A piques de rematar este 2020 de tantas incertezas e dificultades, e a pesar das mesmas, a Directiva de Betula seguiu a traballar no seu obxectivo principal: a custodia e posta en valor do noso patrimonio. Un patrimonio que durante o transcurso dos séculos, e especialmente nestas últimas décadas, se veu desprezado, minusvalorado e denostado; tanto por aqueles que se servían del, como dos que nen sequera o coñecían, chegando a un deterioro que nalgúns casos fai difícil a sua recuperación.
Somos un pobo cun gran patrimonio cultural, natural, paisaxístico e etnográfico, pero que para a maior parte da poboación é un completo descoñecido.Temos una historia que se remonta ao principio dos tempos e que se ve reflectido nos restos arqueolóxicos, na nosa lingua ou nas lendas e contos que son o vestixio do noso pasado e as pegadas que as antigas civilizacións foron deixando ao seu paso polas nosas terras. É por iso que temos castros, mámoas, murallas, castelos ou pazos; temos lendas, contos, mitos, ritos ou seres mitolóxicos; temos una flora e fauna cunha diversidade, variedade e variabilidade biolóxica envexable por outros pobos.
Malia as circunstancias excepcionais que vivimos este ano, que nos obrigaron a alterar o calendario e organización do noso programa anual de actividades, logramos manter as súas liñas xerais e conseguimos levar a cabo a meirande parte delas:
- Compra de terreos nas Fragas do Eume (adquisición de fincas cunha superficie total de 50.473m).
- Compra de dúas estacións meteorolóxicas para avaliar os efectos do cambio climático na flora e fauna das Fragas.
- Compra de maquinaria e ferramentas necesarias para desenvolver as actividades programadas.
- Charla e roteiro das bolboretas do Eume.
- Charla e roteiro dos morcegos. Redes.
- Limpeza simultánea de praias. Seselle.
- Roteiro-convivencia polo Marraxón. Fene.
- Xornada de deseucaliptización en Montefaro.
- Restauración forestal e paisaxística no monte Marraxón. Comunidade de montes de Sillobre. Fene.
- Participación nas Xornadas de Parques Naturais do CEIDA. Sta, Cruz. Sada.
- Participación no curso sobre fieitos do CFEA. Guísamo.
- Xornada de propostas cara á declaración dun ENIL na zona de Montefaro.
- Sinatura de dous convenios de custodia con particulares.
- Xestión con concellos e sociedades cara a dotármonos dun local social e oferta de convenios de custodia e formación medioambiental.
- Visitas e asesoramento a fincas de particulares sobre restauración forestal.
- Visita a finca experimental e de compostaxe de ASPANAES. Fene.
- Reforzó da directiva con novas incorporacións.
- Xestión da web e redes sociais.
Cómpre ademais facer fincapé noutras tarefas levadas a cabo, que, malia non teren visibilidade de cara ao público, requiren de moito esforzo e abondosas xestións por parte de Betula, e que resultan imprescindibles para a consecución dos fins da entidade. Dentro destas outras xestións poderiamos destacar as entrevistas cos/as titulares das fincas a adquirir ou das terras onde se fan as actividades, os desprazamentos aos terreos, a documentación, …, ou tarefas de carácter administrativo relacionadas co plan de actividades, investimentos e actuacións en Parques Naturais.
Así mesmo, queremos agradecer a labor de tódolos/as voluntarios/as que colaboraron na consecución dos obxectivos ao longo de todo este ano, así como dos/as participantes nas actividades desenvolvidas.
¡¡Grazas, porque sen vós non sería posible!!
Seguiremos loitando para que o noso patrimonio consiga o recoñecemento que se merece acorde coa súa riqueza e para que as galegas e os galegos aprendamos a valorar o que é noso.
FELIZ ANO 2021!!!
BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.
http://betula-atlantico.eu/
contacto@betula-atlantico.eu
Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
30 de dezembro de 2020 12:30
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon