martes, marzo 06, 2018

Folga Internacional de Mulleres e Manifestación este 8 de Marzo - En Ferrol ás 8 da tarde desde a Praza Amada Garcia (Edificio da Xunta), sairá a manifestación que convoca a Marcha Mundial das Mulleres



Marzo 8: Convocatoria da MMM á Folga e a Manifestación


A MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE FERROLTERRA
CONVOCÁMOSVOS O 8 DE MARZO
Á MANIFESTACIÓN QUE SAIRÁ ÁS 20 H.
DA PRAZA AMADA GARCÍA (EDIFICIO DA XUNTA)

Asemade chamamos a secundar, nesa data, a Folga Internacional de Mulleres, iniciado polas nosas irmás latinoamericanas no 2017, reclamando un mundo sen violencia e o dereito a vivirmos unhas vidas libres nun mundo máis xusto.

Queremos convidar á folga non só no ámbito laboral, tamén no ámbito dos coidados, visibilizando todos os traballos que asumimos as mulleres e sen os cales a sociedade non podería funcionar.

Este 8 de marzo a terra vai tremer porque as mulleres do mundo asumiremos un Paro Internacional de Mulleres poñendo en práctica o mundo no que queremos vivir.

Un mundo onde as tarefas de coidados sexan unha responsabilidade de toda a sociedade, valorizando o traballo invisibilizado das mulleres construíndo redes, apoios e estratexias vitais en contextos difíciles e de crises.

Un mundo onde non existan as violencias económicas, o empobrecemento das mulleres, a explotación do capital sobre as economías precarias, a explotación dos Estados nacionais e dos mercados cando nos endebedan, desaparecendo a vulnerabilidade fronte á violencia machista, os feminicidios, o noso dereito ao aborto libre ...

As mulleres galegas estamos en folga para estarmos todas, nin unha menos, querémonos vivas. Porque están connosco:

- as vítimas dos feminicidios, as lesbianas e trans asasinadas por crimes de odio, as presas políticas, as desaparecidas, as mortas por abortos inseguros, as defensoras da nosa lingua, da nosa cultura, as que sofren acoso sexual, as encarceradas por delitos menores mentres a corrupción política, a banca e os delitos que benefician o capital quedan impunes ...

As mulleres organizámonos na folga agrupándonos a todas, en todas partes, a forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós, organizámonos para mudalo todo.

Porque tecemos un novo internacionalismo, porque o movemento dasemerxe como potencia alternativa, porque querémonos vivas e ceives arriscámonos en alianzas insólitas, porque estamos para nós, este 8 de marzo é o primeiro día das nosas novas vidas, porque móvenos o desexo, 2018 é o tempo da nosa revolución.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
5 de março de 2018 23:46

__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon