martes, maio 22, 2018

No Parlamento Europeo vai ter lugar o mércores 23 de maio, o maior evento de debate social antes da presentación oficial por parte da Comisión Europea da proposta de nova Política Agraria Común (PAC) - Arredor de 200 labregas/os -10 da Galiza- participarán no maior foro de debate civil sobre a PAC previo á presentación da proposta da CE - No evento europeo participará a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane


Unha PAC para o campesiñado e a cidadanía”, 200 labregxs trasladarán as súas propostas á CE. | Senra (GUE/NGL), en coordenación con Andrieu (S&D) e Häusling (Verdes/EFA) acolle un evento no PE en colaboración con La Vía Campesina. | Arredor de 200 labregas/os -10 da Galiza- participarán no maior foro de debate civil sobre a PAC previo á presentación da proposta da CE.

A coordenadora do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, xunto cos coordenadores nesta comisión dos grupos da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas -o francés Eric Andrieu (S&D)- e dos Verdes/Alianza Libre Europea -o alemán Martin Häusling (Verdes/EFA)-, acollerán o vindeiro mércores 23 de maio o maior evento de debate social que vai ter lugar a nivel europeo antes da presentación oficial por parte da Comisión Europea da proposta de nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2017 -que previsibelmente terá lugar a finais deste mes ou principios de xuño-.

Baixo a reivindicación “Unha PAC para o campesiñado e a cidadanía”, este encontro será desenvolvido en colaboración coa coordinadora europea da organización social labrega global La Vía Campesina, que agrupa a máis de 200 millóns de persoas que viven en zonas rurais de todo o planeta, e da cal forma parte o Sindicato Labrego Galego (SLG) a nivel europeo na Galiza. De feito, dez galegas e galegos desprazaranse a Bruxelas a vindeira semana para participar neste acto, entre os que se inclúe a propia Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane.

Así, o vindeiro mércores arredor de 200 labregas e labregos chegados da Galiza, Portugal, Estado español, Lituania, Bélxica, Alemaña, Polonia, Suecia, Francia, Romanía, Letonia ou Austria terán a oportunidade de debater e intercambiar opinións directamente con representantes da Comisión Europea (CE), do Comité das Rexións (CdR) e do Comité Económico e Social Europeo (CESE).

O Director Xeral Adxunto da Dirección Xeral da Agricultura da CE, Rudolf Moegele, estará presente no panel “Por un medio rural vivo”, introducido polo eurodeputado Martin Häusling (Verdes/EFA), onde tamén participará Gérard Choplin en representación do CdR e José Miguel Pacheco por parte do Comité Coordinador da Coordinadora Europea Vía Campesina (CEVC). Este espazo versará entorno á necesidade de transformar o sistema agrícola e alimentario para respostar aos actuais desafíos sociais e medioambientais.

A eurodeputada galega Lídia Senra introducirá o segundo dos paneis, que buscará pór sobre a mesa as consecuencias dos acordos comerciais, do desregulamento dos mercados e do poder sobredimensionado da industria e a distribución. Estará acompañada polo Director da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, John Clarke. Este espazo contará con testemuñas directas dos impactos no pequeno e mediano campesiñado, a través da produtora de leite Madeleine Kerglonou-Terrom e do membro do Comité Coordinador da CEVC Andoni García.

A terceira das mesas de debate, introducida polo eurodeputado Eric Andrieu (S&D), abordará as consecuencias dos pagos directos da PAC para as áreas rurais e para a mocidade labrega. Será a moza alemá Elisabeth Fresen a encargada de dar conta da súa propia experiencia, que será complementada ca intervención de Genevieve Savigny, integrante do grupo de traballo “políticas agrícolas” da CEVC. Este panel contará con dobre representación da CE, a través da Xefa de Unidade da Dirección Xeral de Medio ambiente, Claudia Olazabal, e do Xefe de Unidade adxunto da Dirección Xeral de Agricultura, Ricard Ramón I Sumoy. Esta representación institucional será completada con Tom Jones por parte do Comité Económico e Social Europeo.

Como vén alertando a eurodeputada galega Lídia Senra dende que se deron a coñecer as primeiras claves da que vai ser a proposta de nova política agraria común, e como subliñou onte mesmo durante a sesión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Ruralé fundamental dar o debate sobre a proposta que está a facer a Comisión Europea, deixar claro que non queremos continuar con políticas agrarias que están a destruír o medio rural labrego na UE, que provocan o peche de milleiros de explotacións. Queremos moitas labregas e labregos producindo alimentos sans e de calidade na UE, queremos un modelo agroecolóxico de produción, situar de novo os prezos no centro das políticas agrarias e que a UE respecte o dereito dos pobos á soberanía alimentaria”.

Baixo esta perspectiva, ademais deste encontro que vai ter lugar a vindeira semana en Bruxelas, na Galiza Senra coordenou xa a pasada fin de semana a xornada en “A futura PAC para as zonas de montaña”, e o vindeiro sábado 26 de maio desenvolverá en Vedra o encontro “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindíbel para un rural vivo en Europa”.

Bruxelas, 17 de Maio de 2018.

Oficina de Lídia Senra
Eurodeputada Galega
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/
-------------------


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon