Lídia Senra esixe á UE a inmediata aplicación da Declaración dos dereitos labregos aprobada pola ONU. | O movemento labrego mundial La Vía Campesina vén loitando pola aprobación desta Declaración dende o ano 2001. | A eurodeputada galega pregúntase que hai detrás da abstención maioritaria dos países da UE na votación da ONU o pasado luns.
Con 19 votos a favor, 7 votos en contra e 49 abstencións [listaxe completa de votos], a Terceira Comisión (Social, Humanitaria e Cultural) da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou este luns 19 de novembro a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e Doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais. Este documento, que terá que ser ratificado en decembro, toma como base a Declaración dos Dereitos das Labregas e Labregos do movemento social labrego mundial La Vía Campesina (LVC), do cal o Sindicato Labrego Galego forma parte na Galiza.
A Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo levou a cabo onte un intercambio de opinións sobre a aprobación desta Declaración e sobre os desafíos mundiais que afectan aos dereitos humanos no sector da agricultura. Malia a que a comparecencia tiña lugar no marco da semana que o Parlamento Europeo está a adicar precisamente á conmemoración do 70 aniversario da aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Declaración dos dereitos do campesiñado e outra persoas que habitan no medio rural foi desprazada até o último lugar da axenda de traballo, limitándose o tempo para o seu tratamento e debate. “Paréceme lamentábel que para unha vez que se aborda nesta comisión unha cuestión relacionada cos dereitos das labregas e labregos deixemos o último minuto e non poidamos ter un debate tranquilo”, criticou Lídia Senra.
Na súa intervención, a coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo felicitou o traballo levado adiante polo movemento labrego mundial La Vía Campesina dende o ano 2001 e as súas organizacións aliadas: “A aprobación desta Declaración é un feito realmente importante para todo o planeta”.
Sen embargo, salientou, “resulta moi chamativo que toda a UE, agás dous votos a favor e tres en contra, se abstivera na votación. A que se debeu que se acordara este voto?”, cuestionou á representante do Servizo Exterior da UE, convidada como poñente para informar sobre este tema. “Este é un instrumento fundamental para pór os dereitos humanos e os dereitos das labregas e labregos por riba dos intereses, cada vez máis fortes, e das agresións, cada vez maiores, do capital financeiro e das transnacionais, que non só están a acaparar as terras e os mercados, se non tamén os recursos naturais en sentido amplo. O labrego é o único modelo agroalimentario que realmente permite facer fronte aos grandes retos enerxéticos e climáticos tanto a nivel europeo como mundial”.
Ademais, segundo teñen denunciado tanto LVC como outras organizacións sociais, a día de hoxe a posta marcha de acordos comerciais que lexitiman a imposición del modelo económico neoliberal, como os que impulsa a UE, son unha das causas do significativo aumento da violencia e a vulneración de dereitos nas zonas rurais, que afecta ademais de xeito diferenciado s mulleres que viven nestas áreas. “Agardamos que tanto os Estados membro como a UE no seu conxunto rectifiquen, e que asuman e implementen este texto inmediatamente. En decembro terán a oportunidade de ratificalo, e sería intolerábel que a Unión Europea, que tantas veces pretende erixirse en defensora dos dereitos humanos, non secundase esta Declaración”, exhortou Senra.
Bruxelas, 22 de Novembro de 2018.
Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural [22/11/2018]
TEMA DA INTERVENCIÓN
Declaración dos dereitos do campesiñado e outra persoas que habitan no medio rural
ENLACE Á INTERVENCIÓN
https://youtu.be/KipQHvmDP0g
ENLACE AO DEBATE COMPLETO
https://youtu.be/ZiGlGhBW4z4
Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
22 de novembro de 2018 19:02
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon