martes, abril 30, 2019

A única saída viábel para as fábricas de Alcoa pasa pola adquisición pública - A CIG continuou este venres na fábrica de Alcoa San Cibrao co calendario de mobilizacións para esixir solucións inmediatas e eficaces ante a grave crise que atravesan as industrias electrointensivas, cunha especial implantación no noso país - Vídeo


A única saída viábel para as fábricas de Alcoa pasa pola adquisición pública. | A non aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo confirma a incapacidade do Goberno para solucionar a crise industrial.

A CIG continuou este venres na fábrica de Alcoa San Cibrao co calendario de mobilizacións para esixir solucións inmediatas e eficaces ante a grave crise que atravesan as industrias electrointensivas, cunha especial implantación no noso país. Unha esixencia que cobra máis forza ante a constatación de que o Goberno español non vai aprobar hoxe, como tiña comprometido, o Estatuto de Consumidor Electrointensivo, complicando aínda máis unha alternativa ao plan de peche de Alcoa para as súas plantas da Coruña e Avilés.

Goberno español no feito de que non vai haber solucións para as industrias electrointensivas. E hoxe, con máis razón, reafirmámonos no que dixemos o pasado 28 de marzo: "que a ministra e o goberno non serán benvidos en Galiza mentres non haxa solucións que garantan o mantemento dos empregos e da actividade produtiva na nosa industria", denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a protesta na fábrica de aluminio de San Cibrao.

Pero Carril tamén apuntou á corresponsabilidade da Xunta de Galiza e de CCOO e UGT neste conflito "porque coas súas actuacións contribuíron a lexitimar as mentiras do Goberno español que nos levan a estar hoxe nunha situación máis crítica para atopar unha saída ao peche de Alcoa". Lembrou que a CIG non asinou o acordo do ERE precisamente porque non existían garantías de rearranque das cubas de electrólise nin da continuidade de todos os empregos a partir do 30 de xuño. "Confírmase que estabamos no certo, por iso de nada vale agora lamentarse e lanzar acusacións de traizón cando esas organizacións sindicais e a propia Xunta de Galiza estiveron seguíndolle o xogo e avalando as xestións do Goberno español nas mesas técnicas creadas en Madrid", aseverou con dureza.

Para o secretario xeral resulta evidente que o Goberno español "non ten interese nin capacidade" para pór en marcha medidas efectivas para afrontar a agónica situación das industrias con grandes consumos enerxéticos. "Este é un novo capítulo da confusión e das mentiras nas que está inmerso o Goberno español dende o inicio do conflito en Alcoa. Pero é tamén un capítulo máis do desastre da xestión sindical dalgunhas organizacións que consentiron en todo este circo, e da irresponsabilidade da Xunta de Galiza, máis preocupada por botar balóns fóra que por encabezar a loita contra a perda de empregos e o tecido produtivo por culpa do prezo da enerxía".

A adquisición pública das plantas é legal e viábel

Ante o escenario xerado, Paulo Carril reiterou a necesidade de continuar a mobilización nas rúas para esixir medidas urxentes mais tamén puxo a atención en que, nestes momentos, a única saída viábel para as fábricas de Alcoa pasa pola súa adquisición pública. "Demandamos do Goberno español unha actuación firme e decidida para a adquisición pública das plantas de Alcoa (que podería facer a través da SEPI), en tanto non haxa un marco enerxético estábel", reivindicou.

Esta posibilidade, subliñou Carril, non só é legal e viábel (tal e como así o acredita o informe encargada pola CIG á Universidade da Coruña), senón que existen precedentes de actuacións similares na UE, como o caso da planta de aluminio de Portovesme, no seu día pechada por Alcoa e plenamente activa tras ser intervida de maneira transitoria polo Estado italiano.

A CIG continuará coas mobilizacións por unha tarifa estábel

A concentración deste venres en Alcoa San Cibrao dá continuidade ás mobilizacións que a CIG realizou o pasado 14 de febreiro diante da Delegación do Goberno na Coruña, o 1 de marzo na fábrica de Ferroatlántica de Cee e o 28 de marzo na factoría de Ferroatlántica en Sabón (Arteixo), para esixir un marco regulador da enerxía estábel, predicíbel, competitivo e que recoñeza o estatus específico da industria con grandes consumos.

Ademais, a central xa ten convocadas novas protestas para os días 23 de maio, ás 18:00 horas diante da fábrica de Celsa Atlantic na Laracha, e para o 6 de xuño, na planta de Alcoa da Coruña.

Neste senso, hai que lembrar que dende o pasado mes de outro, a central sindical ten elaborada unha proposta de tarifa eléctrica que foi remitida até en catro ocasións ao Goberno español, que trasladou á Xunta, aos grupos parlamentares, á patronal do sector, que presentou ao comisario europeo de Enerxía e que mesmo recibiu o apoio dos plenos dos concellos de Arteixo e da Coruña a través dunha moción.

Futuro incerto para a fábrica de San Cibrao

O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG) criticou o incumprimento do Goberno sobre o estatuto de consumidores electrointensivos que supón “outra volta de rosca, porque non se está dando ningún tipo de solución ao problema que ten este tipo de industria a causa do prezo da electricidade”. Ao contrario, alertou, “á fábrica de San Cibrao abócannos cada vez máis a un futuro no que nos vemos reflectidos no que acontece coa fábrica da Coruña e Avilés”.

Neste senso, subliñou que o que se demanda “é unha tarifa competitiva da enerxía, ao mesmo nivel que teñen noutros países da Unión Europea”. Acadar isto é unha cuestión política, insistiu, “pero hai que ter vontade para darlle solución. Hai que pensar nos postos de traballo e no tecido industrial deste país, porque se unha industria como Alcoa pecha e se deslocaliza, aquí non se vai instalar ningunha outra de características semellantes e que nos queda”.

https://youtu.be/yb6O1W2Oato

Publicado en Avantar. | San Cibrao -

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
30 de abril de 2019 14:20

__________

 

 


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon