venres, setembro 21, 2018

O movemento na defensa das pensións públicas contesta ás declaracións do exministro Carlos Solchaga - A Plataforma de Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, integrada en Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas) asume, fai público e difunde o comunicado - O luns 1 de Outubro mobilización en Santiago de Compostela


A Plataforma de Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, integrada en Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas) asume, fai público e difunde o comunicado da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensión que foi emitido onte en resposta ás depreciábeis e indecentes declaracións do exministro Carlos Solchaga que o foi en diferentes gobernos de Felipe González, ocupando as carteiras de industria e economía. A continuación transcribimos o citado comunicado:

Ante as declaracións do exministro socialista, Carlos Solchaga

A Coordinadora Estatal en Defensa das Pensións Públicas repudia as declaracións do ex-ministro socialista, Carlos Solchaga, polo seu desprezo e falta de respecto aos millóns de pensionistas que co seu traballo contribuíron decisivamente a levantar este país, enfrontándose moitas veces aos ataques que os distintos gobernos perpetraron contra os dereitos dos traballadores e traballadoras. Entre eles, os protagonizados precisamente por Carlos Solchaga, primeiro co desmantelamento industrial, na súa época de ministro do ramo, e despois, xa como titular de Economía e Facenda, coa Lei de Pensións de 1985, (contra a que se convocaron centos de mobilizacións e unha Folga Xeral). Lei que incrementou os anos de cotización de 10 a 15 para cobrar unha pensión e ampliou de 2 a 8 anos o cómputo para o cálculo da mesma. "O teu problema, Carlos, son os traballadores; equivocácheste de trincheira", espetoulle Nicolás Redondo, entón secretario xeral de UGT, ante as cámaras de Televisión Española.

Estas e outras políticas antisociais deron lugar á folga xeral do 14 de decembro de 1988, unha das máiss grandes que houbo no conxunto do territorio do Estado, coa participación de máis de oito millóns de traballadoras e traballadores, ademais de estudantes e autónom@s.

Pois ben, trinta anos máis tarde, este tipo segue demostrando que "o seu problema son os traballadores". Fai días, nun foro empresarial, dixo que os pensionistas que se manifestan nas rúas pola revalorización das pensións "non teñen razón, pero ningunha razón, ningún deles pagou, ou a maioría deles pagou, nin a metade do que perciben" Si houbesen ter un sistema de capitalización, estarían cobrando agora unha pensión que sería aproximadamente a metade?. Ademais, o ex-ministro defendeu que "deixar o sistema de actualización das pensións como está (25%) é máis prudente que volver ao IPC". Sen comentarios, tamén dixo no seu momento que a reforma laboral do PP ía ser beneficiosa para o emprego...

Sentímolo polos anhelos privatizadores de Carlos Solchaga, pero o sistema de seguridade social español é, foi sempre e loitaremos porque siga séndoo un sistema de reparto, de solidariedade interxeneracional. As e os pensionistas de hoxe, cando eramos traballadores activos, cotizábamos para sufragar as prestacións dos pensionistas de entón. Cumprimos co noso deber legal e lexítimo pagando as pensións dos que entón eran os nosos maiores, como hoxe os que traballan cumpren co seu deber pagando as nosas.

E agora unhas precisións rápidas:

1º) Non é certo que as e os pensionistas de hoxe cobren máis do dobre do que cotizaron; antes ao contrario.

2º) O diñeiro que debía ser empregado exclusivamente para o pago das pensións serviu moitas veces para pagar partidas de ministerios como os que detentou o señor Solchaga, cando as cotizacións sociais NUNCA deberon nin deben ser utilizadas a fins diferentes ao pago das prestacións.

3º) O diñeiro das pensións serviu e serve para manter operativos negocios con dificultades de solvencia económica, mediante adiamentos na recadación das cotas sociais, converténdose nun mecanismo de financiamento indirecto de empresas en crises.

4º) Os pensionistas nunca deixan de aportar á Seguridade Social a cota que lles corresponde, mentres que aos empresarios e como "medida de estímulo á contratación", o goberno de quenda adoita concederlles bonificacións nas súas cotizacións. Só no 2016 a Seguridade Social deixou de ingresar por este concepto 2.100 millóns.

5º) Carlos Solchaga "matizou", din as informacións respecto diso, "que el tamén é pensionista" e non queremos deixar de recordar-lle que os pensionistas deste país teñen que traballar 36 anos e 6 meses para ter dereito a unha pensión do 100% da súa base reguladora (moi poucos son os que o conseguen), mentres el, con só 11 anos de ministro, estivo en situación de non traballar nunca máis até os 65, para ter igual dereito á pensión de xubilación na súa base máxima. E iso sen considerar que desde 1996, que deixou a política activa, as portas xiratorias abríronse-lle de pao a pao; ocupou diversos cargos de conselleiro e consultor externo en grandes corporacións. Antes fora presidente do comité interino do Fondo Monetario Internacional e segue sendo, aos seus 74 anos, director dunha importante consultoría con sé en Madrid. Mentres tanto, os traballadores deste país con menos de 15 anos cotizados e grazas á reforma que el mesmo promoveu en 1985, non teñen dereito a xubilación.

6º) O exministro dixo tamén que en España as pensións son moito máis altas que a media europea e o diñeiro que se destina a pagalas tamén é moi superior. Nin unha cousa nin outra é certa. A pensión media en España é máis baixa que a media na Europa dos 28, e iso malia que o PIB no noso país é moi superior e con respecto aos recursos que se dedican a pagalas estamos moi lonxe de alcanzar os niveis que destinan os países da nosa contorna. Ao contrario desa mentira tan repetida de que as pensións en España son moi xenerosas, só apuntaremos que máis da metade dos xubilados sobreviven con menos do Salario Mínimo Interprofesional.

E esta situación debémoslla a políticos coa mesma mentalidade que o señor Solchaga. Os últimos gobernos que sufrimos, tanto do PP como do PSOE, coas súas respectivas reformas laborais e do sistema de pensións, provocaron a actual crise que estamos vivindo. Reverter esas reformas antisociais é o noso obxectivo a medio prazo, lograr unhas pensións dignas e suficientes para todas e todos os traballadores e traballadoras "de agora e do futuro" é a nosa meta final. Por iso seguiremos ocupando as rúas e rodeando o Congreso, por iso seguiremos loitando, mal que lle pese a este tipo de personaxes cuxo problema son as persoas que creamos riqueza co noso traballo.

Unidos somos máis fortes, o futuro das pensións escribímolo hoxe.

DEFENDAMOS O SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS!!!

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vida digna!


O luns 1 de Outubro en Santiago de Compostela unha Grande Manifestación na Praza do Toural, ás 12 do mediodía

Lembrar que o luns día 1 de outubro, desde Ferrolterra, desprázamo-nos até Santiago de Compostela, para participar no encontro galego das loitas na defensa do sistema público de pensións, pois haberá mobilizacións simultáneas en todas as nacións e territorios do estado. No "Día do Maior" realizara-se unha Grande Manifestación que sairá da Praza do Toural, ás 12 do mediodía. Sairemos en autobús desde a Praza Dez de Marzal de Ferrol, entre o barrio de Recimil e As Pías, ás 10 da mañá, pasando por Caranza, Fene e Cabanas. O regreso está previsto ás 14:30hs.

Evento no Facebook.

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/

Enlaces relacionados en Ártabra 21.

Enviado por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
21 de setembro de 2018 10:38

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon