mércores, abril 22, 2020

As mobilizacións do 17 de maio mantéñense dende as casas - Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión


As mobilizacións do 17 de maio mantéñense dende as casas

Queremos Galego anima a sociedade a celebrar o Día das letras desde as casas, reivindicando a nosa lingua en xanelas e varandas e nas redes sociais baixo o lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión.

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, anima a sociedade galega a manter as mobilizacións do 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen a nosa lingua co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrecerá desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos. “A lingua galega non ficará confinada este 17 de maio”, asegura Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, que chama tamén ás persoas usuarias das redes sociais a partillar ao longo de todo o día vídeos e fotografías de anteriores convocatorias baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio.

A palataforma cidadá pretende, desta maneira, manter o 17 de maio a reivindicación de avances reais para o galego, aproveitando a data para recordar a obriga que teñen todos os poderes públicos de cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da ONU para as minorías nacionais. Queremos Galego recorda que ambos os dous organismos internacionais advertiron expesamente da necesidade de garantir que a cidadanía galega poida empregar a súa lingua en ámbitos como a xustiza, a administración pública e o ensino. O Comité de Ministros do Consello de Europa instou a “eliminar todos os obstáculos para o ensino en galego en Galiza”, o que implica a derrogación “inmediata do decreto de plurlingüísmo”.

O mesmo Consello de Europa indicou recentemente a obriga dos poderes públicos de daren información sobre a COVD19 nas linguas propias. A este respecto, Queremos Galego sinala que non podemos permitir que o máximo desprezo á nosa lingua nestes tempos veña do presidente da Xunta, utilizando como lingua principal o castelán nas súas comparecencias públicas. Con esta actitude, o presidente da Xunta mostra desprezo polo seu cargo, polas súas obrigas respecto á lingua e ás galegas e galegos. “Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia”, aseguran, “non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”. Un desprezo pola lingua de Galiza que chega mesmo á exclusión do galego na atención do teléfono do Coronavirus.

Queremos Galego lembrará, tamén, o 17 de maio a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenexado no Día das letras galegas de 2020, cunha traxectoria ligada á defensa da lingua galega en todos os seus aspectos, a través dun manifesto que difundirá a través das redes sociais e que será elaborado pola discípula de Carvalho Calero, a profesora da Universdade da Coruña e activista pola lingua María do Pilar García Negro.

https://www.queremosgalego.gal/

Queremos Galego
Avenida de Lugo 2A,
entresollado A
Santiago de Compostela
981 56 38 85
queremosgalego@gmail.com

Twitter | Facebook


Enviado por:
Queremos Galego
-plataforma@queremosgalego.gal-
21 de abril de 2020 18:45

_______




Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon