Hoxe, despois de moitas emocións, é un día de agradecementos.
Moitos sentimentos encontrados. Vergoña allea por algúns personaxes que non merecen ser mencionados, e ao mesmo tempo unha enorme satisfacción polo apoio de moita xente e mostras de cariño recibidas.
Para as persoas que poidan ter interese, aquí transcribo o meu discurso de hoxe na moción de censura. Moitas grazas.
Quero aproveitar estes minutos para agradecer, en primeiro lugar, a todos os membros que compoñen este goberno o seu esforzo e dedicación. Podo dicirvos que non é fácil gobernar en minoría, e moito menos cando a oposición se dedica constantemente a entorpecer e a paralizar a boa marcha do traballo municipal, presentando mocións de censura e xudicializando a política. Facer que Fene funcione ben, con transparencia, con calidade democrática e coa atención aos veciños como prioridade supón moitas horas de dedicación e moitas horas roubadas á vida persoal e familiar de cada quen. Así que, moitas grazas compañeiras e compañeiros, foi un pracer traballar con vós.
Tamén quero agradecer o traballo de todo o persoal municipal, de todas as áreas e departamentos, dado que un goberno en minoría non podería funcionar sen o esforzo de todas as persoas que cada día levan adiante o traballo municipal. Foi tamén un pracer compartir xornada con todos e todas elas.
Hoxe é un día triste para Fene. É un día triste para Fene porque hoxe, por primeira vez na historia deste pobo, vaise materializar unha moción de censura na que conflúen os factores máis noxentos da vida política: compra de vontades, traizón á veciñanza e corrupción lexitimada por un auto xudicial sen precedentes que xudicializa a vida política para favorecer unha volta atrás na senda de boas prácticas, transparencia, traballo e atención ás necesidades sociais que entre todos acadamos nestes últimos anos.
O noso traballo a partir de agora, desde a oposición, será o de facer o que sempre facemos no BNG: defender os intereses das maiorías sociais, dos máis desfavorecidos e da veciñanza en xeral, tratando de impedir e denunciando publicamente calquera movemento que se pretenda realizar en beneficio de outros intereses.
Deixamos unha institución municipal saneada, eficaz, e que paga puntualmente os seus provedores. Centos de miles de euros investidos en obras e infraestruturas moi necesarias para Fene, e outros tantos preparados para novos investimentos. Deixamos o goberno municipal coa cabeza BEN ALTA, coa sensación do deber cumprido, e coa perspectiva posta nas vindeiras eleccións municipais, nas que o pobo terá de novo a palabra e estou ben seguro de que porá a cada quen no lugar que lle corresponde.
Foi un pracer e un orgullo ser o alcalde do meu pobo.
Nada máis e moitas grazas.
Fene, a 6 de abril, de 2018
Juventino Trigo
https://www.facebook.com/juventino.trigo
Foto: Pleno de moción de censura en Fene. | De Mero Barral para Ferrol360.
Máis info. | Ir Buscador.
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon