Presentada a campaña #AlumenadoAMiseria
Esta mañá ao redor dun cento de persoas acudiron a rolda de prensa convocada pola Asemblea por un Vigo +Social na que presentabamos a campaña #AlumeandoAMiseria.
Xuntamos o comunicado que limos na rolda:
O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal para que non vexamos a miseria e o sufrimento que a política social deste Concello provoca na cidadanía. A tal fin, non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas.
As institucións públicas, supostamente creadas e destinadas a garantir unha vida digna para todas, prefiren deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica, ao tempo que constrúen un modelo de cidade “escaparate”, fermosa pero pouco humana, unha sorte de gran parque de atraccións para turistas. Un modelo de cidade, no que só teñen cabida as persoas con capacidade de participar no consumismo de Nadal, mentres as empobrecidas continuamos a ficar excluídas.
O Concello prefire esa iluminada realidade inventada, de falsa felicidade, onde só contan os intereses privados, a economía de traballos lixo ligados ao turismo e a imaxe de que todo vai moi ben, no que parece ser unha campaña electoral que nunca remata para o equipo de goberno municipal.
A cidade que nós coñecemos é moi distinta. Na nosa cidade, a real e escura, a non iluminada, as veciñas non reciben axuda debido á suposta insuficiencia de orzamento por parte do Concello, mentres este paga millóns de euros en indemnizacións a grandes empresas privadas, como as concedidas aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar de Vigo, e segue a facer negocio coa política social ao destinar millóns de euros a esas grandes empresas que xestionan os servizos sociais máis básicos.
Mentres, non hai cartos nin vontade para combater problemas tan reais como a suba constante dos prezos dos alugueiros e a dificultade de moitas de nós para acceder a unha vivenda digna. Non hai cartos nin vontade para combater a pobreza enerxética e o drama que isto supón para centos de familias.
Non hai cartos nin vontade para impedir o peche da oficina de atención ás migrantes nin o recorte de persoal nos Servizos Sociais.
A resposta do Concello aos nosos problemas parece ser entón que alimentemos as nosas familias con paquetes multicolores, que combatamos o frío nos pisos, que apenas podemos pagar, con ducias de luces e grilandas, e convertamos en felicitacións de Nadal as facturas impagadas que acumulamos.
Non doutra maneira se pode entender que este goberno invista en dous meses:
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 139.000 euros de orzamento que destina ao albergue municipal nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros de orzamento que destina a axudas extraordinarias a familias sen recursos nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 12.000 euros de orzamento que destina á teleasistencia para maiores nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 50.000 euros de orzamento que destina a axudas para pagamento de facturas eléctricas nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 77.000 euros de orzamento que destina a axudas de emerxencia para alimentos e produtos básicos nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros de orzamento que destina a axudas de libros, material escolar e comedor nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 16.665 euros de orzamento que destina a axudas á calidade e mellora do emprego da mocidade nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 2.000 euros de orzamento que destina a axudas para mulleres vítimas da violencia machista nese mesmo período.
- Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 36.250 euros de orzamento que destina a museos, patrimonio histórico e biblioteca nese mesmo período.
Vigo, 23 de novembro 2018
https://youtu.be/2vMROSXa7jQ
Asemblea por un Vigo +Social #AlumeandoAMiseria
facebook.com/alumeandoamiseria | @maissocialvigo
Enviado por:
Mais Social
-maissocialvigo@gmail.com-
23 de novembro de 2018 12:29
_________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon