venres, xullo 10, 2020

Outra convocatoria eleitoral, pero esta, máis que ningunha, unha oportunidade para o cambio, ... Por Ramón Fernández Alfonzo (Mon)


Por Mon Fernández Alfonzo [*]
10.07.2020

Outra convocatoria eleitoral, pero esta, máis que ningunha, unha oportunidade para o cambio.

Porque hoxe somos moitos e moitas os que vimos con claridade que a crise obríganos a pasar páxina, e a repensar moitas das nosas prioridades como sociedade, poñendo o povo e a dignidade do ser humano por diante.

Feixoo e o Partido Popular, veñen de renovar os seus votos no altar dos poderes económicos coa constitución dun comité de espertos para saír da crise, onde destacan representantes de INDITEX, de REGANOSA, e do Banco Europeu de Desenvolvimento; outra maneira de ocultar as siglas do seu partido, e facerse pasar por un mero un xestor, alleo a cuestións ideolóxicas, e presentarse como a única garantía de estabilidade de cara ao futuro.

Mais o certo é que foi precisamente a acción combinada das súas políticas desde a Xunta e desde Madrid as que provocaron esta situación de crise permanente na que vivimos desde hai anos e que agora abrollou con forza.

O Partido Popular foi o campión das privatizacións do sector público. Antes que a sanidade e as residencias, foron xigantes industriais como Endesa, ou Inespal (hoxe Alcoa), con consecuencias para as nosas comarcas tremendamente duras, e sempre coa mesma xustificación: fomentar a competencia mellorará o servizo, e baixará prezos.

Non pode haber ninguén a día de hoxe que faga unha valoración positiva destas operacións. Desde logo non melloraron o servizo, non baixaron os prezos, non foron máis competitivas, non foron garantía de emprego (á vista está), nin serviron para crear unha industria complementaria nas comarcas onde se asentaban. No momento de anunciar o seu peche deixan, exactamente, nada.

O Partido Popular planificou e executou a venda das Caixas Galegas a un grupo venezolano por valor de 1.000 millóns de euros. A xustificación foi que eran practicamente insolventes. Ao ano seguinte a nova entidade, xa co nome comercial de ABANCA, gañou antes de impostos 600 millóns de euros, que despois sumaron 500 millóns máis en créditos fiscais. 1.100 millóns total. Desde aquela non hai ano que non repartan da orde de 500 millóns en beneficios. A cambio melloraron os servizos? o crédito é máis barato? os seus traballadores e traballadoras teñen mellores condicións? Todo o contrario, nunca peor estivo o seu persoal, e nunca tantas comisións pagaron os clientes.

O Partido Popular nega sistematicamente a posibilidade de constituír unha facenda galega co argumento de que sería un sistema insolidario. Pero nos territorios forais de Álava e Navarra, onde historicamente gobernou moitos anos, sempre defendeu as facendas vascas. Porque en Euskadi teñen claro, Partido Popular incluído, que esas facendas propias son a chave de bóveda de todo o seu sistema de protección social, por certo, moi por riba do noso en medios e coberturas.

O Partido Popular nega, tamén sistematicamente, calquer posibilidade de intervir no sector eléctrico galego, vetando a recuperación das concesións hidroeléctricas, e vetando, tamén, a posibilidade dunha tarifa eléctrica galega, porque segundo eles sería unha tarifa separatista que ninguén entendería en España. A cambio temos a enerxía máis cara, e miles de postos de traballo en perigo.

En consecuencia, a nada que sometamos a exame o proxecto político do Partido Popular veremos que ese perfil baixo de Feixoo, ese perfil de xestor, é na verdade, a capa que oculta un historial de medidas tremendamente gravosas para o noso país, e para todos e todas nós, e que nos leva camiño de consolidar unha inestabilidade e unha fraxilidade social, xa de carácter permanente.

Así que hoxe por hoxe, resulta ser a  proposta de cambio do BNG, a mellor garantía de podermos transitar polo futuro con certa seguridade.

Temos que dicir que as nosas propostas non son novas. E isto ten a súa importancia. Primeiro porque durante estes anos de inestabilidade e crise permanente provocadas polo Partido Popular, tivemos ocasión de comprobar cos colectivos máis afectados, como botaban en falta precisamente aquelas medidas, aquelas competencias, que nós defendiamos como fundamentais para un goberno poder incidir na vida económica do país. Polo tanto sabemos que as propostas contan con amplo respaldo social.

E segundo. O feito de non seren novas, danos, credibilidade social. Non son ocorrencias. Ninguén pode reprocharnos que digamos unha cosa pola mañá e outra pola tarde. Non hai improvisación. E isto é fundamental cando estamos a falar de liderar un goberno.

Unha banca pública galega, unha empresa pública de enerxía, unha facenda propia, a transferencia de infraestruturas de transporte como as autoestradas ou o tren, son ferramentas necesarias para calquer proxecto político con vocación de futuro, para controlar nós os nosos recursos, a comezar polos máis importantes, por aqueles que fan que todo se mova, que todo funcione: a facenda, a banca, a enerxía... para que dunha vez por todas os nosos aforros, a nosa enerxía, ou os nosos impostos contribúan á creación de riqueza no noso país.

Porque temos moito por facer. Precisamos dunha outra política industrial, a comezar polo sector naval, recuperando a construción civil, e apostando pola investigación e a innovación, impulsando un Complexo Integral e un Centro Tecnolóxico; unha outra política pesqueira, a comezar pola declaración de territorio altamente dependente da pesca, e pola recuperación das rías; outra xestión do noso patrimonio cultural e natural.

E sobre todo, a defensa radical dun sistema de saúde e de coidados, público, universal, e de calidade. En definitiva, facer que a democracia chegue á economía, á economía das persoas, para que sexa real, para que sexa auténtica.

Unha alternativa coma esta debe ser construída a partir de bases materiais firmes, é dicir, a partir dun proxecto de país.

Mais o que fixemos co noso autogoberno durante estes últimos 40 anos, comparado co fixeron en Euskadi e Catalunya, produce vergoña allea. Porque as enormes diferenzas  en canto a niveis de ben estar social, e de dinamización económica, teñen unha única razón de ser: o feito de eles teren un autogoberno volcado nun proxecto de país. Un proxecto de desenvolvimento social e nacional, autocentrado nas súas realidades, nas súas capacidades, e nas súas necesidades.

E non é porque nós non lle queiramos ao noso país, ou lle queiramos menos que vascos e cataláns; non é que os galegos e galegas carezamos de sentimentos nacionais. Dicía Castelao que ese sentimento que temos tan arraigado de pertenza á Terra, esa morriña tan difícil de explicar, non era outra cousa que unha forma nebulosa e sentimental de patriotismo, de amor á patria.

Para transformar estes sentimentos en progreso social e económico, temos que darlles categoría política, recoñecernos e definirnos como nación, como o que somos, e querernos nación soberana, para decidir nós, para dispoñer do noso, dos nosos recursos, e poñer o país a producir. Para impulsar entre todos e todas un proxecto de país a favor das maiorías sociais.

E quero finalizar coa seguinte reflexión: Estou convencido que moitos galegos e galegas comparten comigo a idea de que vivimos nun auténtico paraíso natural, e de que en ningún país do mundo podería promoverse unha política verde, circular e sustentable, con máis éxito que no noso.

Estou convencido tamén de que moitos galegos e galegas comparten a intuición de que detrás de todos eses barrios, castros, castelos, e mosteiros abandonados e deteriorados hai unha historia esplendorosa, que podería e debería ser fonte de riqueza.

Precisamos un goberno con iniciativa industrial, un goberno que esprema as posibilidades do noso patrimonio natural, e que impulse a recuperación e posta en valor do noso patrimonio histórico e cultural.

Non podemos permitirnos o luxo de ter unha esfinxe impasible no goberno, mentres nos rouban o futuro, mentres nos rouban o paraíso.

O 12 de xullo tócanos a nós reorientar a brúxula do goberno galego, darnos a valer, e poñer o país a producir.

PARA QUE O NOSO FUTURO SEXA NOSO, ADIANTE CO BNG!!!

[*] Ramón Fernández Alfonzo (Mon), candidato de Ferrolterra polo BNG ás eleccións autonómicas deste 12 de xullo de 2020. Activista sindical da CIG, ligado ao metal e á industria naval. Licenciado en Dereito, especialista en relacións laborais. Impulsor da alternativa da creación do Complexo Integral para a Construción Naval da Ría de Ferrol que permita superar a dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros, para aproveitar todas as potencialidades das infraestruturas da industria naval de Ferrol e Fene.

https://www.bng.gal/

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
10 de julho de 2020 08:16

@lupeces
http://lupeces.blogspot.com/

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon