domingo, xuño 02, 2019

A Delegación comarcal de Adega informa do 'Mapa da II Deseucaliptización Simultanea para o vindeiro sábado 8 de xuño', a zona será no Monte Calexon (Valón, Doniño, Ferrol) - Uns 15 montes galegos serán liberados de eucaliptos e acacias perante este evento na defensa do medio ambiente


A Delegación comarcal de Adega informa do 'Mapa da II Deseucaliptización Simultanea o vindeiro sábado 8 de xuño', na zona será no Monte Calexón (Valón, Doniños,Ferrol) e nas Fragas do Eume (Monfero).


Na II Edición da Deseucaliptización Simultánea de Galicia, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, realizaranse 15 accións de eliminación de especies forestas exóticas invasoras, nomeadamente, de eucaliptos, acacias e mimosas. Estas actuacións estarán organizadas, á súa vez, por 25 entidades, entre o 1 e o 15 de xuño, para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente. Desde Cousa de Raíces animamos a sociedade galega  a participar activamente nestas xornadas de eliminación de invasoras co fin de contribuír ao cambio cara un monte sustentable e demostrar que outra xestión forestal é posible!

Unhas 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñais e comunidades de montes responderon á segunda convocatoria de Cousa de Raíces para realizar unha eliminación simultánea de especies exóticas invasoras, desta volta, con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente. O obxectivo desta II Deseucaliptización Simultánea é resaltar os efectos negativos das especies exóticas invasoras nos montes galegos, nomeadamente os eucaliptos e as acacias ou mimosas, e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade, se diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio. Cabe lembrar que as especies exóticas invasoras erosionan o solo, desprazan as especies propias, favorecen os lumes forestais, afectan os recursos fluviais ou alteran a paisaxe, entre outras consecuencias ambientais, alén de xerar elevados custos económicos para a comunidade de propietarios/as.

O ciclo de actuacións comezará mañá sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 saídas deseucaliptizadoras e/ou desacacializadoras repartidas nas catro provincias galegas. Pontevedra volve ser a provincia con maior número de accións, 7 en total, 2 delas en Vigo,  e as outras en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Na provincia da Coruña convócanse 5 accións de eliminación en montes dos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. Ourense acolle dúas actuacións nos montes de Cenlle e Melón e, en Lugo, acudirase a Ramil (Palas de Rei).

Grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron tras os lumes de outubro de 2017, así como traballos que darán continuidade aos xa iniciados na primeira edición de eliminación simultánea convocada por Cousa de Raíces hai dous meses. Tamén se abordarán traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso da que se vai desenvolver no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

A xornada máis prolífica desta convocatoria será o sábado, 8 de xuño, con 9 accións de eliminación, aínda que tamén se suman á celebración mundial do Medio Ambiente a través dunha deseucaliptización simultánea outras 5 iniciativas, repartidas entre os días  1, 5, 7, 9 e 15 de xuño.

As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces: ADEGA, Couto da Eirexiña, As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra),  Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).

Cousa de Raíces ofrecerá proximamente os resultados da II Deseucalptización Simultánea que na primeira edición acadou a eliminación de máis de 200.000 pés de eucaliptos e acacias.

PARTICIPA NA DESEUCALIPTIZACIÓN SIMULTÁNEA DE COUSA DE RAÍCES

Pódeste inscribir previamente en calquera destas accións de deseucaliptización e eliminación de especies exóticas invasoras, contactando coas entidades promotoras de cada unha delas a través dos teléfonos e dos emails que se sinalan no mapa de actuacións e na seguinte Táboa deseucaliptizacion simultanea 2019 (II).

Cartaz II Deseucaliptización Simultánea

Anímate a deseucaliptizar o país!!!

Fonte: Cousa de raices

ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza)
Delegación de Ferrolterra
adegatrasancos@adega.gal
Apartado de Correos 481, C.P.: 15480 - Ferrol
ASÓCIATE!!!
www.adega.gal

Enviado por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
1 de junho de 2019 04:14

______________

Enlace relacionado en Ártabra 21:

Xornada voluntariado deseucaliptización, convocada pola Asociación Custodia Bosque Atlántico Betula, o 1 de xuño na parcela de Betula nas Fragas do Eume - Hai que anotar-se con antelació. | Ir á Web.
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon