mércores, maio 09, 2018

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores en Narón - Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública

Residencia privada para Maiores en Narón DomusVi (Un case monopolio no sector)

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores.


Galicia necesita en torno a 7.600 prazas máis para acadar a oferta de prazas en residencias de maiores similar á media española, cantidade que ascendería a unhas 12.300 prazas para chegar á recomendación da OMS.

Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública.

A Xunta opta pola vía de concertos coa empresa privada para aliviar as listas de espera. Con todo, o informe do IMSERSO mostra que, no caso galego, optar polas residencias privadas resulta un mal negocio en termos económicos para a Administración xa que cada praza nunha residencia pública de maiores custa en Galicia, de media, uns 17.998 euros ao ano, e deles algo menos do 35% do importe é achegado polas persoas usuarias, mentres, a mesma praza nun centro concertado custa uns 18.250 euros anuais e as persoas maiores que fan uso delas pagan do seu peto en torno ao 30% do importe. Así, cada praza pública supón uns 11.780 euros públicos anuais de media e cada unha das concertadas, unha media de 12.716 euros cada ano. A diferenza media rolda, así, o 8%.

En febreiro de 2017 a Xunta anunciaba a construción, dunhas 900 prazas residenciais, 120 delas en Ferrol, pero esta oferta apenas podería cubrir a metade da lista de espera polo que se espera que a oferta de prazas privadas irase incrementando, pero os seus prezos, de uns 1.500 euros mensuais de media, están lonxe de corresponderse cos ingresos da poboación galega maior de 65 anos, cuxa pensión media non supera os 840 euros ao mes.

Pódese concluír que as prazas dispoñibles son insuficientes, que os prezos das prazas privadas resultan moi elevados para os pensionistas galegos, e que o custo das prazas concertadas sáenlle máis caras á Xunta que as públicas. Todo isto lévanos a pensar que a mellor opción, tanto para os galegos como para a Xunta, é apostar pola construción de novos centros públicos para cubrir a demanda.

Desde Eliximos propoñemos, dado que o Concello dispón de importantes bolsas de terreo que poden servir para acoller este tipo de residencias, que o Goberno lle ofreza á Xunta un convenio para poñer á súa disposición os terreos urbanizados necesarios para que a mesma acometa a construción dunha residencia para persoas maiores en Narón.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
9 de maio de 2018 08:07

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon