Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. | A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas.
Desde a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis.
A crise sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.
Durante esta crise sanitaria evidenciouse a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, abusos patronais e importante niveis de explotación laboral existentes.
Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás per-soas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración pública galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.
Ademais, estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada) e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, nomeadamente no caso das mulleres.
Servizos que debe prestar esta rede única pública
Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
- Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
- Centros de día
- Centros de atención á diversidade
- Servizos de axuda no fogar
- Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado...
- Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.
- Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
- Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
- Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
- Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
- Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.
A CIG defende a xestión directa polas administracións públicas de todos os servizos públicos. Sen entrarmos a avaliar neste momento a forma de xestión máis acaída entre as previstas na lexislación vixente, é ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza.
No que ten a ver coa reversión de servizos públicos privatizados, está clara a defensa que a CIG mantén en todo o relativo á sucesión de empresa e a subrogación dos traballadores e traballadoras, tendo en conta a lexislación e abundante xurisprudencia existente nesta materia, tanto no respecto ás condicións laborais e contractuais como a ineludíbel e preceptiva creación pola administración pública dos postos e prazas necesarios e que deberá regularse mediante convocatorias públicas e os procedementos establecidos legalmente, buscando as fórmulas que dean solución de futuro ao persoal subrogado, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos que afogan a prestación directa con persoal empregado público.
Neste sentido mantense plenamente vixente a Guía Sindical sobre remunicipalización de servizos públicos aprobada polo Secretariado Confederal o 29 de xuño de 2015. En todo caso, debemos deixar claro que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.
Proposta da CIG - Folleto en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Fonte: Avantar. | Baixo Licenza CreativeCommons.
Novas relacionadas
04 Xun 2020. | Xubilados/as e pensionistas da CIG esixen un sistema público galego de servizos de atención e unhas pensións dignas .
05 Abr 2020 | O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG demanda que non se volva facer negocio coa atención a maiores e dependentes.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
8 de junho de 2020 23:30
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon