mércores, marzo 03, 2021

Esta noite comezou a descargar o gaseiro LNG Borno e o fará ao menos perante 24 horas no peirao de Reganosa, aumentando de xeito exponencial o perigo para a pobación da contorna da Ría de Ferrol, e a regasificación contribuirá a empobrecer as súas xa depauperadas augas

Tags


Esta noite, 3 de marzo, comezou a descargar o gaseiro "LNG Borno" e o fará ao menos perante 24 horas no peirao de Punta Promontoiro. Descargará miles de toneladas de gas natural licuado para Reganosa, aumentando de xeito exponencial o xa de por si perigo que supón a localización da planta regasificadora en Mugardos, para a poboación que vive e traballa na contorna da Ría de Ferrol.

O "LNG Borno", é un buque de 285 metros de eslora e 44 de manga, construído en 2007 que navega baixo bandeira de conveniencia da Bermuda, procede de Bonny un porto nixeriano situado no delta do Niger, unha zona en conflito e das máis contaminadas do mundo, precisamente pola produción e tránsito de petroleiros e gaseiros das diferentes terminais. Conflitos que derivan no empobrecemento e mesmo asasinato da poboación local. Este gas procede dunha das zonas que máis contaminan o Planeta contribuindo ao cambio climático. Un conflito rodeado de corrupción e sangue, que nunca termina, polos intereses económicos das grandes multinacionais como Shell que xa foi condenada en varias ocasións.

A Ría de Ferrol segue deteriorando-se

A descarga produce-se despois de dous anuncios moi interesantes para o negocio do gas da transnacional "local" (Reganosa) que durante case dúas décadas recibiu grandes cantidades de diñeiro público, convertida nun holding multinacional (Reganosa Holdco), participada, con capital público, pola Xunta de Galicia que foi no seu auxilio, despois de ser abandonada polas antigas socias maioritarias (Endesa e Gas Natural), sen necesidade de mobilización sindical, nin institucional. "La Voz de Galicia", foi a que deu en primicia as novas, xornal implicado ate a medula na defensa de Reganosa desde o inicio do proxecto, chegando a mentir en innumerábeis ocasións, sen doer-lle prenda, mentiras que destaparon as 5 sentenzas do Tribunal Supremo declarando todas as irregularidades e ilegalidades que rodearon, perante anos, ao proxecto da Planta de Gas. As novas para o bon negocio da mencionada, son dúas, unha que Reganosa amplía a rede empresarial facendo-se coa xestión dunha pequena planta de gas en Cerdeña e a outra é que o pasado ano a actividade da regasificadora na Ría aumento un 60%. A tradución real é que o Grupo Tojeiro é un pouco máis rico, a costa de que aumente nun 60% o perigo (e as probabilidades dun accidente) para as persoas que moramos na contorna de Reganosa, dentro dun círculo que debuxa un radio de 3.000 metros, tomando como centro o Complexo Petroquímico de Punta Promontorio. Por outra banda, tamén quere dicir que Reganosa aumentou a súa contribución ao deterioro da Ría, ao aumentar un 60% a súa actividade, e con isto tamén aumenta un 60% a sopa química que produce a base de restos de hipocloritos, ademais de esterilizar máis de cen mil millóns de litros de auga da Ría (provocando a morte de larvas, ovas, especies, plancton, rompendo a cadea trófica).

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon