luns, marzo 08, 2021

Podemos Ferrol reclama ao Concello que incorpore a perspectiva feminista á súa acción de goberno - Rexistrar unha moción na que insta ao Concello a poñer en marcha medidas que incorporen a perspectiva de xénero, feminista, interseccional e de dereitos humanos na súa acción de goberno


Podemos Ferrol reclama ao Concello que incorpore a perspectiva feminista á súa acción de goberno

Susana López, enlace de feminismos e secretaria de organización de Podemos Ferrol: "As estatísticas da brecha de xénero seguen amosando a inxusta e precaria situación que padecen as mulleres en Galicia”

A formación reclama a todas as administracións públicas do Estado que adopten medidas inmediatas para garantir a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres


Podemos Ferrol ven de rexistrar unha moción na que insta ao Concello a poñer en marcha medidas que incorporen a perspectiva de xénero, feminista, interseccional e de dereitos humanos na súa acción de goberno. A iniciativa reclama tamén ao Pleno municipal que esixa a todas as administracións públicas do Estado que garantan a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

A igualdade de xénero é un dos retos pendentes desta sociedade, pero tamén é un dos obxectivos alcanzables para este Concello”, explicou a secretaria de organiación de Podemos Ferrol, Susana López, quen subliñou que as estatísticas sobre a brecha de xénero “seguen amosando a inxusta e precaria situación que padecen as mulleres en Galicia”.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística (INE), a brecha nas taxas de emprego medrou un punto desde o ano 2014 e alcanza xa os 9,1 puntos porcentuais, No cuarto trimestre do 2020, a brecha en relación á taxa de paro aumentou 0,6 puntos en comparación co trimestre anterior, o que implica unha diferencia do 2,9% entre as taxas de paro de homes mulleres. Un valor que non se alcanzaba desde 2008. A taxa de paro é do 10,3% para os galegos e do 13,2% para as galegas. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a brecha salarial de xénero en Galicia é dun 20,6%: as mulleres gañan de media 794 euros mensuais por cada 1000 euros mensuais que gaña un home.

Susana López lembrou tamén que a estrutura patriarcal e os estereotipos de xénero, aínda fortemente arraigados na sociedade, xunto coa carga de traballo inxente que soportan as mulleres (o dobre de mulleres que homes destinan a tarefas do fogar polo menos unha hora cada día), son obstáculos que impiden que alcancen determinados postos de responsabilidade ou ocupen suficientemente os espazos públicos. Por poñer un exemplo: o 82,4% de quen ocupan a presidencia dos Concellos galegos son varóns, e só hai un 176,% de alcaldesas. Das 8.088 alcaldías de todo o Estado español en 2019, só 1.756 están gobernadas por mulleres.

A moción de Podemos pretende tamén comprometer ao Concello para garantir o dereito ao coidado e á conciliación, xa que son as mulleres quen asumen maioritariamente esas responsabilidades: máis dun 80% das persoas que solicitan excedencias para coidar a familiares son mulleres, cifra que ascende ata un 90% cando se trata do coidado dos fillos e fillas. Unha situación que reflexa á inxustiza á que se enfrontan as mulleres galegas, e que tense agravada pola covid-19, xa que a pandemia tensionou aínda máis ese sistema de coidados que posibilita o funcionamento da estrutura social tal e como a coñecemos.

A igualdade de xénero ten que ser a prioridade na axenda do goberno do Partido Socialista en Ferrol”, dixo Susana López. “Por iso instamos ao Concello a incorporar a perspectiva feminista á súa estratexia política, porque é a ferramenta fundamental para que avancemos cara a esa sociedade xusta, igualitaria e solidaria pola que avogan a maioría cidadá deste país”, concluíu.

Ferrol, 5 de marzo de 2021

Podemos Ferrol

https://www.facebook.com/PodemosFerrolOficial/

Susana López Verde – secretaria de Organización e enlace Feminismos

Ana Mª Guzmán – secretaria de Comunicación
ferrol@circulospodemos.info

Enviado:
Podemos Ferrol
-ferrol@circulospodemos.info-
7 de março de 2021 12:06

_______
 


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon