domingo, marzo 21, 2021

21 de Marzo Día Internacional da Poesía - O Consello da Cultura Galega funde a poética de Xela Arias coa das novas voces no da Poesía no recital poético: 'O equilibrio dos extremos'


O día 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía. Neste abrente primaveral dun ano de desacougos, incertezas e esperanzas e, ao fío do nomeamento de Xela Arias como figura homenaxeada do Día das Letras 2021, o Consello da Cultura Galega quere abrir un diálogo literario entre novas voces poéticas e a da autora viguesa. Porque ambicionamos ese equilibrio dos extremos que perseguiu sempre Xela Arias, asumímolo canda ela como un desafío permanente e contraditorio -por imposible- e facémolo á escoita deste diálogo entre os versos que 12 escritoras e escritores nacidos a partir da década dos oitenta imaxinaron en conversa íntima con cadanseu poema de Xela Arias, que eles e elas mesmas seleccionaron.

Os textos chegan a nós, lizgairos e senlleiros, nas propias voces que os crearon mais fálannos tamén dende a materialidade do texto e da imaxe e, ao tempo, arman un agasallo comunal, un macrotexto colectivo, integrados (e desintegrados) nesta videocreación encargada á produtora Miramemira. Podes consultar os poemas completos e as pezas orixinais de Xela Arias que os inspiraron no noso especial.

https://youtu.be/gqBEOJzqoNg

Este domingo 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “O equilibrio dos extremos”, un recital que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias (Sarria,1962-Vigo, 2003), homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. Nel, doce escritores e escritoras escollen un poema da autora de “Intempériome” que fan dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “é unha sorte de festa poética que por mor das circunstancias actuáis sería complicado realizar con público e que levamos á rede para darlle unha maior difusión”. Está acompañado dunha videocreación elaborada pola produtora Miramemira a partir das novas obras creadas para este recital.

Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos son poetas que forman parte do proxecto “O equilibrio dos extremos”, que toma o seu nome dun poema da propia Xela Arias. Todos eles comparten o feito de seren moi novos, nados a partir dos anos 80, que permite fusionar diferentes xeracións en consonancia coa personalidade da propia Xela. “Quixemos facer confluír neste abrente primaveral, o inicio dos actos de homenaxe do Día das Letras Galegas e facelo cun aceno ao espírito de Xela de atender ás vangardas e darlle unha oportunidade á xente nova de atoparse coa súa obra” apuntou a presidenta do CCG.

Un recital poético

No especial poden lerse e escoitarse os poemas de Xela Arias e os creados por esta ducia de poetas para a ocasión. Como non hai gravacións da propia Xela, son os novos creadores os que recitan, tanto a poema da homenaxeada como o que eles crearon.

As escollas son moi diversas e axudan a percorrer o legado poético da autora. Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997) seleccionou o poema sen título da obra “Denuncia do equilibrio” para propor “Unha nova atea”. “Intempériome”, poemario que acabou sendo o testamento literario involuntario de Xela Arias, é a obra que máis motiva a moitos destes novos creadores. Diferentes textos inspiraron a Alba Cid (Ourense, 1989), que escribiu “Lava, luz de Bengala”; Berta Dávila (Santiago, 1987), que compuxo “A froita”; máis a Alicia Fernández (Escairón, 1987) e Ismael Ramos (A picota, Mazaricos, 1994) que escribiron cadanseu poema sen título.

En “De tigres coma cabalosXela Arias propuxo “II. Monólogo adicto” que Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) confronta cunha composición titulada “A rabia”; mentres que Tamara Andrés (Combarro, 1992) elixiu “Vente” que confrontou cunha creación que titulou “Huis clos”.

Xela foi unha autora moi activa e a súa obra tamén se atopa espallada en publicacións de variado formato. En 1994 publicou no Boletín Galego de Literatura o poema “Soldados” sobre o que traballou Antón Blanco (Carril, 1996) para compoñer “Dos ximnetes nas cuíñas a quen lles descía polos ollos unha sombra de caeren mortos”. Nese mesmo número publicou outro sen título que inspirou a Arancha Nogueira (Ourense, 1989) a compor “Espazo en branco", Miriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) escolleu outro publicado en “A Nosa Terra” en 1984, “Na xanela desde abril” para escribir a súa “Na xanela desde marzo”. O que elixiu Oriana Méndez (Vigo, 1984) foi publicado en 1983 no “Faro de Vigo”, ambos os dous sen título. Da revista “Dorna”, Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) escolleu “Que lugar” que a inspirou a escribir “Onde aplaque a marea”.

A videocreación

Con todas as intervencións dos poemas creados para este particular recital, a produtora Miramemira realizou unha videocreación que fusiona o material e cobra unha nova dimensión. O resultado é unha peza audioviusal de seis minutos de duración que condensa a esencia desta ducia de creadores e creadoras a propósito dunha das voces máis renovadoras e vangardista da poesía galega como foi Xela Arias.

Primeira parada no camiño

O recital poético “O equilibrio dos extremos” abre as actividades organizadas polo Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas. O pasado 4 de marzo, a coincidir co aniversario do nacemento da autora homenaxeada, presentouse o programa de actividades o espazo web en que se acubillan todas elas. A seguinte cita será no mes de maio cando se dea a coñecer “¡Non te amola!”, unha edición non venal que contará con ilustracións de Bea Gregores (Vigo, 1995) e un prólogo comentado a cargo da profesora da Universidade de Vigo, Ana Iglesias. A obra edítase por expreso desexo da familia e trátase dunha obra narrativa, que se afasta lixeiramente dos seus xéneros habituais e que a autora deixou perfectamente rematada. É un texto extenso, un xénero no que Xela non traballara moito, e no que ficcionou en boa medida a súa nenez.

Como é habitual, o Consello da Cultura Galega organizará o vindeiro 16 de maio, como antesala dos actos de celebración convocados pola Real Academia Galega, o seu Concerto das Letras Galegas. Celebrarase en Vigo, cidade moi próxima á biografía de Xela Arias, e presenza escénica do scrartching nebuloso de PicoAmperio e o carisma magnético de Laura LaMontagne fundiranse coa poesía de Xela nunha proposta estética audiovisual moi anovadora.

Fonte: Consello da Cultura Galega. | 21.03.2021

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon