Ivan Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, compareceu esta mañá xunto ao alcalde da cidade, o socialista Angel Mato, para dar conta do acordo alcanzado entre as dúas organizacións políticas que permitirá sacar adiante o proxecto de orzamentos municipais para este ano 2021 e que irá a pleno a comezos da semana do 5 de xullo.
Iván Rivas sinalou que unha das necesidades que ten esta cidade é poder contar cuns orzamentos municipais. Esta é unha demanda que desde o BNG levamos insistindo desde o inicio deste mandato, é fundamental contar con orzamentos municipais xa que o feito de non contar con eles limita a capacidade de desenvolver os orzamentos dos anos seguintes debido ás restricións de gasto que estabelece a normativa estatal.
A dia de hoxe, hai unha situación excepcional porque as regras de gasto están suspendidas e polo tanto é crucial que no ano 2021 a cidade de Ferrol conte cuns orzamentos que permitan que en anos posteriores cando se volvan impoñer as restricións de gasto poidamos ter uns limites económicos que nos permitan abordar os grandes problemas que temos na cidade.
Rivas sinalou que o acordo ao que chegou o BNG e o PSOE permite que poidamos convocar o pleno para a aprobación destes orzamentos municipais nunha semana, tempo necesario para resolver os trámites administrativos que nos permitan chegar con toda a documentación en regra e conformada, tendo en conta os acordos aos que vimos de chegar e poder abordar a aprobación do orzamento municipal.
Iván Rivas destacou que este acordo está baseado en criterios de carácter político que teñen que servir de punto de inflexión para o futuro da cidade.
Isto vai permitir abordar dunha vez os procesos de municipalización de servizos públicos. Na actualidade danse na cidade oportunidades para poder comezar a abordar este problema. O servizo que se presta, fundamentalmente na zona rural, de rozas e limpeza de vías remata o seu contrato en agosto deste ano. Un servizo que basicamente ten custes de tipo laboral e a infraestrutura que se precisa é facilmente asequible. Este é o obxectivo que acordamos para acometer nos orzamentos deste ano 2021, municipalizaremos o servizo de rozas e limpeza de vías. Isto implica que o servizos publicos nesta cidade comezan a poñerse ao servizo dos intereses dos veciños e das veciñas e non das empresas concesionarias.
Outro dos criterios de carácter político deste acordo ten que ver coa necesidade de incrementar os ingresos municipais e fiscalizar as grandes empresas que prestan a dia de hoxe os contratos máis cuantiosos que desenvolve o concello de Ferrol. Imos a iniciar o expediente para reclamarlle a Urbaser os máis de 300.000€ que a auditoria do ano 2018 acredita que lle debe aos veciños e veciñas desta cidade, derivados dos pregos de condicións polos que presta o servizo de recollida de lixo e limpeza urbana da cidade e que até o día de hoxe ninguén lles quixo reclamar.
Rivas afirmou que isto ten que servir de punto e aparte para encamiñar unha actuación fiscalizadora e de control da prestación de servizos que se realizan no concello e orientar a prestación destes servizos cara a xestión pública en función dos veciños e veciñas da cidade.
O terceiro criterio é a necesidade de acometer investimentos que complementen os xa presentados por parte do goberno local en barrios cruciais e fundamentais para a cidade de Ferrol. No barrio de Recimil acometeremos a dotación de equipamentos abordando a recuperación e rehabilitación do mercado de Recimil o que permitirá mellorar a diversificación dun barrio que é crucial para esta cidade, porque o futuro urbano de Ferrol pasa por un barrio como este: público e situado no corazón do concello.
Acometeremos investimentos que se desenvolverán na zona rural en barrios como Santa Icía e Brión que serán os que reciban os importes acordados neste orzamento e complementarán ao POS como elemento básico para acometer investimentos na zona rural. Rivas indicou que vai sendo hora que asumamos que temos unha débeda coa zona rural e que empecemos a cumprir con ela.
O barrio do Inferniño será o destinatario de novos investimentos desenvolvendo un parque infantil cuberto que nos permitan ser conscientes da realidade que levamos vivindo ao longo do último ano no que vimos como era moi difícil desenvolver actividades de relación social e ademais facémolo en lugares onde necesitan o apoio por parte das Administracións publicas. Igual que actuacións contempladas no barrio de Santa Mariña.
Outro dos investimentos pactados están orientados a recuperación de espazos esplendorosos que ten esta cidade que se atopan nun estado de deterioro moi avanzado como é o parque do Montón, onde se niciará un proxecto para a recuperación desta zona verde situada nun dos barrios cruciais desta cidade como é o barrio de Caranza.
Xa por último abordamos outra das nosas motivacións e intereses que é poñer en valor aos nosos referentes locais, non só para a cidade senón para o resto do país e para iso imos a abordar a reorientación do proxecto da casa de Carvalho Calero destinando este conxunto de edificacións para usos culturais que permitan convertir este equipamento para o barrio nunha referencia para a cidade e unha referencia para todos os galegos e todas as galegas.
Esta é a proposta a que chegamos e que permite que poidamos abordar a aprobación destes orzamentos de maneira imediata e cobramos unha das grandes necesidades que este concello ten contar con orzamentos municipais este ano 2021.
Así mesmo Iván Rivas animou ao resto de organizacións políticas a que, cando menos, non bloqueen este acordo e permitan que este ano 2021 o concello de Ferrol conte cuns orzamentos municipais.
Ferrol 25 de xuño de 2021.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
Ferrolterra | Web.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de junho de 2021 15:26
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon