xoves, xuño 17, 2021

Arribada do Escuadrón Zapatista 421 a Vigo para dar inicio a unha Xira pola Vida mundial que arrancará no noso continente coa consigna 'Despertade' - Delegacións e medios internacionais chegan a Galiza para participar na benvida prevista para esta fin de semana e arroupar e vivir este momento histórico


ARRIBADA DO ESCUADRÓN ZAPATISTA 421 A VIGO

“A Montaña” confirma chegada inminente a Vigo para dar inicio a unha Xira pola Vida mundial que arrancará no noso continente ca consigna “Despertade”

Delegacións e medios internacionais chegan a Galiza para participar na benvida prevista para esta fin de semana e arroupar e vivir este momento histórico


O ano do 2021 cumpriranse 20 anos da Marcha da Cor da Terra, a que realizamos, xunto cos pobos irmáns do Congreso Nacional Indíxena, para reclamar un lugar nesta Nación que agora se desmorona. 20 anos despois navegaremos e camiñaremos para dicirlle ao planeta que, no mundo que sentimos no noso corazón colectivo, hai lugar para todas, todos, todoas. Simple e sencillamente porque ese mundo só é posible si todas, todos, todoas, loitamos por levantalo”.

Galiza (SLUMIL K´AJXEMK´OP), 16 de Xunho 2021. Nos vindeiros días chegará a Vigo o Escuadrón 421 (4 mulleres, 2 homes, 1 otroa), unha Delegación do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) que zarpou a principios do mes de maio dende "Isla Mujeres" (Quintana Roo, México) no barco “La Montaña”, rumbo á Cidade Olívica cunha mensaxe: Acordade.

Dende que na Europa de abaixo e á esquerda tivemos coñecemento da visita, vimos organizándonos para recibilxs. Cando o pasado 26 de abril anunciaron a través de "La Ruta de Ixchel" que o porto de chegada do barco sería Vigo, intensificouse a coordenación en toda Europa para organizar o recibimento e acollida na Galiza, tanto do Escuadrón 421 como das persoas doutros lares que se están a achegar á nosa terra para vivir connosco este momento histórico.

Na Galiza constituíuse a Asamblea Galega da Xira pola Vida, integrada por máis de corenta colectivos e persoas a título individual. Faladoiros, seminarios, encontros, proxeccións de documentais, concertos ou mesas informativas son algunhas das actividades desenvolvidas nestes meses, accións que están a ser levadas a cabo tamén en numerosos países europeos [1].

O 14 de xuño obtivemos a confirmación da saída de "La Montaña" en dirección Galiza. Dado que a arribada do Escuadrón é inminente, delegacións de Suíza, Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Irán e Euskal Herria están xa en Vigo, agardando canda a coordenadora galega ás delegacións internacionais e de diferentes puntos do Estado español que están xa de camiño para recibir xuntas ao Escuadrón 421.

Con toda a nosa ilusión estamos argallando un acto de benvida nas inmediacións do Porto de Vigo, ao que seguirán distintas actividades nos días seguintes, das que tamén iremos informando. Tamén temos planificada para o Escuadrón e as persoas aliadas que desexen sumarse, toda unha axenda de percorridos e contactos cas loitas do país, cuxas datas serán confirmadas máis adiante.

Estamos moi contentas de realizar este primeiro contacto cas persoas que traballades nos medios de comunicación. Agardamos que esteades tan ilusionadas e ilusionados coma nós o estamos con este acontecemento, que ben seguro vai contar cun eco mediático internacional que se vai prolongar alomenos durante uns meses.

Para acceder a toda a información de fondo relativa á Xira pola Vida lanzada polo EZLN, cómpre acudir aos comunicados publicados en http://enlacezapatista.ezln.org.mx/ dende outubro do 2020 até onte, 14 de xuño de 2021.

Para coñecer as actividades que se viñeron desenvolvendo nestes meses na Galiza e no mundo no marco da Xira pola Vida, achegamos o noso blogue: https://www.xirapolavida.org/

Para estar ao fío dos seguintes movementos, recomendamos seguir as canles de comunicación dixital (IN/FB/Twitter) da Xira pola Vida Galiza a través de @xirapolavida .

E, en xeral, para o que precisedes, estamos eiquí:  xirapolavida@riseup.net .

O día anterior ao acto de recibimento do Escuadrón 421 achegarémosvos toda a información da que dispoñamos e que poida facilitar o voso traballo, incluídas localizacións, horarios e planificación.

Moitas grazas pola vosa atención e difusión

A Xira pola Vida vai!!

EUROPA, ACORDA!!

ARRIBADA DO ESCUADRÓN ZAPATISTA 421 A VIGO
16/06/2021

Enviado por:
xirapolavida@acefala.org
-xirapolavida@acefala.org-
16 de junho de 2021 17:50

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon