mércores, abril 21, 2021

O BNG demanda melloras na sanidade e chama a secundar ás mobilizacións de SOS-Sanidade Pública - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolveu esta mañá un reparto informativo coa participación do portavoz municipal, Iván Rivas, e do Deputado, Mon Fernández, para dar a coñecer as súas propostas de cara a mellorar a sanidade pública e facer unha chamada á participación na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública mañá mércores 21 de abril, ás 20 horas, diante do ambulatorio.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito.

Rivas indicou que a crise sanitaria da Covid 19, como en tantos outros aspectos da nosa vida cotiá, deixou ao descuberto as consecuencias de décadas de políticas de acoso e derribo da sanidade pública desenvolvidas tanto pola Xunta de Galiza como polo goberno do estado. A situación que vivimos ao longo destes meses é produto da falla de recursos económicos que a administración estatal asigna aos galegos e galegas para xestionar unha sanidade descentralizada na xestión, pero ferreamente controlada e centralizada na súa dotación económica. Por outra parte é produto dunha xestión deses recursos económicos por parte da Xunta de Galiza orientados cara o adelgazamento da sanidade pública e a promoción da sanidade privada.

En Ferrol vivimos esta realidade dunha maneira máis crúa, se cabe. Evidenciouse na salvagarda desa sanidade privada a cal non se lle derivou un só paciente con Covid 19, ao longo da última vaga deste ano 2021. Evidenciouse tamén na carencia de recursos humanos e que pese a existir os espazos para poder desenvolver a atención a eses pacientes tiveron que ser derivados a outras áreas sanitarias como a de Lugo e Pontevedra produto de non contarmos cos medios e os recursos humanos para poder atendelos e se evidenciou en que existen, a dia de hoxe, listas de espera de semanas para conseguir unha cita, situacións provocadas polo peche de centros de atención primaria ao longo dos últimos anos, como o exemplo do consultorio da Graña pechado no mandato do PP nesta cidade.

Iván Rivas afirmou que en Ferrol e nesta comarca o obxectivo pasa por dotar e mellorar a atención primaria, reabrindo os consultorios pechados como o da Graña, pasa por mellorar o cadro de persoal dotándoo dos recursos humanos que permitan poñer a funcionar areas hoxe clausuradas como as que existen no Hospital Naval. Pasa por acometer dunha vez os investimentos durante tanto tempo demandados para a renovación do complexo hospitalario da cidade e pasa por desenvolver un plan de choque para a reactivación das intervencións cirúrxicas, das probas e das consultas presenciais.

Para o BNG se algo debemos ter aprendido do que ten acontecido ao longo do último ano é que a sanidade pública é un dos nosos piares como sociedade e o obxectivo pasa por reforzala, mellorala e consolidala para o futuro. Por siso facemos unha chamada a secundar a mobilización convocada mañá na nosa cidade pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Ferrol 20 de abril de 2021.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de abril de 2021 08:02

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon