luns, xuño 21, 2021

Novamente, o SERGAS, pechará camas hospitalarias co argumento das vacacións e a falta de persoal substitutx, aínda que a verdade é que o obxectivo é seguir recortando gastos, reducindo a actividade asistencial


Dende a AGDSP queremos manifestar a nosa máis enérxica protesta, pola irresponsable actitude da Consellaría de Sanidade, durante o verán.

Novamente, o SERGAS, pechará camas hospitalarias co argumento das vacacións e a falta de persoal substitutx, aínda que a verdade é que o obxectivo é seguir recortando gastos, reducindo a actividade asistencial.

Pecharanse 135 camas en Vigo (que se suman ás 120 pechadas no Hospital Meixoeiro), 131 na Coruña, 128 en Lugo, 91 en Santiago-Barbanza, 67 en Pontevedra e 36 en Ferrol.

Esta decisión, supón un grave risco para a saúde das persoas con enfermidades e necesidade de atención hospitalaria, tras a suspensión de consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas pola pandemia COVID, xa que:

✔ Incrementa o déficit de camas tras o peche de 1.013 desde o 2008. Galicia dispón de 3,3 camas por cada mil habitantes: un 66% inferior ás 5 por mil da Unión Europea.

✔ Coincide cun aumento da demanda de atención hospitalaria: con 334.493 hospitalizacións e 290.333 intervencións cirúrxicas, e cun aumento da lista de espera cirúrxica que creceu un 25%, así como as consultas nun 14% (pese á maquillaxe).

✔ Non permitirá afrontar o exceso de mortalidade por enfermidades oncolóxicas, cardiolóxicas, neurolóxicas, respiratorias..., agravadas e pendentes de diagnosticar e tratar polo peche de camas, plantas, recursos diagnósticos ou operacións, durante a pandemia (en maiores de 74 anos, a mortalidade é un 63% superior á esperada).

A isto, habería que engadir que da metade das persoas con enfermidades crónicas, tiveron problemas para continuar con normalidade os seus tratamentos nos centros de saúde e hospitais, polas trabas na derivación, o que supuxo a paralización de probas, de tratamentos farmacolóxicos ou rehabilitadores. Preto do 40% de todas as consultas do sistema foron telefónicas.

Por todo íso, dende a AGDSP, esiximos:

✔ A paralización dos peches de camas previstos este verán.

✔ Un Plan urxente para atender aos miles de persoas que se acumulan nas listas de espera (só na cirúrxica superan as 60.000, 35.817 na lista de espera estrutural e máis de 30.000 estimadas, na non estrutural oculta á poboación). Os centros hospitalarios deben abrir mañá e tarde ata acabar con esta situación.

✔ Recobrar a normalidade nos Centros de Saúde e reforzar os seus recursos para mellorar a súa capacidade resolutiva.

✔ Potenciar a mellora na relación entre Atención Primaria e os Hospitais.


ASOCIACIÓN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA (AGDSP)
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon