Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
22.08.2018
A POLÍTICA DO FORMIGUEIRO: OBREIRAS, ZÁNGANOS E RAÍÑAS
Escrevía Toynbee que a rotina é o opio da imaxinación. E se de algo andamos faltos na política é precisamente dela, da imaxinación e sobrados da rotina. Repetir un feito arreo, non máis que remedando o que outros fixeron antes, evidencia só compulsión ou automatismo.
Escritor houvo, no século XIX, que recriava un científico do futuro que, perdida a fe na especie humana, aprendíalles ás formigas a ciencia e a tecnoloxía e xa andava a piques de lles transmitir o invento da roda.
Eu sempre matinei en que a descomunal forza das obreiras e a súa maravillosa organización non verían máis ca un atranco no uso da roda para o transporte de mercadorías, daí que os formigueiros nunca organicen congresos sobre o concepto de progreso como fan os espilidos humanos. Porque as formigas son quen de se adaptar aos tempos sen caer na rotina. Se asolaga o terreo mudan o formigueiro e se un especulador urbanístico dá en edificar o seu ouro de formigón xusto enriba de onde as formigas levan varias xeracións arraigadas, elas agatuñan polos ocos das vivendas ate afacerse co mel na formica das despensas. E só as dispersan as forzas represivas da canela que para elas ha ser o gas mostaza que adoita usar o diálogo progresista do mundo occidental co resto do planeta.
No formigueiro só vive unha raíña e pasa a vida traballando encadeada mentres os zánganos donxoáns levan unha vida disipada mais sempre dependente das abondosas obreiras.
Quen nos dera ese acedo fórmico para a actual luita obreira!. Quen, ter os zánganos tan controlados en número e en función. Quen unha raíña ao servizo da supervivencia do formigueiro aínda tendo este o corazón e a razón de facto nunha galega República!.
As procesións de obreiras na especie humana levan co mesmo formigueiro chantado no mesmo terreo desde o século XIX, cando o entomólogo Marx elaborou esa brillante e aínda vixente análise do modo de produción zanganil. Transcorreron centos de anos dende entón e naceron e morreron formigas ás moreas. Asistimos a asolagamentos, riadas, especulacións, esmagamentos e escaldamentos colectivos, desmembramentos, torturas, encadeamentos e incluso andrómenas máis lenes como a hipnose co engado do mel. Mais as obreiras seguimos, xeración tras xeración, no mesmo lugar e co mesmo método de luita. Saíndo en días sinalados a erguer monumentos ou follas do ar ás formigas mortas en combate ou facendo folga a nos manifestar cando están as despensas dos zánganos a reverquer e a nosa inactividade cáusalles un beneficio sistémico.
Mudou a xefatura e mudou o ecosistema, mais o exército das obreiras segue coa mesma procesión no século XXI, tan absurda coma rotineira.
Será porque as formigas desenvolveron grandes manxadoiras ao abeiro dun exceso de azucre en sangue de diabete sistémica ou será porque o fétido olor, o noxento gafume do ácido fórmico escomenza a gostar tanto entre os sempiternos zánganos como na avanzada das obreiras?.
Asistimos espaventadas ao meirande misterio da entomoloxía. Se, proporcionalmente, a formiga é o animal máis forte coñecido e as obreiras están tan ben organizadas e levando o peso do formigueiro, por que aínda non armamos a marabunta?
Tremendo enigma proletario para un outro Arthur Conan Doyle!.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que vai ter lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
21 de agosto de 2018 19:30
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon