xoves, xaneiro 04, 2018

A Fundación Fragas do Mandeo fai balance dun ano de actuacións para preservar a biodiversidade da comarca d'As Mariñas - Estas foron as actividades de fin de ano - 116 voluntarias conservaron a natureza n'As Mariñas no 2017


116 voluntarias conservaron a natureza en As Mariñas no 2017


A Fundación Fragas do Mandeo fai balance dun ano de actuacións para preservar a biodiversidade da comarca d'As Mariñas.

Fragas do Mandeo viviu o cambio de ano traballando pola conservación da natureza da nosa bisbarra.

O día 30, doce voluntarios estiveron traballando no monte da Espenuca na restauración ecolóxica dunha parcela de 16.846 m2 situada na aba norte do miradoiro, ao pé da capela. Grazas a estes esforzos, o antigo eucaliptal vai agora camiño de converterse nun bosque autóctono.

O día de ano vello, para despedir o ano que remataba, un dos nosos voluntarios recolleu nun camiño do espazo natural protexido do encoro de Abegondo-Cecebre 200 botellas de vidro e varias bolsas de refugallos. Logo, dedicou o aninovo a transportar as ducias de bolsas de lixo que tamén estivera enchendo con refugallos atopados no propio encoro os días anteriores. Chegou a retirar 602 quilos de lixo soamente na zona da cabeceira do encoro que forma o río Mero augas arriba da ponte de Seixurra. Entre os refugallos había de todo: plásticos, vidros, latas, cerámica, calzado, etc., pero tamén dúas rodas de camión, unha roda e unha batería de coche, e 261 botellas de vidro.
Extrapolando estes datos a toda a superficie do espazo natural protexido e camiños do seu arredor, estimamos que debe haber preto de 4 toneladas de residuos.

Estas actuacións soamente foron o colofón dun ano de intenso traballo que resumimos a continuación:

Voluntariado: No ano 2017 organizamos 24 xornadas de voluntariado ambiental. Contamos coa participación de 116 persoas, con igual número de homes que de mulleres, e cunha idade media de 48 anos.

Totalizaron 246 xornadas de traballo, sendo a media de 2,1 xornadas por persoa.

Montes: En Fragas do Mandeo custodiamos actualmente 259.048 m 2 de monte, dos que 96.425 m 2 o son en propiedade, 147.863 m 2 mediante acordos de custodia de até 50 anos e 14.760 m 2 grazas a un arrendamento a 30 anos. Nestas parcelas eliminamos os eucaliptos, as transformamos en bosque autóctono e conservamos a súa biodiversidade. Están situadas nos concellos de Coirós, Aranga, Oza-Cesuras e Sobrado.

Ríos: Eliminamos 15 especies exóticas e retiramos periodicamente o lixo en 14 km dos ríos Mandeo e Mendo. Adicionalmente, no 2017 actuamos por primeira vez no río Callou (Bergondo), onde nun tramo de 2 km recollemos 10 toneladas de lixo e 2 m 3 de dúas especies exóticas invasoras.

Praias: Temos eliminado 14 especies invasoras e recollemos periodicamente lixo nas praias da Alameda e Grande de Miño. Nesta última praia, precisáronse tres viaxes de tractor para transportar tódolos restos vexetais das invasoras eliminadas no 2017.

Marisma: Na xornada de limpeza realizada en Mariñán no mes de setembro retiramos un total de 14 m 3 de lixo, máis 1,5 m 3 de uralita con amianto contaminante e 72 rodas (62 de camión, 1 de tractor e 9 de coche).

Reservas naturais: No 2017 realizamos tarefas de mantemento na Reserva de Anfibios do Catorce (Coirós), que creamos no ano 2016. Tamén avanzamos na creación dunha segunda reserva de anfibios no concello de Oza-Cesuras. Periodicamente facemos labores de mantemento no observatorio ornitolóxico da lagoa de Sobrado dos Monxes.

Fragas do Mandeo agradece a tódolos seus voluntarios o seu compromiso pola conservación da natureza, especialmente a aqueles que veñen de tan lonxe como Santiago, Ferrol ou Guitiriz. E tamén ós seus doadores, algúns deles residentes no estranxeiro e noutras comunidade autónomas, pois fan posible que sigamos mercando montes onde poder eliminar eucaliptos e acacias para así restaurar as nosas fragas.

Dende Fragas do Mandeo animamos a tódolos amantes da natureza a ser parte activa na súa conservación durante este ano 2018 que comeza. Calquera pode participar nalgunha das numerosas xornadas de voluntariado que organizamos ó longo do ano ou facer unha modesta doazón (que deduce na declaración da renda até o 75 %) para poder seguir mercando montes que se destinarán a perpetuidade á conservación da súa biodiversidade. Basta con poñerse en contacto connosco a través do correo electrónico correo@fragasdomandeo.org ou do teléfono 981 105 903.

Betanzos, 2 de xaneiro de 2018

Máis información sobre as nosas campañas en:
http://www.fragasdomandeo.org/campanas/
Novas sobre Fragas do Mandeo en:
http://www.fragasdomandeo.org/

Atopa-a no facebook:
http://www.facebook.com/voluntariadomandeo

Enviado por:
Fragas do Mandeo
-correo@fragasdomandeo.org-
2 de janeiro de 2018 16:05

______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon