sábado, xuño 06, 2020

En Ferrol, como nas sete cidades da Galiza, a CIG convoca marchas que sairán desde diferentes puntos, para confluir na Praza de Armas, onde se realizará unha Asemblea, o martes 9 de xuño, ás 11 da mañá


A CIG convoca marchas e asembleas de delegados/as en todas as comarcas para o martes 9 de xuño. | As columnas sairán de varios puntos e confluíran nunha praza de cada cidade ás 11h


A CIG ten convocadas marchas de delegadas e delegados en todas as comarcas para o próximo martes, 9 de xuño, para esixir dos Gobernos español e galegos políticas que permitan unha saída xusta e galega á crise económica, laboral, industrial e social que atravesamos. As marchas realizaranse dende distintos puntos de cada unha das sete cidades e confluirán nunha praza onde se celebrará unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aprobadas dende o inicio da pandemia e as alternativas da central sindical.

Con estas accións, explica o secretario xeral da CIG, "continuamos o proceso recuperación da mobilización social, chamando á reactivar a acción nas rúas, mais sempre atendendo ás medidas de seguridade que corresponde á situación sanitaria". Lembra Carril que, malia as limitacións propias do estado de alarma e o confinamento da poboación, a central foi dando resposta ás insuficientes e inxustas medidas aprobadas polo Goberno español, ao deixamento de funcións practicado pola Xunta de Feixoo e aos abusos patronais, demandado protección para a clase traballadora, garantías dos ingresos e do emprego e medidas de seguridade nos centros de traballo.

Accións como a cazolada dende as fiestras do 10 de abril contra o decreto 8/2020, a demora no cobro do paro ou demandado control sobre as medidas de seguridade; as protestas diante de edificios da administración estatal do 23 de abril; as concentracións do 28 de abril coincidindo co Día Internacional da Seguridade e Saúde Laboral; as accións do 20 de maio, diante de edificios da Xunta, para denunciar as nefastas políticas económicas, industriais e laborais do Goberno de Feixoo; ou as do 27 de maio, coincidindo coa aprobación no Congreso do decreto que prorroga os ERTE, convertido nunha sorte de nova reforma laboral.

Asembleas en céntricas prazas

As marchas do próximo martes (9 de xuño)partirán dende distintos puntos de cada unha das sete cidades e cada unha das columnas estará integrada por arredor dunha trintena de delegados e delegadas que, por volta das 11:00 horas, confluíran na Praza de Pontevedra na Coruña; Praza de Armas en Ferrol; Praza da Quintana en Compostela; Praza de Santa María en Lugo; Praza Maior en Ourense; na Alameda en Pontevedra; e diante do Marco (Rúa do Príncipe) en Vigo.

Os recursos públicos, en favor dos intereses das maiorías sociais

Un dos obxectivos destas accións é visibilizar a necesidade de retomar a mobilización para forzar o necesario cambio de políticas que permita que a saída a esta crise non recaia novamente sobre a clase traballadora. Fronte ás inxustas medidas de corte neoliberal e recentralizador aprobadas nestes meses, a CIG reclama a derrogación inmediata da reforma laboral de 2010 e 2012, da reforma das pensións de 2011 e 2013 e da negociación colectiva; e políticas públicas que concentren todos os recursos existentes en favor dos intereses das maiorías sociais.

De igual xeito, unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que defenda o tecido industrial e promova proxectos que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí; o dereito a termos unha verdadeira transición enerxética; así como reforzar os servizos públicos, construíndo un verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas, desterrando as privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais.

Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de junho de 2020 19:00

---


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon