Senra cualifica de “chantaxe” o anuncio de peche de Alcoa e advirte “se marcha, que devolva os cartos”. | Chama a atención sobre o poder que a privatización de empresas proporciona aos capitais privados, e insta a tomar medidas ao respecto. | Lembra que esta empresa estivo gozando até o dagora dun trato privilexiado que lle permitiu ampliar a súa marxe de beneficios.
Ante a nova coñecida hoxe de que a empresa de capital estadounidense ALCOA ameaza -outra vez- con pechar instalacións na Galiza e noutras partes do Estado, dende Bruxelas a eurodeputada galega Lídia Senra -Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)-, instou á Unión Europea e aos Estados membro a que, en base ás súas respectivas competencias, “non consintan nin unha soa chantaxe por parte destas grandes empresas, nin coa enerxía, nin coa fiscalidade, nin con ningunha outra cousa”.
Senra demandou a posta en marcha das medidas precisas para que sexa garantido o mantemento de todos os postos de traballo e que, no caso de que esta grande corporación teime en operar os centos de despidos anunciados, “tanto a Xunta como o goberno do Estado esixan a devolución de todos os beneficios e diñeiro público que percibiu esta empresa, e que o invirtan en xerar postos de traballo para as persoas que ten empregadas na actualidade”.
Neste sentido, abondou, “é intolerábel que un dos argumentos desta empresa sexa o custo da enerxía cando, entre outros privilexios, ata o ano 2008 esta multinacional pagaba unha tarifa especial, máis baixa -que logo pagabamos todas e todos nós nas nosas facturas-, e posteriormente estivo cobrando cartos públicos a través do que poderiamos considerar como subvencións encubertas, tales como o denominado servizo de interrumpibilidade”. Habida conta do trato privilexiado do que vén desfrutando esta multinacional estadounidense -e que a bon seguro non se limita só á Galiza ou ao Estado senón que se entende aos países onde conta con sedes- non sorprende que durante o primeiro trimestre deste mesmo ano os seus beneficios se dispararan un 50%, acadando os 182 millóns de euros.
Asemade, a eurodeputada lembrou tamén que circunstancias coma esta, na que “unha empresa ten o poder de intimidar gobernos a nivel municipal, galego e estatal, tomando ás traballadoras e traballadores como reféns, son unha cara máis das consecuencias das políticas de privatización”, en alusión ao feito de que a estadounidense ALCOA asentouse na Galiza a través da concesión de INESPAL (Industria Española del Aluminio) no 1998.
Lídia Senra tamén quixo aproveitar para trasladar ás traballadoras e traballadores de Alcoa “a nosa máis fonda solidariedade e apoio”.
Bruxelas, 17 de Outubro de 2018.
Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
17 de outubro de 2018 16:02
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon