martes, setembro 11, 2018

A Eurodeputada galega Lídia Senra reclama igualdade para a lingua galega ante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo - A deputada denuncia que só 30% das persoas entre 15 e 19 anos falan galego e só o 0,01% dos contidos en internet están no noso idioma - Exixe poder expresarse na lingua propia na UE e acabar con séculos de imposición á forza das linguas alleas para facelas predominantes - Vídeo


Lídia Senra reclama igualdade para a lingua galega ante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo. | A deputada denuncia que só 30% das persoas entre 15 e 19 anos falan galego e só o 0,01% dos contidos en internet están no noso idioma. | Exixe poder expresarse na lingua propia na UE e acabar con séculos de imposición á forza das linguas alleas para facelas predominantes.

A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou no pleno do Parlamento Europeo, que esta semana se está celebrando en Estrasburgo, igualdade para a lingua galega en todos os ámbitos e que todos os eurodeputados e eurodeputadas poidan expresarse en sede parlamentaria nas súas respectivas linguas, tamén nas que as institucións europeas chaman linguas minoritarias e que en realidade “son linguas ocultas e minorizadas pola imposición á forza e durante séculos das linguas alleas para convertelas en predominantes”. Así o puxo de manifesto durante unha intervención que levou a cabo este luns pola noite na Eurocámara durante o debate dun Informe sobre Igualdade Lingüística na Era Dixital que hoxe se somete a votación[1].

Senra pediu a palabra no pleno do Parlamento para defender que “o recoñecemento por parte das institucións europeas do galego e de todas as linguas dos pobos que conforman a realidade plurinacional dos Estados membros é fundamental e non pode depender só das decisións que toman os Estados que nos oprimen como pobos”.

Así, fixo fincapé na grave situación que está a atravesar a lingua galega no noso país, onde segundo os datos do último informe “Lingua e Sociedade 1992-2016[2], elaborado pola Real Academia Galega, só o 30% das persoas de entre 15 e 19 anos falan o galego, fronte ao 75% das persoas maiores de 75 anos. O descenso nas xeracións máis novas é dramático e non cesará se non mudamos tamén a tendencia na presenza da lingua en internet. “O galego representa menos do 0,01 % dos contidos web. O galego ten que estar en igualdade de condicións presente en internet nesta era dixital para permitir que as persoas galego falantes poidamos desenvolvernos na rede con total normalidade en galego”, reclamou. Así pois, Lídia Senra, que avanzou o seu voto a favor do informe pola Igualdade Lingüística na Era Dixital, pediu que a Comisión Europeo tome as medidas necesarias para desenvolver estas prioridades.

Debate no pleno do Parlamento Europeo - Informe sobre a Igualdade Lingüística na era dixital.

TEMA DA INTERVENCIÓN DE LÍDIA SENRA

Situación de discriminación da lingua galega

ENLACE AO VÍDEO DA INTERVENCIÓN

https://www.youtube.com/watch?v=OvC-QfiR9wc&feature=youtu.be

ENLACE AO DEBATE COMPLETO

http://www.europarl.europa.eu/ep-live/pt/plenary/video?debate=1536608170759

[1] Aquí pódese consultar o informe completo abordado no pleno do Parlamento Europeo desta semana:
http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+REPORT+A8-2018-0228+0+DOC+XML+V0//PT

[2] Aquí o informe da Real Academia Galega:
https://academia.gal/documents/10157/704901/Lingua+e+sociedade+1992-2016


Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861,
lidia.senra@europarl.europa.euhttp://ageuropa.gal/
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez


https://youtu.be/OvC-QfiR9wc


Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
11 de setembro de 2018 12:32
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon