Presentación de moción e deliberación no Pleno de Ferrol, celebrado o 30 de novembro de 2017, onde se acordou solicitar a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde do PP que pretende modificar a Lei de Saúde de 2008, bastante máis progresista, aprobada no tempo do goberno bipartito (PSdeG-PSOE e BNG), sendo Conselleira de Sanidade María Xosé Rubio Vidal, e presidente de Galiza Emilio Pérez Touriño. O PP quere cargar-se est Lei para poder aplicar con máis facilidade as políticas neoliberais e privatizadoras do Partido Popular no sector sanitario.
Quentando motores para as mobilizacións que a plataforma galega SOS-SANIDADE PÚBLICA, ten convocado para o mércores 24 de xaneiro nas diferentes comarcas da Galiza, e o sábado 4 de febreiro en Santiago de Compostela. En concreto en Ferrolterra, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol que participa na mencionada plataforma galega, ten convocado unha Concentración o 24X, ás 19:30hs, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.
Polo seu interese, Mel Sanxoán como coordinador da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, envía a moción que presentou aos grupos municipais de Ferrol, para o seu debate e aprobación en Pleno, cousa que ocorreu no Pleno Ordinario, celebrado no último xoves do mes de novembro do pasado ano 2017.
14.MOCIÓN DOS GRUPOS MUNICIPAIS DE FERROL EN COMÚN, SOCIALISTA, BLOQUE NACIONALISTA GALEGO E CIUDADANOS A FAVOR DA RETIRADA DO ANTEPROXECTO DE MODIFICACIÓN DA LEI GALEGA DE SAÚDE DO ANO 2008.- Examinada a moción que presentan os grupos de FeC, PSG-PSOE, BNG e C´s, que textualmente di: “O Grupo Municipal de Ferrol en Común, ao abeiro do disposto nos artigos 104 do Regulamento orgánico do Concello de Ferrol e nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta ao Pleno da Corporación Municipal á moción relativa á solicitude para a retirada do anteproxecto de modificación da Lei Galega de Saúde do ano 2008".
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei de Saúde de Galicia do ano 2008, estableceu as normas polas que se ten que rexer o Sistema Sanitario Público de Galicia. Esta Lei contempla unha Sanidade Pública, Universal, Gratuíta e de Calidade, tal e como manda o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Constitución do Estado Español. Agora a Xunta pretende cambiar esta Lei mediante un Anteproxecto que:
1.- Reduce a participación social na xestión e control do sistema.
Cambia a composición dos órganos de participación e súas funcións dos mesmos. Esta modificación faría imposible o control previo e a aprobación do Plan Galego de Saúde, os contratos de servizos, os concertos co sector privado, subvencións, memorias anuais, orzamentos, prestacións sanitarias e carteiras de servizos.
Tamén modifica a composición e funcións do Consello de Saúde de Área e crea un novo Consello Asesor de Pacientes, deixando pendente a regulación da súa composición e funcionamento, responsabilidade que traslada ás Xerencias de Área. A Consellería de Sanidade elixirá ademais quen poderá participar no mesmo, que deberán facer as entidades participantes. O Anteproxecto suprime o artigo 25 (apartado 5. d) que establecía que “o Consello de Saúde debería coñecer os contratos de servizos sanitarios, concertos e subvencións na área sanitaria".
2.- Reduce as Áreas Sanitarias e mantén as Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS).
Reduce ás actuais Áreas Sanitarias de 11 a 7 coa intención de equiparar as mesmas ás Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIS), creadas para suprimir as Xerencias de Atención Primaria (AP) que foron absorbidas polos hospitais. De este xeito a AP quedou sometida a hospitalaria perdendo orzamento e autonomía, polo que o sistema sanitario volve ao modelo curativo (reparación do dano) en detrimento da promoción e prevención, moito mais racional e eficiente para a saúde da poboación.
3.- Desmantela e recorta os recursos dos hospitais comarcais, que acercan a atención hospitalaria á poboación rural aleixada dos grandes hospitais.
Preténdese eliminar as Áreas Sanitarias de Monforte, A Mariña, Barco de Valdeorras e o Salnés, polo que os hospitais das mesmas pasarían a depender dos hospitais das Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS) de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo. As áreas dos hospitais comarcais se transforman en Distritos Sanitarios que son estruturas territoriais de menor rango, capacidade de xestión, orzamento e recursos.
4.- Mantén e consolida a selección dos traballadores sanitarios por libre designación, en lugar de por coñecemento, mérito e capacidade demostrada en probas, examenes e concursos.
Esta decisión perpetúa a arbitrariedade o enchufismo na contratación do persoal sanitario, en detrimento da calidade da atención, da equidade e da xustiza.
5.- Consolida a privatización de formación, investigación e innovación do sistema sanitario público galego.
Mantén a amplía a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, parasitada por laboratorios e empresas tecnolóxicas e fondos de investimento internacional. De esta maneira o SERGAS financiará e poñerá os seus centros, profesionais, equipamento e pacientes ó servizo da experimentación de laboratorios, multinacionais e fondos de investimento, que farán grandes negocios cos resultados da mesma: O SERGAS pagara a investigación e as multinacionais comercializaran os resultados. Preténdese por o Sistema Sanitario Público ao servizo do desenvolvemento empresarial, en lugar de garantir a saúde da poboación.
Debemos ser conscientes de que están en xogo Sanidade Pública que ata agora protexeu o ben máis importante que temos como é a saúde. O sistema Sanitario Público é algo que conseguimos entre tod@s coa democracia. Si deixamos que o privaticen, as xeracións futuras non nolo perdoarán.
Por todo o exposto, a Plataforma SOS Sanidade Pública, propón para o seu debate e consideración no pleno, a adopción dos seguintes acordos:
1.Retirada do Anteproxecto de modificación da Lei Galega de Saúde.
2. Apertura de un proceso de debate e negociación participativa para:
- Manter e reforzar os hospitais comarcais para garantir a asistencia de saúde a toda a poboación en condicións de igualdade.
- Recuperar as Xerencias de Atención Primaria que recupere a súa autonomía e capacidade resolutiva, para promover e previr a saúde da poboación.
- Desenvolver e potenciar a formación, investigación e innovación con recursos públicos.
- Potenciar a Participación Social, sen exclusións, en todas as estruturas do sistema sanitario.
- Garantir a equidade de acceso ao sistema dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade.”
Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría de catorce votos a favor, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos de Ferrol en Común, Socialista, Bloque Nacionalista Galego e Ciudadanos e as sras. Fernández Lemos, Méndez Fonte e a sra. Leira Penabad, fronte a once votos en contra, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos Popular, acordou aprobar a moción transcrita.
DELIBERACIÓN
SR. ALCALDE: Vamos a dar a quenda de palabra pola orde que vén na moción.
SRA. RUIZ FERREÑO: Primeiramente agradecer á Plataforma pola Sanidade Pública, en especial ó seu voceiro Manuel, por terme enviado un modelo de moción e esta demanda e tamén ó resto de grupos que presentamos conxuntamente esta moción.
En primeiro lugar, pois traemos hoxe aquí unha proposta moi clara, moi sinxela, é unha moción a favor da retirada do anteproxecto de modificación da Lei galega de saúde do ano 2008. Nese sentido, pois pedimos no primeiro punto a propia retirada e a segunda, a apertura do proceso de debate e de negociación participativa pois para varias cuestións que implican esta modificación. A primeira, pois para potenciar a participación social sen recursos e sen exclusións de todas as estruturas do sistema sanitario. Esta modificación o que fai, faría imposible o control previo á aprobación do Plan Galego de Saúde. É dicir, determinaría menos participación e limitaría as funcións e a composición propias do Consello de Saúde, as áreas. É dicir, o Consello Asesor de Pacientes. Cada vez pois poderían intervir menos e facer menos propostas e controlar menos a xestión da saúde pública.
Como segundo punto, pois recuperar as xerencias de atención primaria, que recupere a súa autonomía e capacidade resolutiva para promover e previr a saúde da poboación.
Bueno, recentemente o que se propón dende o goberno da Xunta de Galicia é reducir as actuais áreas sanitarias de 11 a 7. É dicir, amortizarían as áreas sanitarias de Monforte, da Mariña, do Barco de Valdeorras e do Salnés e intentarían que as áreas dos hospitais comarcais se transformasen en distritos sanitarios meramente. É dicir, limitar os centros de saúde da súa capacidade de xestión, de orzamento, de capacidade de recursos e tamén pois de menor rango. É dicir, funcionarían como un pequeno distrito das áreas de Santiago de Compostela, da Coruña, de Ferrol, de Lugo, de Pontevedra, de Ourense e de Vigo. Cada vez menos competencias e loxicamente cada vez pois tamén primarían vostedes menos a atención primaria que, como saben, hai numerosos estudios científicos que avalan que a prevención e a atención primaria pois diminúe un montón de custes da sanidade pública e estarían convertendo a sanidade pública realmente nun modelo máis ben asistencial, caritativo ou intervencionista cando xa o dano está feito e non como esixen todos os profesionais sanitarios ou esiximos todos os profesionais sanitarios que se faga a prevención, porque está demostrado que, en numerosos estudios científicos, bueno pois con datos estatisticamente significativos se demostra que loxicamente a prevención e a atención primaria pois diminúen os custes do Estado na inversión da sanidade pública.
Tamén outros puntos que propoñemos é manter e reforzar eses hospitais comarcais e recuperar a asistencia de atención primaria.
Por último, garantir a equidade e o acceso ó sistema dos mellores profesionais e traballadores en bases de criterios de igualdade, mérito e capacidade. Porque o certo é que esta modificación o que promove é claramente, descaradamente, consolidar a selección dos traballadores sanitarios por libre designación. Se aumentan cuantiosamente esas plazas de libre designación ó noso sistema sanitario e, bueno, dicir que ata unha semana antes de entrar de concelleira traballaba nun centro público como sanitaria e as condicións dos traballadores e traballadoras en base a estas libres designacións e á diminución de atención primaria e a aposta polas unidades específicas na nosa comarca, como pode ser pois maxilofacial ou a unidade especializada en abestosis, pois cada vez son peores, son moito máis precarias e, neste sentido, esta modificación o que fai é, bueno, pois potenciar a privatización da sanidade pública a prol das empresas privadas. Porque o certo tamén é que con esta modificación inclúen vostedes, o goberno da Xunta de Galicia, pois a privatización da formación, da investigación e a innovación dos sistemas sanitarios públicos galegos. É dicir, o Sergas pagaría as investigacións, o investimento I+D e realmente quen disfrutaría deses hallazgos clinicamente significativos serían os laboratorios e as empresas que rondan ó redor da Xunta de Galicia.
Entón, sen máis, agradecer a todos os grupos se votasen a favor dos que presentamos a moción conxunta e tamén os que non a presentan, pois que o plantexen. Nada máis. Moitas grazas.
SR. DÍAZ DOCE: Nós imos votar a favor, porque presentamos tamén a moción. Polo tanto tamén nós agradecemos a nós mesmos ese voto favorable.
En todo caso, falábamos antes do Doing Business. Eu creo que esta etiqueta tamén serviría como apelido deste anteproxecto de Lei de saúde de Galicia. Do mesmo xeito que facía anteriormente, remítome á posición do Partido Socialista, do grupo parlamentario Socialista, manifestada no Parlamento de Galicia, e eu creo que estamos falando dun sistema público de saúde que ten sido o principal elemento de cohesión social e de benestar. Durante os últimos corenta anos todos os indicadores respecto da calidade do sistema público de saúde, no caso de Galicia e de España comparativamente con outros países, pois deixan nunha posición moi favorable. Tamén nos termos de custo respecto daqueles outros modelos nos que a iniciativa privada ten asumida unha parte maior. E, particularmente, no que se refire a esta lei, bueno, estamos votando unha moción que ten uns puntos moi concretos e que creo que son o suficientemente suaves, por dicilo dalgunha maneira, como para que concite un apoio maioritario. Porque fala, por un lado, desa retirada dese anteproxecto, que non foi consensuado, que introduce cambios substantivos no modelo do sistema de saúde de Galicia e cambios substantivos cunha dose ideolóxica detrás, pois eu creo que suficientemente importante como para que, no que ten que ver co punto segundo, que é abrir un proceso de participación que permita que esas medidas que se plantexan, eses cambios substantivos de modelo, sexan consensuadas e participadas por todos os axentes do sistema, cando estamos falando, xa digo, dun pilar nuclear do sistema de benestar, e máis no caso dunha comunidade como Galicia, na que as súas características socio-demográficas convirten a saúde nos próximos anos nun dos principais retos a abordar e a sostenibilidade dun sistema que vai ter que atender a unha población envellecida e cada vez máis envellecida, como así está establecido e, polo tanto, eu creo que plantexar esta lei, como tamén xa se ten denunciado, con nocturnidade e estío, no verán, cando estas cousas pasan máis inadvertidas, introducindo cambios moi importantes no modelo, xa digo, hacia unha ideoloxía que cando menos no ámbito da saúde non só é controvertida, senón que ademais se ten amosado ineficiente por completo. Eu creo que o que cumpre na liña que xa ten denunciado o grupo parlamentario Socialista é a retirada desta lei e a iniciar un proceso, en todo caso, consensuado, de debate, para este sistema, que entre todos temos construído e disfrutado nos últimos corenta anos, sexamos capaces de que manteña a súa esencia e non se vaia polo garete do mercado. Moitas grazas.
SRA. RODRÍGUEZ MASAFRET: Muy brevemente. Simplemente decir que, efectivamente, nos hemos sumado a la presentación de esta moción y a favor de la plataforma SOS Sanidad Pública porque entendemos que este anteproyecto presentado, como dice el Sr. Díaz, sorpresivamente en el mes de agosto, hace recortes severos en una sanidad pública ya diezmada. Entendemos, desde Ciudadanos, que estamos a favor siempre de una sanidad pública universal, gratuita y de calidad, que puede coexistir, eso sí, con una sanidad privada, pero que en ningún momento esa sanidad pública puede verse recortada y en detrimento precisamente por la sanidad privada. Por lo tanto, no decimos más, simplemente estamos de acuerdo con todos los puntos y, por tanto, por eso sí apoyamos a la plataforma y presentamos esta moción conjunta. Gracias.
SRA. PEDROUZO BARDELAS: Moitas gracias, Sr. alcalde e boas noites a todos e a todas. Este grupo pois vai emitir un voto en contra desta moción, porque é necesaria a actualización da Lei xeral de saúde a do 8/2008, xa que a calidade asistencial da sanidade pública galega avanzou enormemente na última década. Chegou o momento de actualizar tamén a súa estrutura organizativa para continuar avanzando. A modificación e a actualización da lei era necesaria logo de dez anos para garantir e ampliar o sistema de saúde público, ademais dunha óptima utilización dos recursos e unha atención máis eficiente ós pacientes. En definitiva, o paciente será o gran beneficiario da reforma coa que se actualiza a lei que estivo en vigor durante os últimos dez anos.
Coa nova lei as áreas sanitarias serán sete, coincidindo co número de estruturas organizativas de xestión integrada o EOXIS, que veñen a corresponder coas antigas sectoriales, que xa había pois no Instituto Nacional de Previsión e no Insalud.
A área sanitaria consolida un modelo das estruturas organizativas de xestión integrada para facilitar o achegamento dos profesionais ós pacientes, que desde o 2011 ata o primeiro semestre de 2017 evitou máis de 263.000 desprazamentos ós pacientes que foron atendidos en hospitais comarcais. Este modelo, no que a Xunta quere seguir avanzando, permitiu que se investisen no devandito período 19,6 millóns de euros para ampliar e modernizar os hospitais comarcais.
Hai que dicir que as áreas de xestión integrada que, por certo, foi Ferrol en plan piloto onde empezou, por ser a área máis pequena e está contemplada na Lei xeral de sanidade do ano 1976. É dicir, que non pode ter un departamento, unha atención primaria, un hospital, e vivindo os médicos do hospital de espaldas ós médicos do centro de saúde. É dicir, que realmente eso o que facía era que o médico do centro de saúde, non que eses están para facer recetas e para dar volantes, os do hospital son os médicos que saben, os fenómenos, non? Entonces, claro, nós estamos alí para eso, despachar. E eso, co feito de integrar todo nunha estrutura. De feito pois crearon servizos na atención primaria, seccións, igual que un hospital.
Entonces se crea o distrito sanitario cun marco de referencia para a coordinación da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria e está ligado á asistencia do hospital no seu ámbito xeográfico. Polo tanto, os distritos sanitarios serán catorce. Son a nova figura legal que permitirá blindar por primeira vez, por lei, a existencia dos hospitais comarcais. Xa que, como ben sabedes, antes eran fundacións, non estaban estruturadas como o Sergas. De feito o Hospital de Verín, era a Fundación Hospital de Verín, a Fundación Hospital de Monforte, eran fundacións semipúblicas, é dicir, que realmente non estaban na estructura do Sergas. E con esto si que se blinda xa realmente ós hospitales de distrito como estruturados no Sergas.
Contarán con peso específico dentro da área e da propia organización sanitaria, do que ata ahora non gozaban. Xa digo, eran fundacións.
A modificación legal non altera en absoluto a asignación de médico ó hospital que na actualidade corresponde a cada paciente, nin moito menos a calidade asistencial.
A adaptación da organización territorial administrativa redundará nun beneficio xeneralizado para o paciente, xa que permitirá ampliar a oferta de recursos asistenciais nos hospitais comarcais. A atención máis próxima ó domicilio está na base desta reforma. En canto á transparencia e participación na elaboración da norma, o texto cumpre o máximo para a garantía, transparencia e participación. Comunicóuselle ós sindicatos o mesmo día en que se publicou no portal de transparencia e ampliouse o plazo para a presentación de suxestións. A Xunta non descarta o debate, que considera enriquecedor, en todas as achegas que contribúan á mellora da sanidade. Por iso xa se produciron reunións con colexios profesionais e con alcaldes e portavoces municipais.
En canto ós órganos de participación e recursos humanos, a anterior redacción da lei fixo practicamente imposible levar á práctica a participación. En ca
se dez anos non se reuniu nin unha sola vez o Consello de Saúde. A nova norma simplifica esa composición dos órganos de participación, garantes de que exista un nivel autonómico e unha por cada unha das áreas. Estarán representados os concellos da área, os sindicatos e organizacións empresariais. Por primeira vez darase tamén voz ós pacientes a través do seu propio consello asesor. Considerámolos o eixo primordial en torno ó que debe virar calquera proxecto.
Por outra parte, non se altera en ningún caso o actual sistema de contratación temporal, xa que os profesionais poderán anotarse na lista dunha das sete áreas e expresar a súa preferencia por distrito concreto. O sistema xa funciona así para Barbanza, Cee e Verín. Tampouco é certo que se introduzan novidades no sistema de provisión de plazas. A libre designación seguirá sendo de aplicación excepcional. Pero mentres se aplica para cargos, para puestos de xefe de servicio ou de xerente ou director de procesos…
Logo, a continuación, mellorará a xestión dos recursos humanos do Sergas en cada territorio, que derivará nun maior achegamento dos servizos sanitarios á cidadanía. Os profesionais seguirán, sen ningunha dúbida, ligados á área e manterán o seu destino orixinal. Moitas grazas.
SRA. RUIZ FERREÑO: Me gustaría aclarar unha cuestión, simplemente. Para finalizar, bueno, me parece un pouco idílica a exposición que fai o Sr. Pedrouzo, pero non é a realidade. A realidade é que nese anteproxecto se suprime o artigo 25, no que no apartado 5.d) establece claramente que o Consello de Saúde deberá coñecer os contratos de servizos sanitarios, concertos e subvencións na área sanitaria. É dicir, eso queda suprimido, non se coñecerá e no propio consello se lle dá a potestade á propia xerencia da área a que decida quen participa ou non del. É dicir, non é real o que estaba vostede comentando e o certo é que se reducen de 11 áreas a 7 áreas e se desmantelan e recortan os recursos dos hospitais comarcais. Eso está constatado e o di a Plataforma pola Sanidade Pública. E precisamente tamén se aumentan os cargos de libre designación.
SR. DÍAZ DOCE: Minimamente. Eu, simplemente, se a lei ou o anteproxecto de lei fose tan boa, seguramente tería sido presentada en prime time na rúa.
Fonte: Acta do Pleno celebrado o 30 de novembro de 2017. | Acceder/Baixar. | Ir á Canle do Concello de Ferrol, para ver o Vídeo do Pleno.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com
Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
18 de janeiro de 2018 20:01
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon