Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
01.03.2020
ROTUNDAS ROTONDAS, AS POLÍTICAS DO PP
Rotundas rotondas atustulladas de trafego e presas con doadas entradas e carosas saídas. Galiza é a nazón das rotondas nun territorio esnaquizado polas autoestradas estranxeiras (o 90% do territorio) e os monocultivos industriais e celulósicos. Rotondas rotundas onde os galegos rotamos, in saecula saeculorum, con a penas saídas: a peaxe proibitiva da autoestrada da emigración, a vía de alta capacidade dos suicidios eletrointensivos e unha terceira saída a unha estrada local que só nos leva a un parque eólico da familia do que foi embaixador de España na Santa Sede.(Será iso o que algúns chaman desenvolvemento sostibel?) Os camiños de ferro e do mar foron esquecidos a prol do imperio da industria automobilística, tambén en mans alleas.
Cantas rotondas e glorietas existen na Galiza? Na terra das encrucilladas onde os antergos colocavan aos doentes por se alguén sabía do seu mal. Quizais o noso mal sexa a ataraxia, a incapacidade para sentir frustración. Acaso levemos na fronte unha cadea no canto dunha estrela. Este conformismo desazado, esta ausencia de inquedanza perante a inxustiza... esta inmobilidade ancestral que nos paraliza na creación de alternativas.
Tempos de entroido, entrudo, antroido. Tempos de entradas e comezos. Tempos de Carnaval, osmando xa a Cuaresma. Tempo de brincadeiras e festexos, de mascaradas e novelos.Comparsas con nenos vestidos con traxes tradicionais, de mariñeiros e peixeiras, de labregos falando castelán. Meniños difarzados de cuco-rei cando nunca van atopar un a quen lles perguntar cuco-rei, cuco-rei, cantos anos vivirei. Carnaval, carnevale, carnelevare. Tempo de retirar a carne agás para os tonsurados. Moreas de fieis nunca a cataron a non ser ese sucedáneo macdonalizado.
O espírito rosaliano da clerecía plurilingüe, esa herdeira de quen a perseguiu en vida, dase á orxía de tirarlle partido ao cabodano do seu nacemento. Entrementres seus secuaces reciben fondos públicos para esmagar a lingua de noso. Renascen os Xogos Florais da ditatura ao abeiro do pin parental e a confusión intencionada da institución da familia coa educación en comunidade. Cando enxergaremos que educa a comunidade e que o fillo non é propiedade de ninguén?.
Rotunda construción circular que remata en cúpula arredondeada onde os tonsurados axúntanse en sínodo para preparar o domingo de Ramos, o primeiro día da Santa Semana en que os cristiáns comemoran a paixón, morte e resurección do seu deus. A liturxia do 5A. Casado e Rajoy a benzoar a palma de Feijóo. A pola cuarta maioría absoluta. Rotunda praza onde o tránsito se procesa en sentido xiratorio e, se cadra, non há que ser tan rotundo ou categórico por se há que sair pola rúa dos Ciudadanos ou de Vox.
Rotunda redonda que en Tras-os-Montes é a augardente fraca. Non é casual que o sínodo se reúna nas veciñas terras ourensáns, feudo dos Baltar, ese Balboa da Idade Media, señores de forca e coitelo que tan ben pintara Curros nos seus versos. Rotundo sínodo no sentido figurado de completo, fechado en si mesmo sobre o que Galiza xira desde os tempos de Don García, o derradeiro rei galego cando as rotondas eran corredoiras e carreiros e non era preciso engalanar e homoxeneizar as glorietas con plantas ornamentais e topónimos. Polos traxes sabiase ben en que terra entrabas como recolle tan ao detalle aquel poema de Rosalía.
As masas arbóreas de Oliveira localízanse na conca do Sil, non lonxe de Os Peares. O domingo de Ramos será o burro e a palma no misal do templo, a partilla de esmolas, o comercio da palma branca a pendurar logo dos balcóns. Logo virán os capirotes, as candeas, cadeas, tralla e toda a parafernalia do comercio do Alén. Está por ver se, pas de la burreta, que din os ilicitanos, a dereita comezará a procesión da Entrada Triunfal de Feijóo en Xerusalén e @s galeg@s percorremos de novo as rúa coa confraría de Dores ou seremos benzoados na praza das Angustias.
Campaña rotatoria dos lumes dos montes mentres a Xunta promete humanizar os centros de saúde con madeiras autóctonas ao tempo que fechan paritorios nas terras dos cigarróns. Reducen servizos e persoal sanitario e montan un circo de pantallas disuasorias con revesgados xeroulifos persas os centros de saúde e hospitais. Que quererá decir para Feijóo autóctona?
Feijóo promete en precampaña homoxeneizar as rotondas, facer dos trafikcirklos un moderno carrefour giratoire con itinerarios personalizados de inserción servil. Un parque de atracións para turistas deturpadores de touroperadores amigos. Un circo rotario para apagar os lumes. Se resucita por cuarta vez, se consegue a maioría absoluta, o home dos Peares promete erguer esculturas homologadas de come chove miudiño por todas as rotondas do país. Popular política forestal e de transición ecolóxica contra o cambio climático. Malia que algún alcalde se lle adiantara.
[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de fevereiro de 2020 19:14
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon