Por Iolanda Teixeiro [*]
11.06.2018
GOVERNO FEMININO OU GOVERNO FEMINISTA?
Anda por aí o runrún de que se acaba de formar en España un governo feminista. A cousa anda algo trascaburrada. Alguén pensa que un libreiro é por forza un lector ou mesmo que un músico ten unha audiometría perfecta?. Para amósega, Beethoven, o da Quinta do Xordo. E, porén todo o mundo é a dizer que porque o governo de Pedro Sánchez (a pouco digo socialista) está formado por once ministras contra seis ministros, xa vivimos ás portas da revolución lila. Magoa que a moción de censura non florecera en maio para queimar sosténs nas prazas públicas!. Ninguén pensou que se temos dúas palavras distintas: seso e sexo, algo terá a ver?. Será o xénero condición necesaria ou abonda para ser feminista?. E de o ser, de que caste de feminismo estamos a falar, burgués ou marxista, clásico ou ecofeminista?
Simplainas é este mundo veloz, compulsivo e desmemoriado onde se emite a mensaxe antes de a ter procesado. Si, fondamente desmemoriado e preguiceiro para navegar ate o pequeno historial político desas presuntas feministas. Desde logo Eco-feministas non vos son nen de lonxe. Botemos unha olladela.
Comezo polo caso máis abraiante, a ministra de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Teresa Ribera. Ninguén esperava que fora unha Wangari Maathai, aquela egrexia nai das árvores, mais darlle esta carteira á ministra pro-fracking non deixa de ser un esperpento de caleixón do gato madrileño. Supoño que en Levante lembran o Proxecto Castor no 2014, con todos os movementos sísmicos que produciu. En maio dese ano a Fiscalía denunciou este proxecto por prevaricación ambiental e por delito contra o medio ambiente sendo Teresa Ribera unha das acusadas pois cando se aprobou, ela ocupava a Secretaría Xeral de Cambio Climático e foi ela que asinou a declaración de impacto ambiental pola que se autorizou este proxecto e para o que o ministerio de Medio Ambiente só utilizou información da empresa Escal UGS, controlada pola omnipotente ACS de Florentino Pérez. Unha inxeción de gas espertou unha falla e a terra comezou a tremer fronte ás costas de Tarragona e Castellón. Un dos moitos negocios de miles de millóns, de gas natural de Florentino ao que andaremos ainda a indemnizar nas nosas facturas eléctricas. Mais esta falla contra a falla de Amposta e do erario público da profesora universitaria de Dereito Público, que xa fora directora xeral da oficina de cambio climático así como membro de distintos consellos de fundacións de respecto ao medio ambiente como Fundipax e institutos de desenvolvemento sostivel e biodiversidade; esta falla, digo, non foi atranco para que Pedro Sánchez a incorporara na equipa de expertos que elaboraron o actual programa do Psoe. Visto o visto, moi ecofeminista non parece.
Outro caso curioso é o da vicepresidenta e ministra de Igualdade, Carmen Calvo. Alén da súa paixón polos touros, incomprensivel desde a nosa nazón de vacas, é sobradamente coñecido o tipo de feminismo burgués no que milita desde que ocupou aquel ministerio de Cultura e desde a súa afeizón á moda estilo Ágatha Ruiz de la Prada. Desde os postulados do ecofeminismo, a defensa da moda con todo o seu constructo na creación de ideoloxía consumista e sexista non ten cabida, por moito premio que se reciba de federacións de mulleres progres ou do Lobby europeo de mulleres.
Así que porque teñamos en Defensa, Economía, Xustiza, Traballo, Educación... tamén mulleres, non podemos agardar que vaiamos ter un exército, unha economía, unhas leis, un traballo e unha educación feminista.
Cando menos, deberiamos sospeitar que se unhas mulleres chegaron a atravesar ese teito de cristal, non foi porque utilizaran valores, comportamentos ou ideas feministas, senón mesmamente porque son mulleres exitosas dentro dos valores patriarcais que nos manteñen nun sistema capitalista de clases onde a desigualdade de todo tipo (non só de xénero) é condición inherente ao propio sistema. E se estas mulleres empoderáronse foi no poder que consagra a cultura da dominación masculina ou patriarcal.
Así que eu, de momento, non sacaría a airear o poncho daquel maio francés, principalmente porque o ministro de Interior é un Grande-Marlaska e o de Exteriores é un tal Borrell. E nin Margarita Robles vai facer Defensa se armamos a revolta feminista ecopacifista.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
9 de junho de 2018 21:34
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon