Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.09.2019
VIOLENCIA MACHISTA
Entrementres eu lía a Antoloxía do conto galego de medo de Silvia Gaspar e nel debullava o Espanto de nenos , ese desacougante conto de Rafael Dieste onde os nenos, a xeito de conciencia da morte, ven nun buraco do teito un ollo alerte e só que os fita mentres xogan, entrementres, en Cordeiro, no concello de Valga dous pequechos de catro e sete anos presenciavan o asasinato da nai, a tía e a avoa a mans de seu proprio pai. Arreguiza o corpo ser humanos e capaces dunha crueldade tamaña como a de ningún outro animal. Porque o estarrecedor non é o gore nen o terror producido por un monstro ou un descoñecido senón mesmamente o terror impensavel, ese que convive ou conviviu na sombra connosco.
Haverá algo máis terribel que a agresividade da realidade hostil na propia familia?.Haverá algo máis estarrecedor que a violencia dentro da propria casa? A primeira hora da mañá e cando se dispuñan a ir cara a escola, o pai, separado, chega e mata a súa muller, a súa cuñada e a súa sogra a tiros. Parece que a súa exmuller non fixera denuncia algunha. Ao pouco e movidas pola alerta feminista, anúncianse concentracións como denuncia e rexeitamento do triplo asasinato machista en moitas cidades e vilas galegas.
Ao pouco xa xurden twitters políticos recriminando o crime e todos son a solidarizarse coa familia das vítimas, incluso aqueles responsabeis das políticas máis patriarcais. Uns claman por recursos e medios, outros falan de machismo criminal como dando a entender que o machismo non lles ocupa nen preocupa até atopar vítimas e aqueloutros aínda falan de aberración. Desafortunada palavra por canto unha aberración é un erro, desvarío ou perturbación. E certamente o asasinato é todo iso pero tamén, no caso de asasinato a mulleres ou aos fillos, hai algo máis a analisar e sobre todo tomar medidas políticas radicais que non se resolven só con máis medios e recursos como reclaman as políticas máis feministas da oposición.
A violencia machista é o normal na sociedade patriarcal como esta na que vivimos. Os machistas manifestan conductas aprendidas baseadas en conceptos e valores que foron e aínda son norma. Por que non desarmamos os banzos desta escalada de violencia machista? Os banzos dos videoxogos sexistas, das telenovelas, series e publicidade degradante para a muller, a pornografíamachista, os livros de texto patriarcais, o sexismo no traballo...todos os banzos desa longa escada que remata no crime que algúns aínda chaman paixonal.
Perante os crimes contra as mulleres non podemos limitarnos a nos concentrar berrando ou en silenzo. Temos que entrar a saco (expresión bélica por demais) a combater todas as violencias cotiás nas que caladamente participamos. Todos os días, na realidade real e na virtual asistimos á degradación da muller en distintos graos e xeitos. Dos macro aos micromachismos. Leo por aí que o 80% dos casos de violencia de xénero ocorren após a separación da parella. Parece que isto nos obriga, cando menos, a revisar esa sacrosanta institución chamada matrimonio. Volve a repuntar na mocidade a cultura do dominio antes de se ter eliminado nas anteriores xeracións criadas nos anos da presunta liberación sexual. As mozas seguen a ser máis sumisas que os mozos, e estes adoitan seguir confundindo a homía cun abano de comportamentos agresivo-chulescos. Moitas mulleres seguen a pensar que ter parella é o estado ideal e o matrimonio a aceptación da renuncia a si mesmas.
Ao tempo, anuncios de voda machistas, aceptados con normalidade e incluso chacota polas mulleres do estilo Ana tiñas unha avería e Javi desatascou a cañería, campan por todos os valados e postes do país. E, como ben aponta o antropólogo e historiador Felipe Senén, son un exemplo da degradación cultural na que vivimos.
Un estudoso destes temas da violencia dime que pode que o aumento dos casos de machismo, alén do focado da prensa para os visibilizar, poden ser causados, paradoxalmente, pola maior igualdade das mulleres así como a conquista de dereitos que, como o divoricio, ate hai pouco non tiñamos. Para un home machista e violento que unha muller poida deixar de ser súa, -pois por unha propriedade a ten- pode ser o detonante de resolver a súa frustración, a súa falla de éxito, co asasinato.
Moitos estaredes preguntándovos por que falo do criminal e non da víctima. Pois porque desde o ponto de vista educativo agresor e víctima forman nos comezos un tándem indisoluvel. E non estou a falar da moral nen das responsabilidades penais. Estou a falar de que temos que mudar a escala de valores desta sociedade que entroniza o abuso en aras do éxito. Esta sociedade onde se educa na cultura do dominio, onde se abusa do poder e onde a lei de tripar ao que se ten por feble campa por todos os recunchos.Choremos a estas tres mulleres e solidarizémonos cos familiares, mais é tempo de ir alén. Reclamemos unha educación sexual e emocional seria nas escolas, non somentes unhas nocións de bioloxía e anticoncepción. Organicemos actividades nos barrios sobre sexualidade e poder, cuestionando a cultura da dominación. Elimimemos os colexios segregados e a educación diferenciada. Cuestionemos os conceptos de pecado e culpa que a cultura xudeocristiana nos inoculou en vea. Non eduquemos ás nenas para ser sempre doces, sensibeis e serviciais e aos nenos para ser sempre rexos, rudos e dominantes.
E sobre todo, esixamos da prensa un código ético non-machista e non-sensacionalista.
Leo "El autor confeso del crimen de Valga tenía antecedentes...habría cometido pequeñas sustracciones de gasoil y chatarra. Regentó varios negocios fallidos..." ou estoutra: "... un asesino con antecedentes por robo de gasoil". Queren dicirnos os xornalistas, con esta vergoñenta trivialidade de recheo do xornal, que os ladróns de luva branca, que en vez de gasoil e chatarra sustraen diñeiro de aforradores das preferentes, non serían quen de asasinatos machistas?.
Como dicía Mark Twain, case tan terribel é o suceso como os titulares do día despois.
[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
16 de setembro de 2019 22:26
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon