Hai pouco máis de catro anos que os movementos sociais elaboraban a "Carta por unha soberanía alimentaria desde os nosos municipios". Unha proposta política acertada, posto que en maio de 2015, construíronse novos gobernos que apostaban por certa transformación e ruptura da política municipal. Foi un momento de euforia, de sentir que había unha oportunidade de cambio que ampliaría o autogoberno e a participación dentro e fóra das actuais institucións, que podía e debía apoiar a transición desde un modelo de agricultura capitalista e alimentación globalizada cara á soberanía alimentaria, revalorizando os criterios sociais, ambientais e de proximidade. E catro anos despois, onde estamos? É o momento de facer unha valoración crítica do que se conseguiu para poder avanzar cara a ese municipalismo transformador.
As estruturas e dinámicas locais non son alleas ao modelo neoliberal. A realidade municipal está condicionada por xerarquías, formas de toma de decisións e regulamentos moi consolidados e pensados para impedir que se poidan transformar. Son estruturas que, como explica o artigo introdutorio de David Algarra, favorecen un determinado modelo democrático e, por extensión, un sistema alimentario concreto. Este modelo de democracia representativa obriga a traballar en ciclos de catro anos, un tempo que se queda curto para abordar cambios de fondo. Pode, até, que sexamos algo inconscientes ao facer propostas municipais sen ter demasiado coñecemento deste funcionamento e das entrañas dos concellos. Dedicamos moito tempo a modificar normativas, ordenanzas, pliegos.., pero fixémolo desde un posicionamento algo submiso. Cantos concellos desobedeceron a lei Montoro? Cantos foron capaces de enfrontarse ao poder agroalimentario a través dos seus postos de decisión, por exemplo, nos mercados de abastos coñecidos como mercas? Que respaldo recibiron aqueles gobernos locais que si se atreveron? Neste número, dáse resposta a algunha destas preguntas a partir da análise dos avances nalgunhas cidades do Estado; pero, en calquera caso, parece claro que traballar para a soberanía alimentaria ten que supoñer, tarde ou cedo, desobedecer e impugnar a orde establecida.
Estámonos esquecendo de que as políticas alimentarias non só están para mellorar a alimentación, senón tamén para combater as inxustizas
Aínda somos unha minoría. E témolo que verbalizar. A alimentación, malia ser unha necesidade e un dereito, non aparece na axenda política da gran maioría dos municipios. Basta con revisar o orzamento que se dedicou á construción de sistemas alimentarios. Cantos concellos crearon unha concellaría ou comisión municipal para abordar de forma transversal as políticas alimentarias? Non habemos de conformarnos coas migallas, debemos esixir o pan enteiro.
Sendo todo ben complicado, pensamos que temos que ser máis autoexixentes. A proba témola en que moitos concellos apoderáronse do relato dos movementos sociais sobre a alimentación, pero transformaron pouco ou nada cos seus feitos e de forma sutil han ir baleirando de contido político algunhas apostas transformadoras para convertelas en algo ambiguo. Pasamos de defender a soberanía alimentaria a defender simplemente "sistemas alimentarios sostíbeis".
Analizar estas novas políticas obriga a saír das zonas de confort para evitar construír follas de ruta desde posicións privilexiadas. Non é o mesmo falar de políticas alimentarias desde a comodidade urbana que facelo desde a realidade labrega ou de quen traballa como temporeira. De que xeito se visibilizaron estas realidades nas políticas alimentarias que se desenvolveron? As axendas e proxectos que se poñen en marcha seguen tendo unha visión excesivamente urbanocéntrica onde a única prioridade é alimentar ás cidades agora con produtos ecolóxicos, pero a prioridade non sería unha alimentación urbana que favorecese ao territorio rural? Estannos marcando a axenda as modas que só teñen en conta ao individuo (eco, friendly, deseño...)? Estámonos esquecendo de que as políticas alimentarias non só están para mellorar a alimentación, senón tamén para combater as inxustizas? As respostas afirmativas supoñen beneficiar ás clases acomodadas e cronificar a precariedade da xente campesiña, das traballadoras de matadoiros, das repoñedoras das grandes superficies, as coidadoras, etc. Por todo iso, desde a nosa revista pareceunos fundamental abordar as políticas alimentarias dos pobos, a través dalgunhas experiencias e do conversatorio con tres alcaldes.
Non son críticas sen máis; pensemos que mentres falamos de democracia participativa, de procesos de cambio, de empoderamento, hai quen seguen facendo o seu traballo sen contemplacións. Os lobbies agroalimentarios non se senten ameazados polos gobernos, non necesitan de consellos alimentarios municipais, xa teñen os seus espazos de poder e decisión que, por certo, non pasaron polos plenos municipais.
Todo isto obríganos a preguntarnos desde onde se pode facer máis pola soberanía alimentaria, desde os movementos sociais ou desde os concellos? Está claro que os dous espazos son fundamentais, pero tamén é certo que, nalgúns territorios, os movementos pola soberanía alimentaria perderon capacidade de incidencia posto que a aposta municipalista acaparou o seu tempo e os seus recursos. Reactivar a súa capacidade de mobilización, de interpelar á sociedade, de visibilizar e motivar a multiplicación de proxectos que abran camiño e de transformar desde abaixo tamén é traballar por un municipalismo transformador.
info@soberaniaalimentaria.info
Editorial da Revista: Soberanía Alimentaria, Biodiversidade e Culturas, nº 34, sobre "Políticas alimentarias municipais: resultados e reflexións". | Ir á Web.
Imaxe: Mural realizado por Xoana Almar no 10º Festival do Desordes Creativas, en Ordes. Foto: Cestola na Cachola.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
31 de março de 2019 23:42
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon