xoves, marzo 25, 2021

A CIG di basta xa aos despedimentos á carta en Mercadona: inxustos e arbitrarios - O venres 9 de Abril, de 12:30 a 13:30 horas, mobilización diante do Mercadona de Cee, pola readmisión de Lucía


A CIG di basta xa aos despedimentos á carta en Mercadona

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións que o persoal dos supermercados desta cadea está sometido a un exhaustivo control das súas funcións con constantes pre-avaliacións e avaliacións e unha minuciosa supervisión. Valoracións con apreciacións subxectivas que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que considere en cada momento a persoa encargada da tenda.

Cuestións como cobrar ou non a prima anual está condicionado polo resultados desas valoracións, así como a decisión de aplicar despedimentos que son completamente arbitrarios. A CIG considera ademais que deste xeito se trata de xustificar o que en realidade é unha persecución ao persoal que exerce e defende os seus dereitos laborais.

Inxustos e arbitrarios

A sección sindical da CIG de Mercadona denuncia que a empresa tampouco presenta por escrito os supostos incumprimentos dos métodos de traballo internos, o que deriva nunha grave situación de indefensión do conxunto de persoal. Métodos que nas actuais circunstancias, e co exceso de carga de traballo que teñen desde o inicio da pandemia nas 23 tendas da provincia, son imposibles de cumprir durante toda a xornada laboral, para un persoal totalmente extralimitado nas súas funcións. Unha situación que Mercadona xustifica polos problemas de organización e a imprevisibilidade da situación.

Xunto a isto asegura que un mesmo incumprimento supón para unhas traballadoras/es a apertura dunha sanción, para outras unha acta de reprimenda, mentres que noutros casos non acontece nada. En todo caso a CIG rexeita que un incumprimento sirva como motivación á empresa para xustificar un despedimento e moito máis que isto se aplique de forma selectiva e discriminada.

Non obstante, denuncian que o control exhaustivo de tarefas acrecentouse "e segue recaendo na subxectividade da opinión do/a encargada/o de tenda (coa colaboración do departamento de RRHH) a decisión de abrir actas, amoestacións, sancións e suspensos nestas avaliacións persoais a quen non se dobregue ante as esixencias de renunciar a exercer os seus dereitos laborais, atendendo unicamente a dar total prioridade ás necesidades de incrementar a produtividade nas tendas".

A este respecto subliñan a persecución que sofre o persoal que cae de baixa, chegando a darse casos de traballadoras/es a quen Mercadona lles puxo vixilancia privada para controlar o que facían; a dificultade coa que se atopan as mulleres embarazadas para acceder á suspensión de contrato por risco, en cumprimento dos protocolos de prevención; as complicacións para acollerse ás reducións de xornada por coidado de menor que a empresa formaliza con carácter de “revisable mensual/semestral”; así como a negativa sistemática das solicitudes horarias en materia de conciliación da vida familiar e laboral.

"Perseguen a identificación de disidentes do seu sistema/modelo de traballo (que chaman Modelo de Calidade Total) que  Mercadona debe de pensar que está por enriba do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e que, en todo caso, lles sae moi rendíbel. Xa nin que dicir ten dos dereitos sindicais, a política do medo e a represión son cimentos nesta cadea de supermercados", apuntan desde a sección sindical da CIG que seguirá pelexando para que se respecten os dereitos de todo o persoal.

A CIG continua as mobilizacións en Mercadona polos continuos  despedimentos:

Continuamos cunha campaña de manifestacións ante os numerosos despedimentos que esta cadea de supermercados está a levar a cabo: pese ós seus enormes beneficios e á gran sobrecarga de traballo, que atura o Comercio de Alimentación dende o primeiro momento do inicio da pandemia como servizo esencial, non só non reforzan ao persoal, senón que todo o contrario:

D E S P I D E N !

(casualmente ás/os que intentan exercer os seus dereitos)

Venres 9 de Abril, de 12:30 a 13:30 horas, mobilización diante do Mercadona de Cee.

Precisamos o voso apoio para defender os dereitos laborais da nosa compañeira Lucía, pola que reivindicaremos á súa readmisión.

Sección Sindical da CIG en Mercadona - A Coruña

Enlace novas CIG-Mercadona. | Ir á Web.

CIG Comarcal
Rúa Eduardo Pondal, 41/43 entrechán
15403
Ferrol
981358750
981358760

ferrol@galizacig.gal

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
25 de março de 2021 15:05
25 de março de 2021 16:26

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon