sábado, novembro 17, 2018

Pesar pola morte da compañeira Helena Sánchez - Lembranza de Xosé Lastra Muruais no seu pasamento


Helena Sánchez
,[*] veciña de Caranza, morreu na madrugada do luns 12 de novembro de 2018, aos 74 anos de idade, despois de ter sufrido un accidente de tráfico en Ferrol. A compañeira Helena formaba parte de diversos colectivos nos que participaba en Ferrolterra, como a Marcha Mundial das Mulleres que lamentaba nun comunicado o desafortunado suceso e dixeron que "lembrarán sempre a Maria Helena Sánchez, compañeira en todas as actividades en defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia machista". Helena participaba activamente nas convocatorias do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, contra o despropósito gasista de Reganosa e formou parte de diversas organizacións políticas, foi militante durante moitos anos do BNG e ultimamente estaba ligada a En Marea e Anova.

---

No pasamento de Helena Sánchez (1944-2018)

Por Xosé Lastra Muruais
15/11/2018

Cando polos anos oitenta cheguei a Caranza, batín cun grupo de persoas na ANPA do centro, maiormente mulleres e nomeadamente ti. Aquel barrio que nos ensinastes a amar por mor da inmensa querenza que lle tiñades. Aprendemos tanto con vós!

Lembramos nidiamente o teu devezo e a túa disposición sempre a mover o mundo, dende unha apracible afouteza. Nada che foi alleo no plano educativo, lingüístico, asociativo, político... Non houbo movemento social no que non participases dende unha posición radicalmente de esquerda e galega. Nin manifestación cultural que non te chamase: literatura, cine, música, arte... Foron máis de tres décadas de emocións e arelas compartidas.

Agora fúcheste tan de súpeto, coma un lóstrego, deixándonos orfos e sen nos dares tempo a che dicirmos, unha vez máis, canto te queremos e canto queriamos aínda compartir contigo. Vaia esta pequena homenaxe na memoria dese camiño convivido. Perdémoste e perdeute a nación soñada.

Sempre nos nosos corazóns.

[*] María Helena Sánchez López (1944-2018).
___


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon