendente de rehabilitar.

A POBOACIÓN DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL CONTA CUNHA NOVA CONSULTA DE FONIATRÍA E LOGOPEDIA DE ADULTOS.

Activábase este verán; ofértase un día a semana; e vense unha media de nove persoas á semana. | Atende a pacientes que presentan alteracións da linguaxe e a fala por problemas fundamentalmente neurolóxicos; e, tamén, a pacientes con problemas de deglución. | A valoración médica e o enfoque diagnóstico realízao a especialista en Medicina Física e Rehabilitación formada a este respecto, Mercedes Doval Álvarez. | Se esta profesional o considera necesario, o paciente acude a sesións de terapia da nova logopeda incorporada á area sanitaria ferrolá.

A poboación da Xerencia Integrada de Ferrol conta dende o verán cunha nova consulta de Foniatría e Logopedia de adultos. É unha nova prestación do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación emprazado no Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Atende a pacientes que presentan alteracións da linguaxe e a fala por problemas fundamentalmente neurolóxicos; e, tamén, a pacientes con problemas de deglución. Activábase este verán, e ofertase un día a semana, os luns. Vense unha media de nove pacientes á semana.

Habilitáronse unha consulta para Foniatría, coa súa correspondente sala técnica, e unha sala de terapia para a logopedia. Na sala técnica, incorporouse unha nova parataxe para a exploración instrumental, un nasofibroscopio flexible e un programa informático específico para análise de voz. Este nasofibroscopio permite o exame de estruturas ata a larinxe e comprobación do funcionamento de cordas vocais por observación directa.

Perfil do paciente

O perfil do paciente que se está a incorporar fundamentalmente a esta nova consulta é o paciente con afasia, que é unha alteración da linguaxe e da fala orixinada fundamentalmente por unha lesión cerebral, por patoloxías neurolóxicas, como un ictus, ou por traumatismos craneoencefálicos. Con esta afasia prodúcense tanto alteracións da linguaxe (expresión, compresión, lectura e escritura), como outras tales como físicas, intelectuais (razoamento ou cálculo), de comportamento ou emocionais. Cada persoa con afasia é distinta polo tipo de lesión ou gravidade da mesma, pola personalidade, ou pola idade e profesión.

Tamén vense nesta consulta pacientes con problemas de deglución, por causas tamén neurolóxicas ou por cirurxías específicas a nivel orofacial ou de cabeza. Ás veces, os pacientes tamén amosan disartria, problema físico na articulación que dá problemas na fala sen alteración do contido.

O paciente chega a esta consulta por varias vías. Moitos xa están sendo atendidos polas secuelas dun accidente cerebrovascular ou ictus no propio Servizo de Rehabilitación, e poden presentar algún tipo de afasia ou problema de deglución. Por outra banda, poden ter a súa orixe no contacto xa estreito co Servizo de Neuroloxía e a revisión daqueles pacientes hospitalizados que poden ter algún trastorno da linguaxe. Tamén poden chegar procedentes da especialidade de Otorrinolaringoloxía, e son pacientes sometidos a algunhas cirurxías específicas. O obxectivo nestes casos é facilitar a mobilidade da zona orofacial tras esa cirurxía.

As interconsultas doutras especialidades valóranse folla por folla e se asigna o día de consulta se é necesario. A valoración médica e o enfoque diagnóstico realízao a especialista en Medicina Física e Rehabilitación formada a este respecto, Mercedes Doval Álvarez, nunha consulta na que, explica, “se inclúen aspectos específicos de comprensión e expresión e de capacidade a través de test que valoran a situación concreta de cada paciente”. Por outra banda, nesta consulta de Foniatría esta profesional considera igualmente se é necesaria a intervención da logopeda ou non. Se é necesario, acude á sesión de terapia coa nova profesional que se ten incorporado á area.

Logopedia
Esta nova profesional valora uns sete pacientes ó día. Trátase de traballar a alteración da linguaxe e da comunicación que dificulta a súa vida diaria e a compresión, a lectoescritura. Estas dificultades “foron provocadas fundamentalmente por patoloxías como un ictus, un problema de deglución, un alzheimer, ou as consecuencias cirúrxicas dun cancro orofacial, fundamentalmente”.

Realízanse diversas terapias tanto de estimulación da atención e a memoria como da musculatura orofacial, o que se coñece como praxias bucolinguofaciais, para recuperación da mobilidade e a tonicidade, explican. Realízanse tamén exercicios de memoria e estimulación da linguaxe tanto espontánea (cando non hai unha pregunta dirixida previa) como dirixida (en base a unha serie de preguntas). Con respecto ás disfaxias valórase a musculatura orofacial e trabállase coa textura dos alimentos, e, tamén, coa reeducación da posición e as axudas compensatorias á respiración. Realízanse tamén actividades relacionadas coa anomia, o esquecemento de nomes comúns, e para o incremento do vocabulario. Os acompañantes do ou da paciente poden estar na sesión e seguir os exercicios e as dinámicas, para continualos no día a día.

En función da secuela, enfócase unha terapia ou outra. “A diario, a foniatra e a logopedia temos comunicación constante sobre os pacientes e a súa valoración nos distintos aspectos”, inciden. En conxunto, un paciente pode estar ata seis meses sendo atendido nesta consulta, dependendo da patoloxía e da afectación.

Ferrol,a 4 de decembro, de 2017

Comunicación Xerencia Integrada de Ferrol. | Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, andar baixo. |
comunicacion.ferrol@sergas.es

Enviado por:
Inacio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de dezembro de 2017 11:05

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon