venres, outubro 05, 2018

O Parlamento Europeo debateu a posibilidade de establecer unha renda mínima nos Estados membro para unha Europa 'xusta' - A eurodeputada galega abstense na votación do informe aprobado hoxe polo PE criticando a falta da determinación na protección das zonas montañosas - Lídia Senra denuncia no pleno do Parlamento Europeo a manipulación e o uso partidista da CRTVG


"Os números están claros: hai riqueza abondo para vivir con dignidade, só hai que repartila mellor" . | O Parlamento Europeo debateu esta tarde a posibilidade de establecer unha renda mínima nos Estados membro para unha Europa “xusta”. | Senra subliñou na súa intervención que o empobrecemento afecta moi especialmente á mulleres, mocidade, crianzas, persoas xubiladas e paradas.

As políticas de austeridade e as reformas estruturais impostas pola UE teñen provocado un aumento alarmante da pobreza e unha maior concentración da riqueza, especialmente no sur da Unión Europea”. Así situou esta tarde a eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, o marco do debate sobre o establecemento dunha renda mínima na UE que tivo lugar esta tarde na sesión plenaria do Parlamento Europeo.

No noso país, segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), catro de cada dez fogares galegos teñen dificultades para chegar a final de mes. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o 19% dos fogares do Estado están en risco de pobreza. Ademais, subliñou a galega, “esta pobreza tan rostro de muller, de persoa nova, de crianza, de persoa xubilada e de persoas desempregadas. É hora de reverter esta situación. Os números están claros: hai riqueza abondo para vivir con dignidade, só hai que repartila mellor”.

Se realmente a UE quere apostar por un modelo social que elimine ou, canto menos, mitigue a cada vez máis crecente desigualdade económica nos Estados membro, cómpre determinación e apostar xa por unha batería de medidas que aborde esta situación: “Reducir a xornada laboral; reparto do traballo; salarios dignos; prezos agrarios remuneradores; pensións de xubilación dignas garantidas polos orzamentos públicos; servizos públicos gratuítos e de calidade; políticas para garantir o dereito a unha vivenda digna e a prezos asequíbeis; poñer fin á fraude e á evasión fiscal e establecer a Renda Básica Universal para garantir que ningunha persoa sexa condenada a vivir na pobreza ou a aceptar empregos absolutamente precarizados”.

A eurodeputada galega realizou a súa intervención ante o pleno do Parlamento apenas unhas horas despois de participar nese mismo espazo no debate co primeiro ministro de Estonia, Jüri Ratas, ao que insistiu en que “o futuro de Europa pasa por activar medidas para loitar contra a pobreza e redistribuir a riqueza”.

Nesta interpelación ao primeiro ministro estonio Senra cuestionouno tamén sobre as liñas de traballo a activar, situando como eixo principal afrontar os actuais retos que a UE ten no eido do benestar social: “Gustaríame saber que propostas ten enriba da mesa para combater o enorme desemprego que vai conlevar o que vostedes denominan a “cuarta revolución industrial”, que medidas para combater a enorme fenda de xénero e loitar contra a violencia machista e, xa que tanto falou de reforzar o militarismo e a seguridade, quixera saber cales son as súas medidas para traballar por unha cultura de paz.

Estrasburgo, 3 de Outubro de 2018.

Sesión Plenaria do Parlamento Europeo [03/10/2018]

TEMA DA INTERVENCIÓN
Establecemento dunha renda mínima

ENLACE Á INTERVENCIÓN
https://www.youtube.com/watch?v=tGg1cE37KUE&feature=youtu.be

ENLACE AO DEBATE COMPLETO
http://www.europarl.europa.eu/plenary/PT/vod.html?mode=unit&vodLanguage=PT&vodId=1538575925626#


Urximos á UE a desenvolver as medidas de protección para as zonas rurais e montañosas. | Senra abstense na votación do informe aprobado hoxe polo PE criticando a falta da determinación na protección das zonas montañosas. | Canteiras do Caurel, monocultivo de eucaliptos na Fonsagrada, as obras do AVE en Laza e a destrución de servizos, denunciadas no pleno do PE.

O Parlamento Europeo, reunido en sesión plenaria en Estrasburgo durante esta semana, vén de aprobar hoxe unha proposta de resolución para abordar as necesidades específicas das zonas rurais, montañosas e remotas. A coordenadora do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) para a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, abstívose no seu voto ao considerar que non recolle un verdadeiro compromiso de actuación por parte das institucións comunitarias.

As montañas desempeñan un papel fundamental no subministro de auga doce no planeta e tamén xogan un papel importantísimo a nivel de biodiversidade”, recordou a eurodeputada galega na súa intervención no hemiciclo durante o debate desta resolución. Mais, sen embargo, e malia que as institucións comunitarias recoñecen en textos como o aprobado hoxe que as zonas rurais, montañosas e remotas constitúen o 80% do territorio, concentran máis da metade da poboación (o 57%) e representan o 46% do valor bruto engadido, “en moitas zonas da Unión Europea as montañas e as persoas que viven nelas están totalmente abandonadas; as administracións públicas, como no caso galego, case non adican recursos para o desenvolvemento e conservación destas areas e consenten todo tipo de agresións medioambientais que contaminan, teñen fortes impactos na paisaxe e expulsan ás persoas”. Ilustrando esta realidade, Senra plantexou situacións concretas deste desleixo: “Só no meu país, na Galiza, as canteiras no Courel, a reforestación con especies inadecuadas como eucaliptos en A Fonsagrada ou as obras do AVE en Laza son un exemplo do que acabo de describir”.

Con este panorama, ata as propias institucións comunitarias teñen claro que as dificultades para poder vivir nestas zonas están a expulsar á poboación, cas conseguintes consecuencias negativas para o coidado e transmisión do patrimonio natural e cultural que albergan. A taxa de desemprego nas zonas non urbanizadas da UE aumentou do 7% ao 10,4% entre 2008 e 2012, e as persoas maiores de 65 años representan o 20% dunha poboación que, ademais, enfróntase a unha constante destrución de servizos básicos. Fronte a esta realidade, urxe un compromiso real por parte da UE cas zonas rurais, montañosas e remotas, reivindicou Senra: “O despoboamento destas áreas e alarmante. Manter e conservar todo o que nos aportan as montañas á sociedade so será posíbel con actuacións políticas decididas que fomenten un desenvolvemento da actividade agraria baseada no modelo agroecolóxico e con fortes apoios para a instalación das persoas nestas actividades. É urxente blindar os servizos públicos de calidade, gratuítos e accesíbeis para todas as persoas”.

Na súa intervención ante o pleno do Parlamento Europeo e a Comisaria Europea de Política Rexional, Corina Crețu, a eurodeputada galega criticou tamén a falta de acompañamento con medidas reais que desenvolvan os textos cargados de boas intencións que as institucións comunitarias adican a estas áreas que, segundo a xerga comunitaria, son fundamentais para un desenvolvemento territorial “equilibrado” en Europa. “En maio de 2016, aprobamos neste Parlamento unha resolución sobre a política de cohesión nas rexións montañosas da UE. A min gustaríame saber se a Comisión e os Estados están implementando algunha das súas recomendacións”, cuestionou Lídia Senra.

Estrasburgo, 3 de Outubro de 2018.

Debate en Sesión Plenaria [01/10/2018]

TEMA DA INTERVENCIÓN
Medidas de Protección nas Zonas Rurais e Montañosas

ENLACE Á INTERVENCIÓN
http://www.europarl.europa.eu/plenary/PT/vod.html?mode=unit&vodLanguage=PT&vodId=1538421698021#

ENLACE AO DEBATE COMPLETO
http://www.europarl.europa.eu/plenary/pt/debate-details.html?date=20181001&detailBy=date


Lídia Senra denuncia no pleno do Parlamento Europeo a manipulación e o uso partidista da CRTVG. | Acusou ao PP de ter convertido a televisión pública galega no seu gabinete de comunicación e pediu intervención urxente do PE e da CE. | Esta denuncia engádese ás preguntas parlamentarias dirixidas á CE nas que a eurodeputada tamén solicitou o desenvolvemento da Lei 9/2011

Lídia Senra denunciou unha vez máis nas institucións europeas o control partidista ao que o Partido Popular ten sometido a Compañía de Radio Televisión Pública de Galicia (CRTVG).

Logo de ter rexistrado xa tres preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea solicitando que se investigue a situación por parte de diferentes organismos europeos e que desenvolva a Lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, entrada a noite de onte, e vestindo unha camiseta na que se podía ler a reivindicación #DefendeAGalega, a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) interveu para chamar a atención sobre este ataque ao pluralismo informativo que está a ter lugar no noso país. “Neste Parlamento, con moita frecuencia denunciamos con preocupación a manipulación informativa e a falta de pluralidade nos medios de comunicación en diferentes países, na plenaria do mes pasado fixémolo con Hungría. Hoxe quero denunciar aquí a falta de pluralidade, a manipulación e o control ao que o Goberno galego ten sometida a radio e televisión pública galega”.

O deterioro e uso partidista continuo da CRTVG, explicou na Eurocámara, non só ten convertido a canle pública galega “nun voceiro ao servizo do Partido Popular”, senón que está a conlevar un durísimo ambiente laboral na Compañía, con apertura de expedientes displicinarios e ameazas de despido ás traballadoras e traballadores que denuncian a manipulación neste ente público. “Este feito levou aos traballadores e traballadoras da compañía a mobilizarse. Levan xa 19 xornadas de venres negro, unha xornalista e un xornalista dimitiron como presentadores dun dos informativos e o 8 de setembro organizaron unha xornada de mobilización polas rúas da capital galega”.

Facendo uso da súa quenda de intervención libre, a eurodeputada aproveitou para enumerar as reivindicacións das traballadoras e traballadores da CRTVG: “O fin do control por parte do goberno galego da radio e televisión públicas, que se respecte a imparcialidade e pluralidade que deben ter os medios de comunicación e o respecto polos dereitos laborais das e dos traballadores”.

Logo de expor os puntos clave da difícil situación pola que está a atravesar a plantilla de traballadoras/es da radio e televisión pública galega, e ao fío do marco establecido Directiva 2010/13/UE, insistiu ás institucións comunitarias: “A Comisión Europea e este Parlamento teñen que intervir con urxencia para que o Goberno galego poña fin aos anos de control e manipulación que teñen convertido a CRTVG no gabinete de comunicación do Goberno e do Partido Popular”.

Estrasburgo, 2 de Outubro de 2018.

Intervención en Sesión Plenaria do Parlamento Europeo [01/10/2017]

TEMA DA INTERVENCIÓN
Denuncia do uso partidista da CRTVG

ENLACE Á INTERVENCIÓN
https://youtu.be/o3DS1fYhTsc

Oficina de LÍDIA SENRA. | EURODEPUTADA GALEGA. | Grupo da Esquerda Unitaria Europea/ Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura. | Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. | 0034 609 845 861. | Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas). | Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo). |  lidia.senra@europarl.europa.eu  |  http://lidiasenra.gal/

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
2 de outubro de 2018 12:18
3 de outubro de 2018 13:14
3 de outubro de 2018 17:51

___________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon