venres, novembro 23, 2018

As delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG acordan convocar folga xeral o 8 de marzo do vindeiro ano de 2019 - Concentráronse ao remate diante dos Xulgados de Compostela para denunciar as agresións do patriarcado - Preto de 300 delegadas asisteistentes ao IV Encontro Nants ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG, acordaron esta mañá convocar folga xeral de mulleres o vindeiro 8 de marzo e trasladar esta proposta ao movemento feminista galego


As delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG acordan convocar folga xeral o vindeiro 8M. | Concentráronse ao remate diante dos Xulgados de Compostela para denunciar as agresións do patriarcado. |
Preto de 300 delegadas asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG, acordaron esta mañá convocar folga xeral de mulleres o vindeiro 8 de marzo e trasladar esta proposta ao movemento feminista galego.

Un paro de 24 horas “para dar resposta aos ataques do patriarcado, porque non imos permitir que foran de farol o pasado 8 de marzo e que todas as promesas que fixeron nos días posteriores quedaran finalmente en nada”.

Así o explicaba a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, na posterior concentración diante dos xulgados de Compostela, onde fixo un chamamento a todas as compañeiras organizadas en colectivos e organizacións feministas no país a “loitarmos xuntas nun novo 8 de marzo e a combater na rúa as agresións do patriarcado, as agresións de todo o aparato, tamén o xudicial, que para nada teñen asimilada a perspectiva de xénero e que, para nada, combaten a desigualdade como terían que facelo”.

As delegadas da CIG acordaron ademais dar traslado nos seus centros de traballo das moitas razóns polas que se convoca esta folga xeral. Razóns que foron esgrimindo ao longo do debate e que deixaron constancia das discriminacións e violencias ás que teñen que facer fronte as mulleres dentro e fóra do ámbito laboral polo feito de ser mulleres.

Por iso exixiron que non haxa “#NinUnhaMáis acosada no traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”, porque, seguindo o lema da campaña da Secretaría das Mulleres da CIG arredor deste 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, “Imos Fartas do acoso e da violencia machista”.

Concentración nos Xulgados

As asistentes a este IV Encontro saíron, o seu remate, en manifestación cara aos Xulgados onde se concentraron para denunciar que, como afirmou Corral, “as mulleres traballadoras non só temos que sufrir a violencia nas nosas vidas, de man de parellas ou exparellas, senón que tamén sufrimos a violencia de xefes acosadores, de compañeiros acosadores que nos agriden sexualmente, que nos agriden fisicamente e que nos agriden coas súas decisións impedindo que poidamos exercer os nosos dereitos”.

Unha violencia que, lembrou, se produce tamén desde os gobernos, as administración públicas e do propio sistema xudicial que, como denunciaron no decurso do Encontro, é capaz de emitir sentenzas como a da Manada. “Por iso estamos aquí ás portas dos Xulgados, para denunciar unha vez máis esa situación. Porque as mulleres da CIG non imos permitir que nin unha soa muller máis sexa discriminada, agredida e imos facer todo o posíbel para combatelo desde os nosos postos de traballo, dos nosos espazos na sociedade”.

Agresións que non paran de medrar

A secretaria das Mulleres da CIG alertou do constante incremento das agresións machistas. Así denunciou que 6.001 mulleres foron vítimas de agresións machistas o ano pasado, un 17,5% máis que no ano anterior; que máis dun medio centenar foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas nos últimos 15 anos e que houbo 3 feminicidios en Galiza desde o principio deste ano: Magdalena Moreira Alonso; María Judite Martíns e Ana Belén Varela Ordóñez.

Corral sinalou ademais que, segundo os datos da Fiscalía galega indican tamén un aumento no número de denuncias que chegaron aos xulgados galegos, xa que no 2017 se presentaron 6.463, fronte ás 5.683 do ano anterior, o que supuxo un 13,7 % máis.

Esta terrible situación é a que levou, segundo Corral, ás mobilizacións multitudinarias do ano pasado. “Demostramos as galegas que enchemos as rúas deste país que necesitabamos un cambio, que necesitabamos non só medidas de aparencia, senón cambios reais a prol dos noso dereitos”. E estas cifras “e tantas outras que podiamos comentar do que sufrimos a cotío, son a realidade que demostra que ían de farol o 8 de marzo”.

Por iso chamou a todas as mulleres a reaxir, a mobilizarse este 25 de novembro nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas da Galiza e a secundar masivamente a folga xeral do vindeiro 8M. “Nós facémolo como sabemos na CIG, combatendo nas rúas e debatendo sobre esta problemática, dando propostas e respostas desde o feminismo de clase a esta situación”.

Mobilizacións do 25N:
  • Vigo: 12:00 h, cruce de Vía Norte con Urzáiz (Feminismos Vigo)
  • Pontevedra: 12:00h na Peregrina
  • Lugo: 12:00h, diante do concello (Plataforma Feminista Lugo)
  • Ourense: 12:00 h. Acción de rúa (Praza Maior).
    • 19:00 h. Obradoiro de pasamontañas (Subdelegación Goberno).
    • 20:30 h. Manifestación (saída Subdelegación Goberno) -
  • A Coruña: 20:00 h, desde o Obelisco (Feminismos A Coruña)
  • Ferrolterra: 19:00 h Manifestación + batukada e performance desde praza da Gándara. Narón.
  • Compostela: 12:00 h, desde a Praza 8 de Marzo (Feminismos Compostela).
    • Día 26 de novembro: 19:00 h. Casa de Xohana Torres. - Palestra-café con Paz Filgueira, xuíza de Familia.
  • A Estrada: 11:30 h concentración diante do concello
  • As Pontes: 11:30 h Concentración na Praza do Hospital
Fonte: Avantar. | 22 de Novembro. | Baixo Licenza Creative Commons.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon