martes, decembro 18, 2018

Violencias de xénero, ... Por Iolanda Teixeiro - A violencia machista non deixa de ser un xeito de se manifestar a violencia xeral propria da cultura da dominación


Por  Iolanda Teixeiro Rei [*]
18.12.2018


VIOLENCIAS DE XÉNERO

Podemos as persoas relacionarmonos sen esa teima polo xénero? O xenerocentrismo, nunha sociedade que reclama os dereitos dos LGBT (lesbianas, gais, transexuais/transxéneros e bisexuais) parece un concepto caduco máis propio daqueles tempos en que a reprodución era indispensável para a subsistencia da familia ou clan. Mais nun mundo superpovoado, que sentido ten?. Os xéneros son devedores de roles sociais  ríxidos e hoxe, a dicir de Baumann, vivimos nun mundo líquido.

O determinismo biolóxico segue a servir de coartada para manter a discriminación de xénero. Hai quen di que é unha cuestión hormonal -cousas da testosterona e dos estróxenos- que as mulleres sigamos ocupándonos maiormente dos coidados das persoas e do coidado do interior, das moradas, das emocións... Ate as persoas, homes e mulleres, que pasan por máis igualitarios, no día a día, portamos ideias, conceptos e conductas sexistas. Esperamos comportamentos distintos segundo sexa neno ou nena. Senón por que iamos ter esa preferencia ou esa necesidade imperiosa de saber que vai ser o naipelo antes de nacer?. Há anos que os estudos científicos amósannos que os tratamos de xeito diferenciado, que deixamos chorar máis ás nenas que aos nenos, por exemplo, porque temos o prexuízo de que elas son máis febles. E, de resulta dos nosos prexuízos así as fazemos para logo nos confirmar. E os prexuízos, sobre todo cando son inconscientes, educan na desigualdade e confirman o que imos construíndo como se viñera gravado a lume nos xenes. Ao fin, se a testosterona fóra a responsável, como algúns pretenden, da agresividade masculina, como se explica que os homes de sociedades non patriarcais ou con menos sentido da propiedade privada teñan comportamentos máis pacíficos?

A violencia machista non deixa de ser un xeito de se manifestar a violencia xeral propria da cultura da dominación. E non há profesión onde mellor se enxergue que na militar. Aí é onde bate máis a esquizofrencia dos modelos de xénero pois ás mulleres militares esíxelles ser rexas no traballo e dóciles no fogar.
Conta Henrietta L. Moore en Antropoloxía e feminismo, un interesante estudo sobre unha das formas de xeración de ingresos no fogar levado a cabo por Maria Mies sobre as encaixeiras indias de Narsapur, en Andhra Pradesh na década dos 70. Daquela, máis de 100.000 mulleres traballavan case como escravas na industria de fabricación de encaixes a domicilio, sen dereitos sindicais nen contratos laborais e cuns salarios ínfimos. Os encaixes exportavanse a Europa, Australia e EE.UU. Países que fachendeavan como hoxendía, de seren sociedades igualitarias que se crían de tan alta moralidade e progreso que coa importación dos encaixes exportavan esa hipócrita axuda ao desenvolvemento. Foran curiosamente os misioneiros cristiáns quen artellaran na India a industria do encaixe no século XIX, porque como dicía Bertrand Russell, se deus non fixera o corpo humano pecaminoso non havería que cubrir o corpo e que sería, entón, da industria algodoneira británica e deses industriais tan piadosos, sen os que, por outra parte, quizais Marx non podería contar cos ingresos de Engels para deixarnos esa xenial análise de cómo nos explota o Capital. Paradoxos da vida!.

Así que os países desenvolvidos medraron a costa da explotación selvaxe das mulleres dos países colonizados como a India. Mulleres subcontratadas sobre as que recaían todos os custes de produción. Esta é a verdadeira faciana do progreso. E tambén a causa de que unha feminista burguesa pouco teña a ver cunha feminista marxista ou ecofeminista. Unha industria téxtil que lembra moito ao emporio Zara e as mulleres galegas. Como di Maria Mies, o máis curioso, é que estas mulleres fan parte dunha povoción activa invisível debido á ideoloxía dominante patriarcal que as define como amas de casa que ocupan o seu tempo livre dun xeito rendível. E, por suposto, o traballo da casa non computa como valor de cambio. En sendo que tanto a exportación como a comercialización fican en mans masculinas. Polo que a organización do sector do encaixe como industria doméstica e o tratamento de ama de casa enxérgase na específica relación que existe entre as esferas productiva e reproductora da vida económica e social. Mais tambén ten relación co crecente empobrecemento do sector agrícola campesiño que forzou ás mulleres a procurar unha fonte adicional de ingresos. Ao se unir a casta coa ideoloxía cristiana de muller ama de casa entreteceuse un entramado que beneficia as relacións capitalistas do mercado e afianza as relacións de xénero existentes. Como non fazer comparación entre o éxodo rural galego e o medre do emporio téxtil tambén na Galiza? Ah, que isto non entra no día da violencia de xénero?.

Sería ben que cando celebramos días da violencia de xénero teñamos en conta as interrelacións entre xénero, clase e etnia. E non reduzamos todo a actitudes individualistas sen análise de clase.

No século XIX, en Gran Bretaña, ter servizo doméstico masculino tíñase por sino de elevado estatus social e os homes de etnias marxinadas traballavan no servizo doméstico. Katzman amosa como en EEUU a fins do século XIX, en California e Washington, a meirande parte dos traballadores domésticos eran varóns chineses. Coa industrialización e menor demanda de inmigrantes, foron as mulleres quen ocuparon eses traballos. Tambén na Africa do Sul, os traballadores domésticos europeos foron sustituídos polos pretos. Anque eran as mulleres pretas as que recibían os salarios máis baixos. Mais quen domina máis a clase ou o xénero?.

Hoxendía, cando nos falan de violencia de xénero, eses mesmos medios que a exercen a fío, esquecen sempre que violencia non é só, que tambén, asasinar, bater ou violar. Violencia de xénero  inclúe mercar a fío eses tecidos low cost a prezo de escravatura, anque sexa para engordar a un filántropo. Esquecen que son as relacións de dominación da sociedade clasista quen nos aprenden e reforzan cada día esas conductas de dominación que non só se exercen de home a muller, senón tambén de adulto a neno, de etnia branca a outras etnias, de clase empresarial a clase traballadora e entre o amplo abano de xerarquías de esta.


Teremos de mudar o sistema de valores sociais deixando de premiar o dominio e a sumisión para non seguir creando verdugos e víctimas, nas vindeiras xeracións. Non chega só con pór nunha marcha a camisola preta.

Se cadra no tocante aos xéneros deveriamonos educar como queer, isto é, rexeitando clasificarmonos con esas categorías universais fixas de varón, muller, hetero, homo, bi ou trans. Mais que nada por evitar as limitacións que estas categorías arrastran coas súas ocultas motivacións sociopolíticas. Pois nen xénero, nen identidade nen orientación sexual está escrito na natureza humana senón que son froito dunha construción social intereseira focada á dominación.

[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.


Enviado por:

Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
23 de novembro de 2018 20:12
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon