sábado, febreiro 02, 2019

O concelleiro de Narón André Abeledo retirou da orde do día antes do pleno, unha interesante moción na que solicitaba o estudo de medidas en materia de vivenda e alugueiro para a cidade


O concelleiro André Abeledo retirou da orde do día antes do pleno, deste Xoves día 31 de Xaneiro do 2019, unha interesante moción na que solicitaba o estudo de medidas en materia de vivenda e alugueiro para a cidade. Imaxinamos que foi por mor de que o Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro, que era no que se baseaba a moción, non foi convalidar no Congreso e tivo que ser derogado. Un decreto que quería ser unha Lei de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro, con algúns aspectos positivos, mais insuficiente respecto das demandas de movementos sociais en defensa dunha vivenda digna, sobre todo aspectos como o da regularización dos prezos de alugueiro. Polo que organizacións políticas que estaban chamadas a apoiar a Lei, non o puideron facer (Interesante debate do Decreto-Lei no Congreso).

De todos os xeitos, por entender que as propostas do concelleiro eran axeitadas, transcribimos a súa proposta a xeito de información:

"Abeledo solicita o estudo de medidas en materia de vivenda e alugueiro.

En Narón é moi difícil atopar unha vivenda en alugueiro por menos de 300 euros, case imposible, pero ademais unha vivenda con ascensor en boas condicións vai máis alo de 400 e pode chegar a 500 euros mensuais.

As persoas con fillos menores ou aquelas con algún tipo de discapacidade teñen moitas veces que deixar a metade dun salario nun alugueiro se queren vivir nunha vivenda que se adapte as súas necesidades.

Despois súmalle auga, enerxía, e que temos que comer todos os días. Con salarios de mileurista ou menos, mais que vivir imos sobrevivindo. Iso é algo que entendo ben porque sendo caixeiro de supermercado, pai e alugado o vivo nas miñas propias carnes, desgraciadamente como a maioría das traballadoras e traballadores.

Por ese motivo Abeledo solicita o estudo de medidas en materia de vivenda e alugueiro para Narón xa fai bastante tempo en Narón.

André Abeledo rexistrou unha Moción para o Pleno deste Xoves día 31 de Xaneiro do 2019 onde solicita as seguintes medidas sobre vivenda:

1.- Elaborar un censo de vivendas desocupadas de acordo aos criterios establecidos no Real Decreto e instar a Xunta de Galicia a desenrolar o concepto de vivenda valeira.

2.- Estudar a posibilidade de modificar a ordenanza fiscal para establecer un recargo do 50% no IBI daquelas vivendas que se atopen desocupadas, sobre todo terceiras vivendas, vivendas propiedade de entidades bancarias, ou en mans do SAREB.

3.- Estudar a posibilidade de modificar a ordenanza fiscal para establecer un 95% de bonificación daquelas vivendas destinadas ao alugueiro con renda limitada.

Abeledo explica que é  unha Moción necesaria logo da aprobación do Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro.

André Abeledo indica que no Estado español hai 3,5 millóns de vivendas baleiras, segundo o último censo de poboacións e vivendas dispoñible, realizado en 2011.

En EU Narón temos claro que hai que garantir a función social da vivenda. No seu momento propuxemos o recargo do IBI, as vivendas desocupadas en Narón, pero atopámonos con problemas legais pola ausencia dunha definición clara sobre o que é unha vivenda desocupada.

Pero agora despois da publicación no BOE do Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro, que entre outras cousas fai unha reforma da Lei de Facendas Locais regulando o recargo previsto para os inmobles de uso residencial desocupados con carácter permanente, mediante a súa remisión a correspondente normativa sectorial da vivenda, autonómica ou estatal, con rango de lei, ao obxecto de que poida ser aplicado polos concellos mediante a aprobación da correspondente ordenanza fiscal.

Sabemos e recoñecemos que este Decreto chega tarde, cando a maioría dos municipios xa temos aprobado as nosas Ordenanzas Fiscais. Aínda así abre un campo de posibilidades para traballar dende o ámbito municipal para que no haxa casas sen xente, ni xente sen casas.

Entendemos que xa non hai escusas, os Concellos poden a partir de agora adoptar unha serie de importantes medidas."


Documentación:
Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro -Ref. BOE-A-2018-17293 (Norma derogada por Acordo do Congreso dos Deputados publicado por Resolución de 22 de xaneiro de 2019. Ref. BOE-A-2019-799). É interesante entrar na última referencia da derogación para acceder ás modificacións dos artigos das leis que foran modificados e que agora quedan sen efecto (Lei Reguladora das Facendas Locais e a  Lei do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados).

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon