luns, febreiro 26, 2018

De Ferrol a Vigo para participar na Manifestación Nacional do 4 de Marzo - Autobuses e constitución da Asemblea 8M, como necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal e para preparar a Folga Internacional de Mulleres (Laboral, de consumo, de coidados, de estudo...)


Autobuses Manifestación 4 de Marzo en Vigo


Compañeiras:

A Marcha Mundial das Mulleres da Comarca de Ferrol, convídavos a participar na manifestación nacional de mulleres que o domingo 4 de marzo, desde ás 12:00 horas, percorrerá as rúas de Vigo, no marco das mobilizacións organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da folga de mulleres convocada para este 8 de Marzo.

Desde a comarca de Ferrolterra, fletaremos un bus que sairá ás 9 de Esteiro e fará paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. O regreso será ás 14.30. O prezo, 5 euros.

Podédesvos anotar chamando ao teléfono do local comarcal da CIG-Ferrol  981 358 750 ou a través do enlace:
https://galegas8m.wordpress.com/transporte-a-vigo/

-

Asemblea Galegas 8M


Quen somos?

A Asemblea Galegas 8M xorde da necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas nas distintas cidades e vilas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos a rede e comezamos a traballar na organización da Manifestación nacional do Día das Mulleres deste 2018.

Galegas 8M non somos só as mulleres que nacemos nesta terra: somos todas as que estamos vinculadas a ela dun xeito ou doutro, todas as que a sentimos como propia, todas as que vivimos, traballamos e transitamos nela, e por iso todas temos o mesmo nivel de participación e decisión.

Asumimos tamén a Folga Feminista (de coidados, laboral e de consumo) do 8 de marzo como foco representativo das nosas reivindicacións. Temos especialmente en conta as dificultades para parar no ámbito dos coidados. Todo o noso apoio a tódalas mulleres que a diario realizan ese enorme traballo!

Este ano a manifestación unitaria galega trasládase a Vigo, coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas.

Esta manifestación de loita feminista fai parte do traballo mobilizador cara a folga de coidados, laboral e de consumo, e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias locais que terán lugar o propio día 8 nas diferentes localidades do país.

As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Para transformar a vida das mulleres, Folga de Coidados, Folga Laboral e Folga de Consumo.

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

Que colectivos e entidades compoñen Galegas 8M?

Todas estas asociacións, colectivos, plataformas e entidades feministas do país forman parte e colaboran nesta Asemblea nacional Galegas 8M. Tamén hai un bo número de mulleres que participan a nivel individual.

Amig@s da Terra
Asociación Nós Mesmas – Vigo
Asociación Feminista de Vilalba
Asociación Polamiúda – Chantada
Asociación Curuxa
Colectivo Feminista de Pontevedra
Cónclave de Feministas Aleatorias – Compostela
Exeria Mulleres Cristiás Galegas
Marcha Mundial de Mulleres – Galiza
O Soño de Lilith– Galiza
Observatorio da Mariña pola Igualdade
Periféricas Escuela de Feminismos Alternativos
Plataforma Feminista de Lugo
Rede Galega Pola Igualdade
Secretaría das Mulleres da CIG (Confederación Intersindical Galega)
Secretaría das Mulleres do SLG (Sindicato Labrego Galego)
Secretaría da Muller da CNT (Confederación Nacional del Trabajo)
Secretaría da Muller da CUT (Central Unitaria de Traballador@s)
Secretaría da Muller do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza)
Tamborililás Batuke Feminista (Compostela)
Asociación Festival das Bretemas (Ponteareas)
Círculo Feminista de Ponteareas
Foro Feminista Falando Nos (Ourense)
Conas Ceives (Compostela)
As Paxaretas (Redondela)
As da Industria (Vigo)
Solidarias e violetas (Vigo)
Rede de Solidariedade Popular (Vigo).
Teenses pola igualdade (Pontevedra)
SOGASEX, Sociedade Galega de Sexualidade.

---

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
23 de fevereiro de 2018 17:49

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon