domingo, marzo 18, 2018

Vai de xustiza, ... Por Alfonso Eiré - A mantenta da Folga das traballadoras e traballadores da Xustiza na Galiza - Que son insolidarios os funcionarios de xustiza... Ao contrario, son a vangarda!


Por Afonso Eiré [*]
18.03.2018


A actual folga na Xustiza é a máis relevante que se produciu nos servizos públicos de Galiza, tanto polo impacto que ten, como pola súa duración. Nestas seis semanas que alá van de protesta, suspendéronse máis de 15.000 xuízos, algúns fican retardados ao ano 2021. Tamén se deixaron de realizar máis de 40.000 trámites, como partidas de nacemento, fes de vida, certificados de defunción, peticións de pensións de viudedade, orfandade e declaracións de acusados e testemuñas...

Levo todo estes tempo dándolle voltas a como se enquistou o conflito e xa hai semanas que cheguei a unha conclusión: que a Xunta nunca estivo disposta a negociar.

Non está disposto a negociar quen, primeiramente, fuxe de sentar nunha mesa; quen rexeita os mediadores que poden achegar posturas; que manda as negociacións a persoas que teñen tan pouca sensibilidade como para dicir que "se queren equipararse cos de outras comunidades, marchen"; quen pon como condición para negociar que finalice a folga, logo de abocalos a facela indefinida; e quen, sobre todo, realiza declaracións poñendo un día tras outro límites as negociacións, adiantando propostas que debería chantar na mesa se quixera solucionar a situación e non impedir o acordo.

Así que, tendo claro que a Xunta nunca quixo negociar cos funcionarios de Xustiza, a pregunta pertinente son as razóns que levan a Feixó e a Rueda a este comportamento. Como non mudaron, como o fixeron logo do 8-M, cando viron a determinación e fortaleza dos traballadores?

E só se me ocorren dúas razóns. A primeira é ideolóxica. Pretenden transmitir a sociedade unha sinal de dureza, de que aquí hai alguén que goberna, que manda. Saben que esta mensaxe é ben recibida pola sociedade e, saben que, tamén unha parte, considera a estes traballadores como privilexiados. Quen non quere ser funcionario?

Unha mensaxe que non vai só dirixida a cidadanía galega, senón a dereita española e, máis concretamente, á di­rección do PP e aos poderes económicos estatais: Feixó non cede, Feixó é valente, Feixó ten man dura e vale para gobernar no Estado.

A outra razón e que saben que a demanda de equiparación dos traballadores da Xustiza non é un caso illado. Na súas condicións de inferioridade a respecto doutras partes do Estado, están tamén outros colectivos, desde ensinantes a sanitarios. Teñen, polo tanto, medo a que o triunfo dos traballadores da Xustiza alente as reivindicacións doutros funcionarios.

Estes son os gobernantes que afirman que "todos os españois deben de ser iguais" e non tiveron reparo en equiparar os salarios de policías e Garda Civís cos Mossos cataláns...

Que son insolidarios os funcionarios de xustiza... Ao contrario, son a vangarda!

[*] Afonso Eiré López, coñecido como Pucheiro, nado na Laxe (Chantada) o 15 de febreiro de 1955, é un xornalista e escritor galego. Foi Director do xornal A Nosa Terra.

Máis info en:

http://www.alternativasxustiza.com/
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon