xoves, setembro 20, 2018

Agamme e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra melloras na atención a nenos e nenas vítimas, ante a a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia



A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (
AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais melloras na atención aos nenos e nenas vítimas.

A raíz do anuncio feito público recentemente sobre a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia, AGAMME e Fight 4 Child fixeron chegar este mércores un escrito dirixido á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais para que inclúa algúns cambios que ambas asociacións consideran necesarios para que as vítimas menores de idade reciban unha atención adecuada e respectuosa cos seus dereitos.

As asociacións piden maior concreción en varios aspectos da Lei do Estatuto da Vítima do Delito e a Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia aprobadas en 2015, tales como o concepto de interese superior das crianzas que continúa sendo excesivamente difuso, o nivel de formación que debe esixirse aos equipos profesionais que entran en contacto con nenos, nenas e adolescentes vítimas, as características materiais e humanas que deben cumprirse en toda entrevista ou acto no que participe un neno ou nena vítima ou testemuña, as medidas que deberá tomar necesariamente o xuíz para protexer á vítima durante a instrución, en particular as que teñen que ver co contacto coa persoa encausada, etc. Todo elo enmarcado no contexto da normativa europea que establece a necesidade dunha xustiza adaptada á infancia. Para este fin propoñen que se cree unha unidade de control de calidade da xustiza adaptada á infancia.

Outro aspecto que consideran necesario modificar é o articulado da Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia no cal se eliminan garantías aos nenos e nenas en acollida, promovendo unha maior axilidade e permitindo con iso que os servizos de menores tomen decisións sen a participación do xuíz ou xuíza.

AGAMME e Fight 4 Child, na mesma liña do anunciado por Vicepresidencia respecto a que ningún fillo ou filla de muller vítima de violencia de xénero deberá solicitar ao proxenitor permiso para recibir atención psicolóxica, indican a necesidade de asegurar o dereito das vítimas á recuperación, polo que solicitan que a medida se fagan extensible a calquera vítima menor de idade.

No texto as entidades piden a erradicación de ideas preconcibidas que poñen en dúbida por sistema a credibilidade dos nenos e nenas vítimas, por exemplo a través da suposta síndrome de alienación parental (sSAP), que sigue presente en numerosas sentencias e informes públicos, a pesar de ter sido reiteradamente refutado pola comunidade científica e sobre cuxa utilización alerta o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Solicitan tamén a creación de instrumentos de rexistro de datos sobre maltrato infantil periódicos e fiables, así como mellorar a coordinación coas universidades e fomentar a investigación neste campo.

Outro dos puntos fortes do texto refírese á petición de que se modifique o Código Penal no relativo aos delitos contra a indemnidade sexual, para o cal propoñen a imprescriptibilidade deste tipo de delitos; contemplar como delito diferenciado o abuso sexual incestuoso; e revisar os tipos penais de tal forma que se unifiquen abuso sexual e agresión sexual nun único tipo, co cal as asociacións pretenden impedir que se xulgue a actitude de las vítimas menores de idade como elemento de análise para determinar o delito, pois consideran que a asimetría evidente de poder entre neno-a e adulto-a é de por si violenta nestas situacións.

A carta alerta tamén sobre algúns problemas que a mediación pode supoñer para as vítimas, polo que solicitan restricións para a súa utilización.

As asociacións consideran un gran paso a redacción desta nova lei, polo que transmiten á Ministra a necesidade de que sexa transformadora da realidade que a día de hoxe viven as vítimas cando atravesan el sistema xudicial.

Ferrol, a 19 de setembro de 2018

Xunta directiva de AGAMME




---

Carta enviada á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais, remitida pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection, solicitando melloras na atención aos nenos e nenas vítimas de violencia. | 10 páxinas en formato PDF | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
20 de setembro de 2018 12:54

_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon