mércores, marzo 17, 2021

Paloma Rodríguez - Adeus a unha muller loitadora, feminista, socialista e republicana


"Imposíbel dicir adeus a unha amiga e compañeira extraordinaria, unha referente do socialismo e do feminismo. Inmensamente agradecida polo honor de coñecerche, Paloma. Nunca che esquecerei". Beatriz Sestayo Doce | 15 de mar 2021 | @BeatrizSestayoD.

Deixa-nos a feminista, socialista e republicana, Paloma Rodríguez Vázquez, con só 64 anos de idade, despois dunha grave enfermidade contra a que combateu perante un tempo. Paloma era Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, especialista en Psicoloxía Aplicada, pola Universidade de Santiago de Compostela, mais tamén profesora de EXB. Técnica especialista en Muller, Historia e Sociedade, pola Universidade de Santiago de Compostela e docente de profesión. Mais tamén estivo á fronte da Dirección do Centro de Información dos Dereitos da Muller, do Instituto da Muller, na Coruña (1988-1996) e con posterioridade, perante moitos anos como Xefa da Sección de Programas do Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia.  Promoveu e foi a presidenta do Forum Galego de Política Feminista (2006-2010). Na última década, volveu á docencia no CEIP Centieiras de Fene, sen deixar de desenvolver políticas de igualdade no mesmo centro de ensino na súa actividade docente .

Paloma escribiu en centos de plans de igualdade, guías, programas de acción, conferencias internacionais, documentos, relatorios, borradores de leis, ... mais tamén escribiu para o público infantil, xunto a Cristina Justo Suárez, e coas ilustracións da artista galega-elovena Spela Trobec-Jovanovic, varios libros da colección "A igualdade conta" de Edicións Embora, de moito valor: 'O segredo de Flora' (2010), 'O país dos mandóns' (2010), 'A urna dos desexos' (2010), 'Iriña bailarina'(2013) 'Canto te quero, profe!' (2013) e Teño dúas casas (2013). Foi unha educadora comprometida, moitos dos textos que se utilizan nas institucións, sobre a loita das mulleres contra o machismo e pola igualdade son dela, ademais escribiu nesta colección de libros cos que se levan educando estas últimas xeracións alí onde hai uha mestre ou un mestre comprometido coa igualdade.

A raíz dun incidente no Congreso, onde se despoblou o despacho da deputada ourensán Laura Seara, o xornalista Xavier R. Blanco, escribía en 16 de setembro de 2015, un artigo no xornal 'La Región' sobre a actividade das deputadas e deputados na cámara baixa española (con Mariano Rajoy na presidencia do Goberno), destacando que "a deputada socialista pola Coruña, María Paloma Rodríguez Vázquez, é a quinta deputada máis activa malia substituír ao exministro Francisco Caamaño en novembro de 2012. Das 3.548 iniciativas presentadas, 47 foron preguntas orais, 3.486 escritas e solicitou informes en 15 ocasións. Ademais realizou 43 intervencións parlamentarias, 5 no Pleno e 38 en comisión". Mais a actividade de Paloma, no seu tempo de deputada foi estar a carón, coa súa presencia, da xente que loitaba nos diferentes conflitos sociais que se desenvolvían nas comarcas, moitas das súas iniciativas estaban relacionadas cos mesmos. Significando-se o seu compromiso coa loita feminista e coa memoria histórica.

Foi significativa tamén a súa actitude, o 11 de xuño de 2014, cando no Congreso dos Deputados se aprobou a lei de abdicación de Juan Carlos I e a súa sucesión na figura de Felipe II como Rei de España, co apoio do PP, PSOE, UPyD, Foro Asturias e UPN. A web da rTVE detallaba asía a noticia: "Do mesmo xeito que Odon Elorza, tamén romperon a disciplina de partido outros dous deputados socialistas que optaron por non participar na votación. Son os casos do deputado balear Guillen García Gasulla e a parlamentaria galega Paloma Rodríguez Vázquez por non estar de acordo coa posición do grupo socialista de apoiar o texto e reclamar liberdade de voto".

Durante os últimos anos, formou parte da executiva local do PSdeG-PSOE con Beatriz Sestayo, mais estivo dedicada na axuda ás mulleres que sufrían violencia machista, na presidencia da asociación Alvixe de Ferrrolterra que ten a súa sede na Casa da Muller de Ferrol. E segundo o xornal dixital Ferrol360, Paloma Rodríguez dedicou-se aos coidados: "...ademais de lidar coa súa enfermidade veu coidando da súa nai dependente todo este tempo,..." e aparece publicamente o pasado verán "no documental Ferrol abre a porta contigo que se realizou desde a Concellería de Muller e Igualdade de Ferrol".

Paloma, era unha boa compañeira feminista, loitadora, socialista e republicana, boa persoa, transmitía temperanza, equilibrio, sempre paciente e dialogante. Desde Ártabra 21 obrigadas e obrigados.
_______

Fotos: A penúltima foto é de Angel Manso e última de Estevo Barros.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon