mércores, marzo 25, 2020

O Concello pide á Xunta que axilice o cobro da Risga e active as solicitudes que se atopan suspendidas - Nunha situación excepcional son necesarias medidas excepcionais


A concelleira Eva Martínez vén de enviar un escrito ao goberno autonómico no que alerta de que as consecuencias da crise do Covid-19 están sendo “terribles” tamén a nivel social. | O Concello pide á Xunta que axilice o cobro da Risga e active as solicitudes que se atopan suspendidas.

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, vén de solicitar á consellería de Política Social da Xunta, tanto á conselleira como ao director xeral de inclusión social, a resolución urxente da Risga (Renda de Integración Social de Galicia) e a renovación durante ao menos seis meses de aqueles expedientes que foron suspendidos.

No escrito enviado ao goberno autonómico, a edil explica que o motivo da solicitude é que desde que estallou a crise do Covid-19 a concellería de Benestar Social do Concello está recibindo novas necesidades dos cidadáns. A concelleira argumenta que ás familias que vivían nunha situación de vulnerabilidade e de exclusión social xa rexistradas como usuarias dos servizos sociais municipais engádense agora novos casos de persoas e mesmo familias enteiras que, debido ao parón provocado pola declaración de estado de alarma o pasado 14 de marzo, engrosan dun xeito notable o número de usuarios dos servizos sociais dos concellos. Máis aínda nunha cidade como Ferrol, “na que as situacións de vulnerabilidade tanto polo elevado número de desempregados como polo notable envellecemento da súa poboación son abundantes”. A crise sanitaria, insistiu, “está tendo unhas consecuencias terribles non só no eido da saúde, senón tamén no social”.

Eva Martínez explicou que o seu departamento está a verse “desbordado” polo incremento de peticións de novas familias e solicita á Xunta que considere facer este esforzo para paliar as novas necesidades que se están a xerar durante, ao menos, seis meses porque “unha vez conclúa o estado de alarma será necesario un período para que as persoas podan volver a súa actividade”. Deste xeito, e coa axuda tamén dos servizos sociais do Concello, “poderemos atender e chegar a máis familias e, sobre todo, poderemos garantir o futuro e a inserción sociolaboral de moitas persoas unha vez que volvamos á normalidade”.

Medias excepcionais

A concelleira puntualizou que “nunha situación excepcional son necesarias medidas excepcionais”, e destacou o importante esforzo que están a realizar tanto os servicios sociais do Concello como da Xunta. “As administracións estamos a traballar conxuntamente”, dixo, co obxectivo de acompañar ás familias máis necesitadas en circunstancias tan complicadas coma as destes días.

Fonte: Web Oficial do Concello de Ferrol. | 23 de marzo de 2020
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon