luns, maio 28, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra reclama uns servizos públicos de calidade no rural como garantía para poder manter poboación - A eurodeputada ve fundamental crear conciencia colectiva para dar o debate social e institucional que permita mudar o modelo e o investimento - Denuncian deficiencias no acceso a internet e no transporte cos núcleos próximos, así como o recorte de Correos nos concellos de Vedra e Boqueixón


Lídia Senra reclama uns servizos públicos de calidade no rural como garantía para poder manter poboación. | A eurodeputada ve fundamental crear conciencia colectiva para dar o debate social e institucional que permita mudar o modelo e o investimento. | Denuncian deficiencias no acceso a internet e no transporte cos núcleos próximos, así como o recorte de Correos nos concellos de Vedra e Boqueixón.

A eurodeputada galega Lídia Senra reclamou este sábado uns servizos públicos de calidade como garantía para poder manter e fixar poboación nas zonas rurais da Galiza e lograr un rural vivo no que a xente poida residir nunhas condicións dignas. Fíxoo durante a primeira mesa da xornada “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa”, que se está a desenvolver durante todo o día na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) organizada por ela mesma, como membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). No coloquio, no que participaron Senra, Roberto Castro Rocamonde, concelleiro Non Adscrito en Vedra, e María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira da Agrupación de Veciñ@s de Boqueixón, abordouse e denunciouse a deficiente situación actual da maioría do rural galego e de Vedra e Boqueixón en particular en canto ao acceso que ten a cidadanía a servizos básicos como poden ser internet, o transporte público ou Correos.

Lídia Senra defendeu que en todo o rural galego hai dúas batallas fundamentais a dar: Unha é a batalla sobre a actividade económica, xa que “se non hai unha actividade agraria forte, o rural esmorece”; e outra son os servizos públicos porque “se non temos servizos públicos que nos permitan ter unha vida normal no medio rural, a poboación tamén marcha destas zonas”. “Son temas importantes aos que non se lle está prestando no debate político a importancia que teñen e temos que preocuparnos e moito desde as organizacións sociais e desde as institucións para solucionalo”, defendeu. Así, denunciou tamén o interese privatizador que impera actualmente, de pretender converter os servizos públicos nun negocio e vaticinou que se seguir así, o rural será o primeiro en pagar estas políticas privatizadoras. “O PP e o PSOE reformaron o artigo 135 a Constitución para priorizar o pago da débeda por riba do investimento, mesmo én detrimento dos servizos públicos básicos, e as consecuencias témolas enriba”, dixo.

Ante esta situación, a europarlamentaria chamou a articularse socialmente para que no rural, e nomeadamente en Vedra e Boqueixón, se tome conciencia colectiva para facerse escoitar nas institucións e dar o debate social. “Estase acabando cos servizos no rural á vez que están intentando converter o rural nos vertedoiros das cidades e estamos chegando a un nivel de contaminación impresionante. Só nas proximidades de Santiago, da capital galega, temos a antiga mina de Touro convertida nun basureiro contaminador de augas e solos; temos o vertedoiro de Miramontes, en Grixoa, na mesma situación; e ademais agora queren facer algo similar nunha antiga canteira de Teo. Isto hai que sacalo á luz, está oculto. Oco que hai, oco que están usando para esconder lixo e ademais residuos que se producen en moitos casos a centos de quilómetros”, denunciou.

Na mesma liña, María del Carmen Soutullo Carolo exixiu uns servizos públicos para evitar o abandono do rural e acabar co illamento das aldeas. “Se non miramos polo rural imos quedar sen centros médicos, sen escolas, sen centros de día, coa poboación envellecida que temos”, dixo. “Se o mundo rural sobrevive vivo é porque a súa xente está viva e queremos vivir no mundo rural, pero non illados ou como hai 50 anos, debemos fortalecer a presenza de mocidade no rural e de xente neorural. Fainos falta un transporte público de calidade como forma de chegar no rural aos servizos, que nos conecte. Tamén o acceso a internet é imprescindible para que as empresas se poidan asentar e os estudantes poidan ter acceso a nivel doméstico. Esa sería a forma de fixar poboación no rural, facendo presión entre todos e todas. Se o conseguimos, fixariamos poboación no rural. Se a xente ten unhas boas condicións de vida, si querería vivir nas aldeas”, zanxou.

Roberto Castro Rocamonde, criticou que a día de hoxe a xente da aldea “teñamos que defendernos como se foramos case unha reserva de indios” que ten un muro colocado que lle impide acceder aos servizos. Así, chamou a aceptar que o medio urbano e o rural teñen que ser permeables xa que o medio urbano dificilmente se vai soster sen o rural e polo tanto o rural terá que recibir unha serie de prestacións.

O concelleiro de Vedra considerou que os problemas que ten o rural son causados por unhas políticas feitas desde unha perspectiva puramente urbana. “O rural úsase como o receptor de pasivos do urbano, para instalar o que no urbano non interesa como poden ser os vertedoiros”, dixo. Así, reclamou cambiar o modelo e a perspectiva. “Dificilmente se pode cambiar nada no rural se continuamos mantendo esquemas e modelos do urbano. O empoderamento do rural é imprescindible, é posible o empoderamento enerxético, é posible a soberanía alimentaria, o rural é quen pode reportar os recursos ambientais. É imprescindible fluxos entre o urbano e o rural e unha ordenación do territorio e a territorialización dos recursos”, abondou. Tamén reclamou “un modelo funcional de transporte público que permita a mobilización interna, deixarnos dos localismos, ir a un modelo máis integrador, que permita a mobilidade interna e conectar Vedra e Boqueixón con Compostela”.

O concelleiro de Santiago Jorge Duarte, na defensa dun transporte público rural para a comarca

O concelleiro de Santiago de Compostela responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, que participou na segunda mesa da mañá para abordar o plan de transporte para Compostela e comarca, defendeu os servizos como un dereito para todas as persoas. “Se non se aposta porque a xente poida vivir da agricultura ou dunha pequena industria ou da innovación ou o desenvolvemento no rural, se non se aposta por servizos, se desde a Administración púbica non se cre en manter a poboacion no rural e en apostar polo reequilibrio territorial, se non se inviste e se financian alternativas demográficas e servizos para que os que vivan no rural vivan con mais calidade de vida que nas cidades, se non se aposta por todo isto desde o modelo económico, o problema continuará. Hai que crer nun cambio de modelo que aposte por fixar poboación no rural e polo reequilibrio territorial. É un problema de país”, dixo.

Duarte, que foi presentado por Mar Blanco Casais, concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), defendeu a necesidade dun transporte público rural para a comarca. “Non hai que valoralo, hai que facelo, porque é un dereito. Noutras comarcas e territorios está implantado e funciona. É unha cuestión de prioridades. O rural ten que ser unha aposta, ser máis que simples palabras. Vainos custar máis levar os servizos ao rural que á cidade, pero ou cres ou non cres que toda a veciñanza ten os mesmos dereitos. Non podemos pensar no que é máis caro ou barato, a igualdade para a xente ten que ser en todo”, defendeu. O concelleiro compostelán criticou que no Plan de Transporte de Galicia desde a Xunta non se está a facer nada nin hai coordinación. “Cando se prorizan os intereses das empresas por riba das persoas, é imposible ter nada bo. A Xunta non ten vontade política de rural vivo e así non imos a ningún lado. Desde os concellos temos que seguir reivindicando e mobilizando”.

Na sesión da tarde, a xornada continúa cun debate baixo o título de “O rural vivo é posible. Exemplos de interese na xestión de servizos básicos de concellos galegos e doutras partes de Europa”, no que intervirán o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez; María Ángeles López Agüera, directora do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxéitca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e deseñadora do Plan de Actuación de Enerxía Sustentable (PAES) do concello de Vedra; e Maja Gilbert, membro do Partido da Esquerda sueca e do Consello do Condado na rexión de Dalarma, en Suecia, onde está en marcha o proxecto Fibre to the Village, que estimula ás comunidades a establecer as súas propias redes de internet nos municipios. O profesor na Universidade de Vigo e xornada David Formoso moderará esta parte.

Vedra, 26 de maio de 2018.

Oficina de Lídia Senra
Eurodeputada Galega
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
26 de maio de 2018 13:47

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon