xoves, abril 29, 2021

Reganosa estivo incumprindo a Normativa de Seguridade de Navegación dentro da Ría, ao atracar o 'Maria Energy LNG' a menos de 100 metros do petroleiro 'Levantine Sea' - Vídeo



O 'Maria Energy', é un buque gaseiro de 290 metros de eslora por 46 de manga, que navega baixo unha bandeira de conveniencia de Liberia, construído en 2016. O LNG 'Maria Energy' arribou ao peirao de Punta Promontoiro (Mugardos), para cargar 4.600 m3 de LNG de Reganosa (Posta en frío dos tanques), proceso que durou unhas 50 horas, nun dos diferentes negocios da regasificadora, aínda que isto signifique aumentar as probabilidades de risco para a poboación que moramos na contorna da Ría. Para o holding gasista supón negocio e aumentar a baixa porcentaxe de utilización da planta, para xustificar a súa permanencia no sistema. Pois o historial de utilización da planta é moi baixo respecto á súa capacidade e previsións no documento xustificativo para a súa construción.


Reganosa sempre cobra do tesouro público

Hai que ter en conta que Reganosa sempre cobra do tesouro público (máis de 8 millóns de consumidores de gas domésticos, industriais e comerciais pagan en forma de peaxes, impostos e cargos) só polo feito de ter gas dispoñíbel para abastecer o sistema gasista peninsular, unha rede local de gasodutos, por carga e descarga de gaseiros e cisternas, considerando á planta dentro da rede básica (Lei 34/1998 de 7 de outubro) segundo as planificacións estatais dos sectores da electricidade e gas en diferentes períodos desde 2002. Desde novembro de 2007, Reganosa estivo percibindo, liquidacións económicas do Sistema Gasista, a correspondente retribución polas instalacións e actividade da planta de Mugardos, sen que os permisos de construción e autorizacións de funcionamento foran os adecuados e sempre condicionados a cumprir os requisitos sobre "condicións de seguridade, protección do medio ambiente e adecuación urbanística", precisamente os tres que as sentenzas do supremo cuestionaron, anulando ditos permisos e autorizacións.

Adecuación Urbanística con complicidade institucional e política

O requisito de "adecuación urbanística", resolveron-no, o 20 de xuño de 2012, coa complicidade política e institucional do Concello de Mugardos e a Xunta de Galicia, adecuando -cinco anos despois da posta en funcionamento e case 10 desde que se iniciara a súa construción-  o PAXOM aos intereses de Reganosa.

As condicións de seguridade e protección do medio ambiente imposíbeis de conseguir

Os outros dous requisitos de "condicións de seguridade e protección do medio ambiente", aínda que se lle outorgara a DIA, o pasado 2 de decembro de 2020, en resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental -pola que se formulou Declaración de Impacto Ambienta (DIA) do proxecto de instalación da planta de gas-, son imposíbeis de conseguir, pola localización da planta dentro da Ría a poucos metros de núcleos de poboación, á beira dun complexo pretroquímico (que almacena máis de 300.000 m3 de liquidos inflamábeis), unha fábrica de colas (Imegasa) e unha planta de coxeneración eléctrica (que funciona a base de queimar fuel-oil), unha base naval militar e ter que atravesar os buques gaseiros un sinuoso, estreito, pouco profundo, longo e de fondo rochoso canle de entrada da Ría o que imposibilita ao buque saír polos seus propios medios como require a normativa UNE EN ISO 28460:2011 (Industrias do petróleo e do gas natural. Instalacións e equipamento para gas natural licuado. Interfaz terra-navío e operacións portuarias - ISO 28460:2010).

Unha manobra realizada cun coeficiente de marea moi alto

Por se fose pouco, toda esta manobra, do pasado 26 de abril de 2021, fixo-se, en plena baixa mar, cun dos máis altos coeficientes de marea (110) que se coñecen na Ría de Ferrol desde que hai rexistros. Tomando como referencia o nivel medio do mar (NM), a baixamar de pola mañá foi de -1,9 metros, a baixa mar máxima rexistrada nas táboas de mareas de Ferrol é de -2,1 metros. Os grandes coeficientes levan a grandes e baixas mareas; adoitan producirse grandes correntes e movementos dos fondos mariños. A primeira marea baixa foi ás 10:32 horas, hora na que comezaron as manobras do buque gaseiro 'Mari Energy LNG' entre punta Leiras e a punta do martelo, onde o calado máximo está entre 14 e 15 metros.

O petroleiro 'Levantine Sea' levaba un día atracado en Punta Promontoiro

O petroleiro 'Levantine Sea', tamén é un superbuque que navega baixo bandeira de conveniencia de Liberia, construído en 2018, de 250 metros de eslora e 44 de manga que procedente de Rotterdan (Holanda), arribara a primeira hora da mañá do pasado domingo 25 de abril, no mesmo peirao de Mugardos, para o comercio de fuel-oil con Forestal del Atlántico. A normativa marca unha distancia mínima de 200 metros, nestes casos no que o gaseiro vai cargar GNL en Reganosa, cuestión que reiteradamente se está incumprindo, co consentimento das administracións e a vista gorda (moi gorda) da Autoridade Portuaria, que é a encargada de controlalo. Feitos que este CCE ten denunciado, en numerosas ocasións, e á Dirección Xeral da Mariña Mercante, que pasa tamén do tema.

Irresponsabilidade e lamentacións

Cando ocorra una desgracia, ninguén se sentirá culpábel de estar sempre mirando para outro lado en beneficio dos intereses dunha empresa ilegal, perigosa, deficitaria e innecesaria e dunhas personaxes que levan 20 anos beneficiándose do diñeiro público, e de todas as trampas e ilegalidades, a costa da nosa seguridade.

Planta de Gas: Peche Xa !!
Planta de gas, fora da Ría !!
Gas Non é Solución !!

#GasNoneSolucion
#PlataDeGasForaDaRia



Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Info baseada na enviada por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
26 de abril de 2021 13:21

_______

Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Gas e fracking. | Ecoloxistas en Acción.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon