O BNG de Ferrol repartiu este domingo, no barrio de Canido, castiñeiros nun acto simbólico para concienciar sobre o desenvolvemento sostible
O BNG de Ferrol desenvolveu hoxe unha iniciativa no barrio de Canido na que agasallou cun castiñeiro aos veciños e veciñas da cidade, un acto simbólico para amosarlle aos cidadáns que o futuro da cidade de Ferrol pasa por un desenvolvemento sustentable, non só económico, senón tamén medioambiental.
Para o BNG é preciso introducir no debate, con carácter prioritario para o futuro da cidade, o seu desenvolvemento sustentable. “O resto de organizacións políticas terán que, cando menos, expresar a súa opinión ao respecto. O que non pode ser é que pase a campaña electoral sen ningún debate sobre cuestións como a ría, os montes, o saneamento ou o transporte”, afirmou o candidato á alcaldía, Iván Rivas.
Con esta premisa, o BNG está a propoñer aos veciños e veciñas de Ferrol dez pequenas iniciativas que sentarán a base dun gran cambio, e que axudarán a resolver o principal problema que ten a cidade, que non é outro que o emprego.
É básico e fundamental que o ciclo integral da auga se xestione de maneira directa, que se separen as fecais das pluviais e que poidamos ter a capacidade de reutilizar ese auga para un uso público.
Do mesmo xeito, o transporte público é unha prioridade. Xestionalo de maneira directa, reducindo a contaminación e establecendo nexos de conexión entre os diferentes barrios da cidade.
Ademais, o subministro eléctrico, a enerxía, ten que prestarse de maneira directa por parte do Concello, impoñendo taxas ás distribuidoras e comercializadoras de gas e de electricidade, o que permitirá bonificar e subvencionar aos veciños e veciñas de Ferrol para que conten con este servizo básico nas súas casas ao longo do ano.
Cómpre prensar ademais que a cidade ten que recuperar primeiro o patrimonio que ten construído, co 20% das súas vivendas valeiras, antes que seguir a desenvolver proxectos urbanísticos basicamente especulativos, coma o do Sánchez Aguilera.
Outra das premisas sobre a cal teremos que asentar o futuro é ter en conta que a peonalización xa é un camiño inexorable, un camiño que FeC non se atreveu a percorrer e que ademais se debe acometer de maneira íntegra e completa. As peonalizacións progresivas só supoñen unha reordenación do tráfico, con máis colapso e máis caos circulatorio.
Todo isto deberíase desenvolver tendo en conta que os espazos abandonados na zona rural deben ser aproveitados para uns cultivos ecolóxicos que permitan subministrar aos veciños e veciñas de Ferrol duns produtos alimentarios de calidade. E os espazos urbanos que no momento actual están abandonados, poidan ser recuperados con pequenas intervencións urbanísticas que convertan eses lugares agora inhóspitos en lugares de encontro, de relación e de desenvolvemento social para esta cidade.
Ferrol, 5 de maio de 2019.
BNG - Ferrol
Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
5 de maio de 2019 17:49
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon