Por Iolanda Teixeiro [*]
14.05.2018
Todo empezou por un viño nunha cea dun interesante encontro herculino de psicanálise onde se falava de Sade e da esencia da perversión. O viño era tan bon que deu parola a preguntármonos que era a verba guímaro coa que se bautismara aquel gorentoso viño. Eu só lembrava que Franco Grande definía ese vocábulo como un adxectivo semellante a espilido, vivo, activo e sagaz. Meu irmao pequeno, o mitólogo, díxome ao telefone que era unha especie de familia mítica das terras luguesas. Así as cousas, mentres preparava o poema para a homenaxe a Carvalho Calero, desprezado un ano máis pola Academia Galega, un amago de neurose obsesiva adonouse da miña vontade e deime á pescuda deses enigmáticos guímaros. Alén dos viñedos de Doade debruzados no Sil, o primeiro guímaro dun diccionario de español falavame de bufón e hazmereir, mais tambén dun apelido común en Brasil e Portugal.
Porén, descubrín que guímaro era amais un xentilicio para se referir non só aos habitantes de A Pobra do Brollón, polas Terras de Lemos e María Castaña, aquela afouta muller que liderou as revoltas contra o vispo de Lugo no século XIV, senón tambén dos nativos de Videmala nas terras de Alba, hoxe zamoranas e no pasado do reino da Galiza.
De enlace en enlace do buscador asistín pasmada á revolta medieval dos guímaros, contada por Amor Meilán, na que a casa de Lemos trata de sumeter aos do Brollón a un tributo ao que o povo dos guímaros se nega a non ser que llo viñeran a recadar nas súas casas e coas portas fechas, tan só botando a moeda por baixo da porta.(Encoraxada ideia guímara que me deu pé a pensar canto do noso pasado revolucionario ignorado podemos traer á revolta de hoxe contra a inxustiza). Desde entón dise que se lles coñece como guímaros, é dizer, rudos, afoutos e desconfiados.
En sendo a historia destes antigos guímaros unha lenda popular con certa base histórica, como aponta o arqueólogo Xurxo Ayán, nunha conflitiva terra de reguengo onde se solventavan, co sangue do povo, as rifas entre reis e nobres, enxergo o aquel de guímaro como espilido, activo e sagaz. Porque tamben en Videmala déronse conflitos medievais entre os reinos leonés e portugués.
Xa Benito Vicetto na novela Los Hidalgos de Monforte, falava dun tal Guímaro nos tempos da revolta irmandiña, que fora encadeado e cruelmente esnaquizado polos esbirros do conde de Lemos por liderar a revolta. E Vicetto di que os monfortinos ainda aldraxan con ese alcume aos da Pobra do Brollón. De xeito que na memoria colectiva do noso povo ficou a verba guímaro co uso despectivo de insulto ate o ponto de terse que mudar a que fora rúa Guímaro por rúa da Feira. E ter que se artellar unha Feira Medieval Guímara no ano 2014 e unha estatua á entrada da vila para recuperar a memoria.
Entramentres ando a cismar na morte cotiá da nosa lingua, entramos na semana das Letras Galegas onde un presidente farfulla, nun galego de curral, que co seu governo se coñece mellor o galego mentres se van enchendo as marquesiñas coa eiva do galego como victoria de lingua emotiva que só pode espertar un amor de lar fechado e frores de escravatura dun maio suicida e necrofílico, onde un povo todo o ano mudo, dáse a unha semana orxiástica de cerimonia museística, con ripios, mantras e inciensos alumiados por uns exvotos de candea mercados nos cerumes meseteiros dunha academia que vive de costas aos xigantes exvotos de Braga e Porto, a lingua oceánica que abre o mundo da lusófona galeguía.
Entramentres os da plataforma Queremos galego reclama o dereito a vivir en galego, o clúster lobista de Gloria Lago Hablamos Español recolle sinaturas para nos soterrar e lacrar as campas, os lusos comezan a falar con nós sen intermediarios casteláns e os ilusos sacam da gaveta a lei Paz Andrade...Entramentres uns guímaros de Ferrol reivindican en homenaxe a Carvalho Calero para as Letras Galegas dunha estúrdiga Academia.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
13 de maio de 2018 21:46
____
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon